É unha mágoa que tanto a primeira fotonovela (de 2014) como a segunda (máis carghada de bombo) non rexistren o nome do obradoiro de artes gráficas onde foron editadas, xa que, en prol da transparencia, moito conviría unha consulta para saber a canto ascendeu a voda e a revoda. Suponse que o importe ha figurar no libro de contas do Concello (probabelmente, no apartado “Outros gastos”); por desgraza, en Cerdedo non hai oposición que, anque sexa por dignidade, bote as mans á cabeza.
Estamos ás portas de que se cumpra o octoxésimo aniversario do triunfo da dereita en Cerdedo. O último alcalde de esquerdas, o socialista Luciano García Ventín, foi desposuído do seu cargo, perseguido, encarcerado, aldraxado e extorsionado, tras o golpe de Estado fascista de xullo de 1936. O seu sobriño, Ramiro Lois Ventín, canda outros catros membros da mesma familia, todos socialistas, foron fusilados en decembro do ano fatídico. Cunha morea de mortos clamando xustiza, a deriva ideolóxica do PSOE, aquí e acolá, é cousa inadmisíbel. A parroquia nacionalista tamén viviu épocas mellores.
Despois de anos de reiteradas e folgadas maiorías, o Sogro, que foi un dos mandatarios máis lonxevos do mundo mundial (1974-2004), despedíase na prensa afirmando con oufanía que a súa mellor obra fora a remodelación da Casa do Concello.[1] Tempo tivo de reformar o castelo. Aplicando a consigna “Todo atado y bien atado”, acaeceu en Cerdedo o nepótico relevo no poder. Dende as municipais de 2007, o salón de plenos, presidido por o Xenro, vén sendo escenario de malleiras do tipo 10-0. Ben, sexamos xustos, 10-1, pois, as boas tundas aínda son mellores se se adornan co gol da honra. Contan os que o viron que é todo un espectáculo de ensaiada coreografía ver os dez braciños erguerse ao unísono.
Segundo o censo de poboación de 1940 (fonte: INE), o número de habitantes de Cerdedo ascendía a 5.211 (2.101 varóns e 3.110 mulleres). Consonte o censo de poboación de 2014 (fonte: INE), a optimista cifra de cerdedenses acadaba os 1.860 (784 teñen máis de 64 anos de idade (fonte: IGE)). A aplicación, durante décadas, da mesma política (“piche e puntos de luz”), auspiciada por unha intricada arañeira clientelar, deu como resultado unha catástrofe demográfica explicitada na perda de 3.351 habitantes. Non se deixen enganar, Cerdedo non é un concello pequeno, é un concello despoboado.
Sospéitase que nos vindeiros comicios, o panorama sexa susceptíbel de empeorar, porque, ao parecer, non hai en Cerdedo quen dea un paso á fronte e ofreza unha alternativa (por non haber, non hai nin quen ouse erguer a voz). Outra impúdica goleada, e semanas atrás, días ao cabo.
Agora ben, con todo o peixe vendido, como se explica a onerosa necesidade de autoafirmación mostrada pola autoridade na súa arroutada editorial?
A nova entrega da serie “Vida e milagres” semella un álbum Panini de 86 páxinas a toda cor (e mais capa e contracapa). Escusan andar na procura dos cromos ou perder o tempo en trocar os repetidos, porque a colección xa vén completa. Aínda así, mellor sería que o caderno fose mudo, porque, no tocante ao estilo (reseso) e á ortografía (deficiente), o autor é digno candidato, xa non á convocatoria de maio, senón á de setembro. Máis de 100 erros ortográficos en apenas 5 páxinas de texto!!!
Na páxina 2, a dúas columnas, principia o que, comunmente, se denomina “Saúda”. Conmóvenos o exceso de sentimentalismo dos primeiros parágrafos, confésolles que a min tamén se me humedeceron os ollos; mais, cómpre ler entre liñas. Cando a autoridade di, de xeito redundante: “Lémbrome claramente do apoio de cada un dos veciños que naquel día quixestes mostrarme o voso apoio...”, quere dicir, como se comprobará, que tamén se lembra de cada un dos veciños que non lle renderon preitesía.
Chegados ao remate da páxina 3, se lles solicitase aos meus alumnos de literatura que escribisen o tema do relato, decantaríanse abofé por “Excusatio non petita, accusatio manifesta”.
