Ábrese un cartafol en Tabeirós Montes para dar conta das relacións entre dous escritores silenciados polo franquismo. Pódes consultalo nestaligazón.
A correspondencia entre Xosé Ramón Fernández Oxea (máis coñecido como Ben-Cho-Shey) e García Barros abrangue un período de trece anos (de 1956 a 1969), cun total dunhas 35 cartas, aproximadamente. A etapa de correspondecia máis intensa sitúase entre 1958 e 1962. A partir de aquí, a avanzada idade de García Barros (pensemos que no ano 1956, en que está datada a primeira carta, Ken Keirades ten xa 80 anos) xunto cun certo sentimento de frustración e de fracaso converten esta relación epistolar en algo máis esporádico.
Á altura do ano 1956, García Barros encóntrase recluído na súa casa do lugar de Pousada, Callobre. Aínda o ano anterior pasara pola cadea, acusado de ocultar no seu domicilio revistas cubanas supostamente comunistas. Esa non era a razón da súa detención; a verdadeira causa foi ser destinatario e lector da prensa de América, onde se publicaran algúns artigos criticando e burlándose do gobernador civil de Pontevedra con motivo dun acto de homenaxe a Fernández del Riego. Foi liberado unhas semanas despois de ingresar na cadea; pero tivo que sufrir aos 79 anos a humillación de ser detido e privado de liberdade. Isto é unha mostra de como o réxime seguía pendente das actividades dos galeguistas que, aínda que condenados ao exilio interior e ao silencio, non deixaban de ser vixiados.
Como dicimos, en 1956 Ken Keirades estaba en Callobre dedicado ás angueiras agrícolas. Pero segue atento a todo canto se publica, tanto dentro do país coma fóra, no exilio. Mantén correspondencia e amistade cos exiliados (Rey Baltar, Avelino Díaz, Blanco Amor, Rodolfo Prada, Neira Vilas, Valenzuela Otero…), e cos galeguistas do interior (Sebastián Martínez Risco, Francisco Fernández del Riego, Otero Pedrayo…).
Aínda que afirma que “eu levo aquí unha vida bastante isolada, sen outras relacións que as que manteño por correspondencia”, o certo é que está ao tanto das novidades que se van producindo no eido da literatura e da cultura galega en xeral.
Ben Cho Shey
Xosé Ramón Fernández Oxea naceu en Ourense en 1897 e morreu en Madrid en 1988.
Comezou a utilizar sendo moi novo o pseudónimo Ben-Cho-Shey, que logo se faría moi popular, para publicar as súas crónicas da guerra de Marrocos no periódico La Zarpa. Manifesta neses artigos unha actitude crítica co colonialismo e defende os valores da paz e dos dereitos dos pobos.
Ben-Cho-Shey foi un intelectual ao servizo de Galicia; de feito a súa produción é estritamente monolingüe. Destacou como etnógrafo, lingüista, pedagogo, historiador, poeta, narrador e arqueólogo, con traballos publicados en xornais, publicacións especializadas, revistas e libros. Estudou a carreira de Maxisterio e exerceu como mestre ata o ano 1934, en que aproba as oposicións para Inspector de Ensino Primario.
A finais dos anos 20 viaxou por Franza, Bélxica e Países Baixos e observou a problemática do ensino en diferentes realidades sociolingüísticas. Isto fíxolle reflexionar sobre a necesidade de galeguización do ensino e, de feito, publicou un libro de materiais para o ensino en galego: O catón galego.
Estamos hoxe moi lonxe de calquera proxecto de galeguización do ensino, o cal non é sinxelamente a existencia dunha materia de Lingua e Literatura Galega, senón moito máis: un ensino en galego, centrado no noso país, que tome como eixo a nosa realidade e no que teñan unha presenza fundamental os contidos relativos á nosa historia e cultura. A LOMCE, que se vén de implantar neste curso, é unha lei antigalega e uniformizadora. Precisamente para festexar o inicio do curso e a introdución da LOMCE visitaron os reis de España, xunto coas autoridades en materia de educación, o CPI de Pereiro de Aguiar, que leva o nome de Ben-Cho-Shey. Tristemente, o nome do ilustre nacionalista, do que seguramente moita xente descoñece a traxectoria, serviu para o lucimento dunhas autoridades e dun modelo educativo que certamente el desaprobaría.
