O Pico Sacro era un lugar de peregrinaxe do pobo desde tempos inmemoriais. Alí foron sedimentándose lendas e recubríndose de nova relixiosidade aos ritos ancestrais que a partires dun espazo xeográfico singular foron alimentando a imaxinación de quen se sentía amparado pola súa presenza, servindo de referencia para situarse no mundo, de máxima aproximación entre o ceo e a terra, de lugar privilexiado sobre o que outear os límites do coñecido e de albergar nos seus tobos un furado enigmático ou porta cara o descoñecido.
No 1924 sería Castelao cos galeguistas Otero Abelleira e Manuel García Barros quen encetarían un roteiro polo pico que ficaría consagrado cunha nova cita en xullo de 1926 ao redor do día da Patria Galega na que chegaron ó Pico Sacro en peregrinación a Santiago desde Ourense Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Sánchez e Xavier Prado Lameiro. En Silleda uníranselles Florentino Cuevillas e Alfonso V. Monjardín. Alí agardábanos varios membros do Seminario de Estudos Galegos, como Lois Tobío ou Martínez López. No 125 aniversario de Castelao, a Federación de Asociacións Culturais a través das entidades de Compostela (O Galo) e A Estrada (Vagalumes) recuperaron esta referencia da nosa tradición cultural para fixar no calendario esta conmemoración todos os anos coa lectura do Alba de Gloria no que se fai mención expresa deste lugar que nos achega memoria e verdade fronte a un contexto como o do exilio e a represión franquista no que foi escrito este texto que daba conta dun outro intento por facer borrar do mapa un país que sobraba a ollos dun ditador que -como é habitual- proviña precisamente del.
A viaxe do ano 25 sería narrada por Ken Keirades en diferentes publicacións galegas como Vida Gallega ou da emigración, mais regresaría sobre ela tamén no seu exilio interior de Callobre cando á altura do ano 1955 volve por derradeira vez a acabar cos seus osos na cadea a pesares de achegarse xa aos 80 anos. Manuel García Barros na súa “Lembranza do Pico Sacro” revive “días risoños e inda esperanzados” nos que a represión que sufrían “que tiñamos por mala” non se asomaba o máis mínimo a que logo viría. A idea de ir a un lugar físico que por enriba das situacións conxunturais se mantivo ergueito dando conta dun país obxectivo que ía alén da vontade duns homes que pretendían crear unha realidade imperial uniforme e totalitaria para afogar a diversidade e heteroxeneidade, o pluralismo e a variedade natural e cultural. O pico representaba un refuxio para os nacionalistas galegos de entón. Mentres outros querían facer desaparecer a Galiza, eles ían palpar un chan que os conectaba con séculos de existencia desta Terra e deste pobo. Con eles ía Pedro Brey, o fotógrafo de Oca que nos deixaría as imaxes daquela aventura, mais Ken Keirades retratou con maior fidelidade o espírito daquela xeira cando coa súa pluma describía os feitos pois deitaba unha análise psicolóxica de cada un dos camiñantes que nas fotografías non poderíamos albiscar. Véxase senón unha mostra a respecto do membro máis ilustre desta expedición: “Castelao, en ves de avanzar con nós, quedouse un anaco atrás recostado sobre o céspede que facían mol esas carpaciñas enanas de cuia frol tanto gustan as abellas. Ó decirlle se non viña, dixo que si, que xa iría. Cando lle pareceu tendeuse de papo abaixo, tirou a unha banda o chapeu e arrastro, camiñando sobre os cóbados, foise achegando pouquiño a pouco ó borde do barranco e ó estar na beira foi botando a cabeza, tamén pouquiño a pouco, hastra botar os ollos o suficiente pra ver aquilo. Estivo así uns intres quedo, sen rebolir miga e ó cabo foise ceando hastra poder revirarse e pórse de pé. Eu xa lle collera o sombreiro, que o puxo a mar de satisfeito pola aventura que acababa de realizar.
Coido que alguén ten dito que Castelao era un neno grande. Eu tamén así o creo. Un neno grande pro con moitísimo coñecimento”.
Este sábado 19 de xullo, ás 12 da mañá no cumio do Pico, a Asociación Cultural “Vagalumes” convida a repetir a experiencia nove décadas despois.
* Publicado no Faro de Vigo do 17 de xullo de 2014