Concordo plenamente co expresado pola autoridade no comezo da páxina 4: “Tampouco podemos obviar que, estes últimos anos, tocounos vivir a que está considerada como a maior crise da democracia deste país”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro: os anos de goberno do plenipotenciario partido da Gürtel minaron de tal xeito os fundamentos democráticos que, tras a pérfida reforma laboral, a sectaria reforma educativa, a privatización da sanidade, o desmantelamento dos servizos sociais, a lei mordaza e a enxurrada de corrupción e ladroízo, un xa non sabe se reside nun país do primeiro mundo ou nunha república bananeira (mellor, eucalipteira). Descoñezo as consecuencias que, para as aspiracións políticas da autoridade cerdedense, poida ocasionar este lapso de sinceridade subversiva.
No tocante á estrita austeridade imposta dende fóra, á vista das publicacións que pagamos todos para enxalce da súa maxestade, axiña se conclúe que sempre hai cartos para o que convén.
Moito se laia a autoridade da desaparecida “comedela do xabarín”, esquecendo a pioneira “Festa da Vincha”, loábel iniciativa veciñal, que foi raposeiramente asfixiada porque non lle producía réditos electorais. Se a tolerancia fose unha das súas virtudes, a Festa da Vincha, celebraría este ano a súa XV edición. A axuda económica que recibía do Concello (cando a recibía) era duns 600 euros, ridícula, se a cotexamos cos 70.000 euros destinados a financiar cada lupanda do porco bravo. Ambas as dúas, ao seu xeito, axudaban a situar este recuncho de Terra de Montes. A Festa do Xabarín, a maiores, solicitaba o voto a cambio dun prato de comida.
Ao respecto dos agradecementos polos consellos e pola crítica construtiva, non hai de que.
O 2015 é ano profusamente electoreiro, xa que logo, fariamos ben en blindarnos da lexión de falabaratos que, sen deixar de mirarse para o embigo, porán a proba a nosa paciencia, prometendo coma nunca para incumprir coma sempre. Asistimos impávidos á macabra constatación da sistémica corrupción institucional. Doe presenciar a impunidade coa que manobran as redes gangsterís vinculadas ás maiorías absolutas. Pouca xustiza se pode agardar dun dinamitado Estado de dereito. Urxe rexeneración, mais, quen lle vai pór o axóuxere ao gato?
Neste tempo de xustificada indignación social, os servidores públicos, os que sostemos economicamente (a algúns por riba das súas posibilidades2) para que xestionen asisadamente o que é de todos, deberan rexerse polo comedimento e a humildade; deberan deixar de dar tantos consellos e escoitar, de cando en cando, algún.
A situación terminalista de Cerdedo é cuspidiña á relatada na lenda “A cidade somerxida”, recollida por Leandro Carré Alvarellos (As lendas galegas tradizonaes, 1969). No relato, a Virxe vagabunda pregúntalle a unha paisana pola decadencia moral na que se some a cidade de Beria. A muller respóndelle: Porque ninguén quere se poñer a mal côs que rixen e mandan na vila; e uns porque s’arriquecen, e outros porque viven ledamente sen grandes traballos, vanse deixando iren. E os probes inda menos, que nada podemos facer contra dos máis podentes... E todol-os bos vanse indo pra outras terras; e así a perdizón é maor a cada día. Tras escoitar as explicacións da vella, a Virxe toma a decisión de asolagar a cidade de Beria. Agardemos que a Nosa Señora de Fenosa non se lle dea por recuncar na idea de alagar a valiña.
E pasando nas follas do catálogo haxiográfico, atinximos a paxina 6, remate dunha longa introdución enchoupada de recorrente autobombo. O mellor agardaba por nós ao final, xa que o panexírico deriva en libelo.
Reitero o dito, os políticos deberan facer máis e falar menos (e escribir, a ser posíbel, nada). No penúltimo parágrafo, antecendendo os agradecementos e as apertas, froito dunha inopinada transformación jekyllhydeana (desculpen o palabro), aquela “boa persoa”, aquel “home responsable”, aquel que pedía “mil perdóns” e que facía “propósito cada día para non cometer erros nin causarlle prexuízo a ninguén”, carga desaforadamente contra os veciños que, segundo a súa opinión, “poñen paus nas rodas da evolución”, cualificándoos, ademais, de “irrelevantes”, “insolidarios”, “apenas dous ou tres, e case sempre os mesmos”, “xente que nin tan sequera está empadroada en Cerdedo”. Vindo dun alcalde, que aspira a seguir exercendo e cuxa obriga é garantir a convivencia, este exabrupto é absolutamente intolerábel e a vontade de publicalo, dunha pueril irresponsabilidade.