Xosé Ramón Fernández Oxea foi desde moi novo militante e logo dirixente do nacionalismo. Participou na constitución da delegación ourensá das Irmandades. Estivo na Asemblea de Lugo e foi un dos asinantes do manifesto. En 1930 toma parte na directiva das Irmandades de Ourense e comeza a participar en grandes actos de masas do nacionalismo. En 1931 é fundador e directivo do Partido Nazonalista Republicano de Ourense. A finais dese ano participa na Asemblea da constitución do PG, onde chegará a ter cargos de responsabilidade.
Co levantamento fascista comeza para el un período de persecución: suspensión de emprego e soldo e orde de reclusión na súa casa de Ourense. En 1937 é desterrado a Cáceres.
Na década dos 40 instálase en Madrid. Alí convértese nun elemento fundamental da vida cultural e política relacionada con Galiza. Dálle acollida aos mozos galegos que chegan alá para estudar. Colabora co grupo “Brais Pinto”, participa activamente nos actos organizados polo Clube de Amigos da UNESCO, dirixido por Bautista Alvárez e que servía para encubrir a sección madrileña da UPG. En palabras precisamente de Bautista Alvárez, Ben-Cho-Shey “foi un patriota insobornable, comprometido sempre con todas as cousas que se fixeran a prol do país, fosen estas de carácter político ou cultural […]. O mérito deste home non tivo o recoñecimento do grupo galaxiano. Utilizábano como criado, para levar os libros á censura do Ministerio de Información. Xeneroso como era, algunha vez confesoume a mágoa que lle producía esta incomprensión”.
A relación entre Ben-Cho-Shey e Ken Keirades comeza, como dixemos, no ano 1956. Na primeira carta, de maio do 56, García Barros agradece a felicitación que Fernández Oxea lle enviara polo seu ingreso como membro correspondente da RAG. Dille que conseguiu o seu enderezo en Madrid grazas ao seu amigo ourensán Bieito Fernández:
“[…] un bo amigo de Ourense, Bieito Fernández, galeguista cen por cen, a quen xamais vin, e que nos vimos escribindo unha ou dúas vegadas ao mes dende hai 16 anos. Foi quen me deu a dirección de Vde.”
Son moitos os temas que se tratan nesta relación epistolar entre os dous persoeiros. Como exemplo, podémonos fixar nos seguintes:
Lecturas e impresións das novidades editoriais
Ken Keirades mantén relacións epistolares tanto cos exiliados como co galeguismo do interior. Especialmente nas primeiras cartas vemos que García Barros, aínda que ten a impresión de estar afastado de todo, o certo é que coñecedor das novidades da cultura e da literatura galegas. A través das cartas podemos facernos unha idea das súas lecturas e dos seus gustos:
Hai referencias a textos do propio Ben-ChoShey, sempre con admiración: fai referencia, por exemplo, a Vaites co señorito!, artigo publicado no Faro de Vigo en 1950 no que Fernández Oxea fai unha denuncia da situación do galego. Fai unha análise sociolingüística, culpabilizando as elites sociais por renunciaren ao uso da nosa lingua. Comenta tamén un poemario de Ben-Cho-Shey titulado Verzas: aínda que os textos lle gustan, non así o título:
“O título da última […] chócame un pouco. Non o considero moi poético para un libro de versos. Verzas! Sequera fora “leitugas”, pero “verzas”! Eu téñolle mala lei, porque era delas, de verzas, o caldo de unto que se facía na casa onde me criei, que foi a de meu pai, e mais nas outras de arredor. Non embargantes, estas teñen que ter o seu sal e a súa gracia, como corresponde a unha das plumas máis prestixiosas da nosa Terra. Teño lido moito, moito, de Ben-Cho-Shey!”
