Cerdedo e Cuntis só coinciden no algarismo das dimensións, pois, ao respecto da demografía, o concello termal presenta unha densidade de poboación de 63’48 habitantes/km2, mentres que a de Cerdedo é de 24 hab./km2. Malia ter unha superficie semellante á de Cerdedo, o censo de Cuntis atinxe perto dos 5.000 habitantes. Daquela, queda demostrado que, en demografía, o tamaño non importa.
Cerdedo divídese en oito parroquias: Cerdedo, Quireza, Pedre, Folgoso, Parada, Tomonde, Castro e Figueiroa (do latín ficariola “figueiriña”). A forma “Figueroa” é un castelanismo recorrente no papelorio da administración local e na sinaléptica. A lingua galega, prescrita para a nosa toponimia, é o código empregado pola inmensa maioría dos cerdedenses.
Segundo fontes oficiais, en Cerdedo “destaca la belleza de sus paisajes, la frondosa vegetación que en la mayor parte aún no sufrió la transformación por parte del hombre”. Afírmao a ambigua autoridade e un xa non sabe se quere expresar gozo ou consternación. Convido os nosos visitantes a circular por calquera das estradas cerdedenses e a constatar a corta indiscriminada padecida polo arboredo autóctono que as beireaba. Un bo exemplo é o vial de Limeres e, en concreto, a fraga coñecida pola Arnela. No seu día, a autoridade deu orde de cortar polo pé aqueles carballos, argüindo a mellora da seguridade viaria. Consumado o arboricidio, os veciños demándanlle arestora ao Concello (polo momento, en van) a colocación dunhas varandas (“quitamedos”) para evitar que os vehículos (e os seus ocupantes) se precipiten polo cavorco.
Sen abandonar o asunto de “la belleza de sus paisajes”, aínda son perceptíbeis na foresta de Cerdedo as secuelas dos incendios de 2006. Neste senso, a vexetación desbocada, que fai intransitábeis os montes e inhabilita boa parte da terra de labor, é pólvora á espera doutro misto traizoeiro. O desmando da matogueira é un dos efectos do absentismo e do cese da actividade agropecuaria (é dicir, do despoboamento); unha doenza agravada pola inexistencia de contramedidas eficaces.
A paisaxe de Cerdedo, agás pequenos redutos aínda libres da man de “el hombre”, caracterízase polas aldeas en proceso de abandono e ruína, unha chea de camiños atuídos, o feísmo individual e comunal, a anárquica eucaliptización, as repoboacións mal xestionadas, unha hidroeléctrica en cadanseu río, un parque eólico en cadanseu monte (as intencións tamén contan), e unha liña de ferrocarril que, entre viadutos e trincheiras, arrasará a malfadada parroquia de Pedre. Tampouco me saen do sentido o tendido eléctrico por riba da ponte e da ermida de Santo Antonio e a casa natal do Padre Sarmiento vinda abaixo, selleiras iconas da nosa localidade.
Para engadirlle máis dramatismo ao asunto, dispón hoxe a autoridade de 462.000 euros (diñeiro de todos) para investir nunha “ruta por el entorno del río Seixo”. Do total, 154.368 euros destinaranse a “la puesta en valor de las cascadas de Cavadosa y la restauración de varios molinos”. Acompañando a enxurrada de morteiro beige para encintados, proxéctase, no mesmo río e ao mesmo tempo, unha captación e traída de augas para 3.000 usuarios por valor de 1’2 millóns de euros (diñeiro de todos). Os veciños do núcleo de Cerdedo (os únicos beneficiarios) non chegan aos 400 e minguando.
Que criterios se empregarán para “restaurar” esta bela mostra de arquitectura tradicional? Que se entende por “restaurar”? Patrimonio debera actuar de oficio.
Ao respecto, xa en Faro de Vigo (6-1-13), indiquei que a Veiga dos Muíños, na ribeira do Lérez, cumpría todos os requisitos para se converter, a pouco que se axeitase, nun extraordinario reclamo (aliñamento de cinco muíños, de todas as tipoloxías, e mais un serradoiro). Mágoa que o viaduto do AVE vaia fincar os seus piares naquel recanto único.
En definitiva, o atractivo de Cerdedo perdura apenas no seu perfil orográfico. Agardo pois que o subsolo da montaña non agoche coltán ou calquera outro potosí que esperte a cobiza da megaminaría. O lobo non anda por lonxe.