Lémbrolle á autoridade que, mal que lle pese, seguimos vivindo en democracia e que, malia os recortes consumados polo seu partido, segue amparándonos a liberdade de expresión. É evidente que a autoridade dixire mal a crítica e esta doenza é consecuencia da falta de oposición. Vostede está acostumado a facer o que lle peta, sen atrancos, animado por unha lexión de interesados aduladores. Administrar a diverxencia e o descontento tamén vai no soldo. Cando se goberna con man de ferro, facer boa política é asunto desdeñábel. Sementar discordia non está entre as súas atribucións.
Invista toda a súa enerxía en sacar a Cerdedo do buraco no que o meteu e agradeza que haxa alguén que, de raro en raro, lle poña os pés na terra. A grandeza do bo gobernante reside na prudencia, na capacidade de consenso e en aceptar como positivo que non todo o mundo teña por costume ou necesidade facerlle as beiras.
Actúa vostede arroupado por unha maioría absoluta que, se ninguén o remedia, revalidará nas próximas eleccións; que máis quere?, bater algún récord de permanencia? Malo é non saber perder e pésimo non saber gañar. É consciente a autoridade de que os veciños, sinalados como díscolos e descastados, axudan a pagarlle o seu salario e, a maiores, queiran ou non, o seu pasquín electoral. Ante todo, non perdamos a calma.
Gábase vostede na prensa pontevedresa das pelexas que hai en Cerdedo por figurar na listaxe electoral do partido da Gürtel. Se así fose, todos, sen escrúpulos, a cabalo gañador. Mais, de aquí a pouco, como non faga por estimular a demografía, a restra dos seus candidatos e o padrón municipal han ser a mesma cousa. De momento, Cerdedo perde dous concelleiros.
Créame cando lle digo que, por saúde democrática, a existencia do contrapunto, do debate, da confrontación de ideas é imprescindíbel para o progreso dos pobos. Xa que logo, evite fachendearse de que non ten rivais e laméntese de gobernar en soidade. Non hai nada máis perigoso ca o endeusamento e vostede xa revela algún que outro síntoma.
Lonxe queda aquela aspiración de converter Cerdedo nun concello dormitorio, o paraíso da segunda vivenda. Algo ten este territorio que escorrenta a xente de fóra e mais a de dentro. Non habendo solución, conformémonos pois coa figura, meritoria ou merecida, de concello tanatorio. Morrer hai que morrer.
Volvo ao seu arrebato narcisista e resumo, finalmente, o balance da súa década prodixiosa: 20 páxinas de piche, 5 de formigón, 3 páxinas de puntos de luz, 37 fontes, 17 lavadoiros e un lote de churrasqueiras. Sabendo que o uso da lavadora eléctrica se popularizou nos anos 60, sabendo que a auga da traída é tamén unha conquista do pasado, sabendo que a vaca se considera, en Cerdedo, fauna en extinción, sabendo que non hai nin xente, nin humor, nin cartos, nin permiso de queima, para facer grelladas, os seus investimentos son, cando menos, anacrónicos e reiteradamente desaxeitados. Así mesmo, as comunidades de montes deberan reflexionar sobre a pertinencia das obras que se executan co seu diñeiro.
A comisaria de Política Rexional da Unión Europea e a secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos (a súa correlixionaria) esixen “Menos cemento e máis coñecemento”; en Cerdedo, mallan en ferro frío.
Do timo do Sangal xa falei abondo. U-los postos de traballo? U-la parcela de monte comunal? No tocante á Escola Infantil e os parques de randeeiras, é triste realidade que en Cerdedo só figuren censados 32 nenos menores de 10 anos (fonte: IGE). Segundo imos comprobando, a redacción do catálogo dos bens culturais do recén-aprobado PXOM (que demorou unha década) semella que a fixo un can cos dentes. Na escolma dos “Ecos de prensa” aplicouse a censura. No capítulo “Promesas”, salientamos máis piche e, entre outras fantasmadas, a da “área recreativa” que, en ausencia sequera de proxecto, anúnciase botando man dos equipamentos de a saber onde. O papel ten conta do que lle poñen.