Grazas aos envíos que lle vai facendo Galaxia, Ken Keirades está ao día do que a editorial publica. Nos comentarios que dirixe a Ben-Cho-Shey vemos que defende a literatura tradicional e de pouca complicación técnica, o que o sitúa lonxe das novas propostas literarias que chegan neses anos. Así, por exemplo, ten unha actitude negativa perante a Nova Narrativa (en concreto, fai unha dura crítica d´O crepúsculo e as formigas de Méndez Ferrín); non lle gusta tampouco a renovadora proposta teatral do Hamlet de Cunqueiro; nin os poemas con verso libre. Para García Barros é prioritario atraer lectores á nosa literatura, e isto é o que inflúe na súa valoración:
“Cómpre facer libros, e ata folletos, deses que anden de man en man, correndo decote, como andaba o Catecismo da doutrina labrega en tempos que eu ben recordo e os libros de Rogelio Rivero, do que se esqueceron Francisco Lanza, Fernández del Riego e Couceiro Freijomil, o que non considero xusto”.
No entanto, non sempre a actitude perante as novidades temáticas ou técnicas é negativa: de feito, fai unha crítica positiva do Percival de Ferrín e de Nasce un árbore (1954) de Mourullo, que son textos que marcan precisamente o inicio da Nova Narrativa. Fala de forma moi eloxiosa de Non agardei por ninguén (1957)de Ramón de Valenzuela, do ensaio Mito e realidade da Terra Nai, publicado en 1957 por Rof Carballo e da novela Vilardevós de Silvio Santiago (1961).
Grazas aos contactos que mantén co exilio está tamén ao tanto do que se publica por alá, moi especialmente nas revistas que lle envían, como Galicia emigrante, e nas que el tamén colabora nalgunha ocasión (Vieiros, revista do Centro Galego de Caracas, A Nosa Terra…). En concreto, séntese moi ilusionado co proxecto editorial de Neira Vilas e Anisia en Buenos Aires, ten relación epistolar con eles e fala da parella con verdadeira admiración.
“O Neira está traballando en Bos Aires dun xeito sorprendente. Teño o catálogo de “Follas novas” cunha lista de títulos entre os que figuran os meus Contiños e as Verzas de Vde. […] E non lle abonda con iso –refírome ao Neira- senón que colabora en canto periódico galego se publica en Bos Aires. Tivo tamén a fortuna de atoparse cunha muller que nin de encargo, desas excepcionais das que entran poucas en libra” (xaneiro 58)
Pouco a pouco, a vida cultural e política do exilio vai decaendo. Así o percibe Ken Keirades e con tristeza escríbello a Ben-Cho-Shey:
“De Bos Aires teño poucas noticias. Coido aquilo un pouco amortecido. Namais que o Neira rebole. É un prodixioso de rapaz, un milagriño. O conto é que non se estrele, que sería unha perda moi grande” (xaneiro 60)
Finalmente, dá conta do seu disgusto: a parella Neira Vilas-Anisia marcha para Cuba. Así escribe en decembro do 62:
“O Neira Vilas desde que se foi para Cuba, non se acordou máis de min. Unha amiga que teño en Bos Aires, Cecilia de Abril, da que seguramente lle teño falado, mandoume entre outros libros moi interesantes Memorias dun neno labrego, moi ben editado e moi ben escrito”
No ano 1965 Neira Vilas vólvelle escribir a García Barros, falándolle dunha homenaxe que lle están preparando en Buenos Aires e felicitándoo polo premio que obtivo cun conto de Enredos no Concurso de Literatura Galega, celebrado pola Radio Francesa.
Relación co galeguismo do interior: Galaxia e RAG
Podemos destacar, en primeiro lugar, as relacións con Otero Pedrayo, practicamente nunca interrumpidas. Coñecíao persoalmente, pois coincidira con el nunha ocasión na Estrada no ano 36 e outra vez en Vigo. Menciona nunha carta de novembro do 58 o agradecido que se sente polo artigo que Otero lle adicara en La Noche: “Los ochenta y dos años de un buen gallego”. Otero Pedrayo tamén lle escribiu o prólogo para os Enredos.