Para converter o turismo en fonte de riqueza, non chega con manter expeditas as vereas, é preciso, de primeiras, decidir que faciana lle queremos mostrar ao mundo, facer inventario dos nosos activos, preservalos, enchelos de contido, promocionalos axeitadamente, formar guías, establecer acordos coa hostalaría local e non vender fume (p. e.: “la gastronomía del jabalí y la carne del monte Seixo”). Ao fío, a conservación da chamada “Rota das Pontes do Lérez” (PR-G113), ao seu paso por Cerdedo, non fai máis ca colleitar críticas negativas na internet.
Despacha a autoridade o asunto do patrimonio deste xeito: “los petos de ánimas, las mámoas, cruceiros, etc.”. Dedúcese neste caso que canto máis curta e abstracta sexa a listaxe dos bens, menos haberá que protexer (ollos que non ven, corazón que non sente). Nós, pola contra, facemos fincapé en que, verbo do patrimonio arqueolóxico, Cerdedo posúe, entre outros, unhas 75 mámoas, 25 gravados rupestres e 19 castros; bens, por suposto, ignorados, vulnerados na súa integridade e carentes da necesaria sinalización. Moito lle conviría a Cerdedo exhumar e facer visitábel calquera dos seus depósitos da Idade do Ferro.
Respecto á aldea de Pedre, non quero ser prolixo, así e todo, fago por reproducir a que é opinión maioritaria: aquela “aldea museo”, aquel “Combarro do interior” sucumbiu baixo a baldosa e o mobiliario urbano. Este modelo de actuación que tamén se aplicou en Quireza e Tomonde e que, polo que se infire, é “marca da casa”, só denota un agudo complexo de inferioridade. Que trauma empurra a transformar as aldeas en áreas residenciais? Como pretendemos vender a nosa salutífera diferenza, a nosa esencia, se facemos pasear o gando baixo a luz dos farois isabelinos?
Fai referencia a autoridade á “ilusión y ganas de trabajar”. É ben certo que a esperanza é o último que se perde, que até a morte todo é vida, etc. etc., pero é igualmente certo que de ilusións só viven os ilusos. En canto ás “ganas de trabajar”, entre os que xa non están en idade (a maioría), os que decidiron cambiar de ares e os que queren e non os deixan, Cerdedo está literalmente “parado”.
En canto ás “ayudas por natalidad”, é evidente que non supuxeron moito gasto, posto que, en 10 anos (2003-13), só viñeron ao mundo 75 novos cerdedenses. Pola contra, cómpre actualizar a decisión “de poner en marcha el Centro de día y residencia de mayores”, pois, o imparábel avellentamento da poboación esixe dotarse de instalacións máis amplas.
No eido das “obras públicas”, esquece a autoridade o uso indiscriminado de herbicidas nas beiraestradas e o innecesario (ou desmesurado) ancheamento do vial O Serrapio-Quireza, exemplo diáfano de severa modificación da paisaxe. En canto aos novos “locales sociales”, o Concello optou por aumentar a cota de feísmo, no canto de adquirir e habilitar algunha das construcións tradicionais. O das “churrasqueiras” ao pé das vivendas deshabitadas e as áreas de lecer infrautilizas son grotesco disfrace de normalidade.
A lectura das “mejoras en la playa fluvial de Cerdedo con la instalación de una nueva zona de juegos con campo de fútbol y vóley” podería levarnos a pensar que Cerdedo presentou a súa candidatura para organizar uns xogos olímpicos. A realidade é que as “melloras” se limitaron a acoutar unha leira con malla de balizamento de obra de cor laranxa que, como imaxinan, non é un prodixio de mimetismo.
O chamado “Polígono Industrial d’O Sangal” acolle só unha empresa, a coñecida pola “colchoeira”. En decembro de 2010, a fábrica de colchóns obtivo da Xunta o permiso para producir enerxía eléctrica fotovoltaica. A día de hoxe, contados son os cerdedenses que se benefician laboralmente desta industria.
O chamado “Museo da Pedra”, coa súa exigua colección esparexida polo chan e sen identificar ou interpretar, semella un mercado de pezas espoliadas, unha aldraxe á memoria dos arghinas cerdedenses, entre eles o egrexio e esquecido Pedro de Monteagudo. Na biblioteca pública están censurados moitos dos libros que, ao longo destes anos, se foron editando arredor da historia e o tesouro cultural de Cerdedo.
De calquera xeito, o que máis vergoña e enfastío me produce é ver o presente e, probabelmente, o futuro de Cerdedo ligado a unha formación política convertida nun aberrante niño de corrupción.
*Faro de Vigo-Terra de Montes (9-11-2014)