O concello de Cerdedo arrastra un problema que require urxente solución: a perda de poboación (a forza vital, a razón da súa existencia). Enfastía comprobar como, allea á realidade, a xestión municipal, moi dada á megalomanía, obcécase no ancheamento de estradas (infrautilizadas), na construción de avenidas, rotondas, viadutos, variantes... A burro morto cebada ao rabo. A campaña informativa “Máis en Cerdedo” de fomento do empadroamento é, a todas luces, ineficaz, porque non persegue os fins que enuncia, senón manter o status dunha autoridade que non predica co exemplo.
Ninguén lle discute o apoio popular, polo que tampouco se lle vai negar o mérito de levar apegado á poltrona dez anos. A maioría é quen de albiscar os seus méritos, sexa como for, todos concordamos en que o listón herdado estaba a rente do chan.
No eido turístico, moito nos aledamos de que caese, por fin, da burra, non obstante, para implantar en Cerdedo un modelo de explotación turística sustentábel, non abonda con manter limpos os camiños. O plan esixe salvagardar a integridade dos nosos valores paisaxísticos e patrimoniais (lembre o arrebato carballicida, non esqueza o AVE que nos vén enriba), encher de contido as rotas de camiñada e dignificar todo aquilo que desexamos mostrarlles aos nosos visitantes.
Desgrazadamente, non somos un prodixio de hospitalidade. As aldeas esmorecen carentes de “horizonte”. Pedre é unha sombra do que foi. A Eira da Pena dá, literalmente, pena. Os nosos bosques son couto forestal da Celulosa. Os nosos ríos, chope das hidroeléctricas. O Museo da Pedra pouco máis ten ca a súa ambiciosa denominación. Como é posíbel que non se presentase alegación ningunha á desfeita que a liña do TAV vai causar na parroquia de Pedre? Éche o primeiro caso de abuso institucional no que os veciños afectados responden co silencio. Por algo será. Dende o Concello concédeselle máis relevancia a un “paseo biosaludable” que ao benestar do pobo e á integridade das aldeas.[3]
Conseguir que Cerdedo se convirta en destino turístico implica discernir a nosa singularidade, crear unha mínima infraestrutura, dotarse dun equipo humano solvente e implicar a veciñanza, fundamentalmente, a hostalaría local (en franca decadencia). Debemos, canto antes, sacudirnos o sambenito de que en Cerdedo “nada vai adiante” (vállanos de exemplo a arruinada escola de parapente). Por outra banda, constatada a súa habilidade negociadora, un plan industrializador que, de verdade, achegue prosperidade e postos de traballo, seguirá sendo unha quimera.
O colectivo Capitán Gosende leva anos traballando en prol da investigación e promoción cultural de Cerdedo e, sendo conscientes das moitas limitacións, demostrou que o sistema funciona. Os froitos da experiencia ofrécense de balde para quen os queira pór en práctica. Lémbrolle, con orgullo, unha pequena mostra do labor realizado: máis de 2.600 persoas guiadas polo monte do Seixo, a Montaña Máxica, e perto de 600 polo “Pedre milenario”. Estas actividades, desenvolvidas con humildade e sen ánimo de lucro, deixaron riqueza en Cerdedo.
O espazo arqueomítico do Seixo, convertido con esforzo e grazas á internet nun referente, segue sendo para vostedes un interesado e patético parque eólico. A montaña do Seixo abrangue cinco concellos (clónicos), así e todo, Capitán Gosende sempre fixo por priorizar os intereses de Cerdedo.
No eido das descubertas, sumamos 10 gravados rupestres e a localización de sete depósitos castrexos en Cerdedo. Moito máis non se lle pode pedir a un entusiasta voluntariado. Esta “pandillita” fai gala da súa independencia. Poderanse acadar máis ou menos obxectivos, pero, polo menos, nós non chuchamos da teta do erario. Pola contra, a súa Concellaría de Cultura, valéndose dun mausoleo infrautilizado, non programa outra cousa ca cultura enlatada.
A ponte de Santo Antonio data de época medieval, é dicir, un chisco anterior á súa chegada ao poder. Os recursos naturais e paisaxísticos, dos que tanto fachendea (e ao mesmo tempo desvirtúa), antes de figurar no seu programa, xa constaban no primeiro libro da Biblia.
En conclusión (2005-2015): 10 anos máis, uns 500 cerdedenses menos.
- La Voz de Galicia, 18-9-2004.
- En Cerdedo: soldo, dietas e gastos de representación, uns 60.000 euros anuais (Faro de Vigo, 25-4-2015).
- Faro de Vigo, 30-1-2014.