Mantén tamén relacións epistolares con Bouza Brey, a quen coñecera e tratara persoalmente na Estrada. Bouza envíalle, no ano 1962, unha colección de libros publicados na colección Salnés, de Galaxia, que nacera como canle de publicación dos novos poetas do momento. Ken Keirades non coñecía a colección e ten así a ocasión de acercarse á obra de autores como Augusto Casas, González Garcés…
Como sabemos, a correspondencia entre García Barros e Fernández Oxea comeza no mesmo ano en que Ken Keirades é nomeado membro correspondente da RAG, no ano 1956.
Tras a Guerra Civil, a Academia entrara nun estado de semiclandestinidade, moi próximo á desaparición definitiva. O réxime franquista só toleraba unha continuidade simbólica e testemuñal da Academia, que non volveu constituírse formalmente ata o ano 1943. Coa entrada na Academia de intelectuais procedentes do grupo de Galaxia, a institución vai cobrar un novo pulo e vaise convertir nun elemento importante no proceso de dignificación do galego. García Barros mantén relacións de amistade epistolar con Sebastián Martínez Risco, presidente da Academia e é precisamente a proposta deste, xunto a Leandro Carré Alvarellos e Banet Fontenla, como Ken Keirades se convirte en académico.
Con todo, Ken Keirades, cando lle parece necesario, vai ser moi crítico con este “galeguismo oficial” da Academia e de Galaxia. Expoñerá claramente o que pensa, tal e como fixera sempre, manténdose firme nas súas ideas. Unha das cuestións clave e irrenunciable para el era a da lingua, por iso, moi pouco despois da súa entrada na Academia diríxelle unha demoledora crítica pola súa actitude hipócrita cara o galego:
“Xa que son académico, anque aínda me custe traballo crelo, coido ter que ir pensando na maneira de facer algo que poida corresponder dalgún xeito ao feito ese de o ser.
Non teño aínda o regramento nin me vale o selo de oficio por ter o lema en latín, idioma que descoñezo, apesares de habelo practicado bastante en tempos lonxanos axudando a misa os domingos e días de novena cando o sancristán me deixaba, pois había que contar coa súa venia. Pero tampouco coido necesario para comprender que o obxecto e fins da nosa Academia serán, terán que ser, o depuramento e fixación da lingua galega, que é a nosa, a de todos os galegos, quéirase ou non, anque haxa desleigados que a repudien, “imbéciles e escuros” que dixo Pondal. E velar polo seu prestixio e expandimento ata conseguir que non haxa ningún nado na Terra, ou fillo de quen o fose, que deixe de falala.
Agora ben: son ditos xa vellos eses de que o movemento se demostra andando e de que frai exemplo é o mellor predicador. E non é que eu trate de enxuizar a ninguén, nin nada semellante. Namais que para o meu goberno desexaría saber cantos son os membros da ilustre Corporación a que me veño referindo que adopten a fala galega a decotío nas súas conversas con galegos sen deixarse arrastrar por quen chegue falando doutro xeito; cantos os que teñan adoptado o galego na súa correspondencia particular entre galegos e non se dobren anque non os secunden; cantos os que usen o galego nas súas conferencias telefónicas con xente da terra, e se sosteña aínda que non lle correspondan.
Sei de bastantes que fan todo isto sen seren académicos.
E entre estes, entre os académicos, algúns haberá tamén que o fagan, non faltaría máis. Pero, de que non chegan á metade aínda me arriscaría a xogar algo.
E ogallá perdera!”
Xullo 57
Refírese a este texto nunha carta que lle envía a Ben-Cho-Shey en outubro do 58, criticando de forma incisiva e mordaz a actitude frouxa con respecto á lingua do Centro Galego de Madrid e, en concreto do seu presidente, o xeneral Lobo Montero:
“Eu téñolle certa xenreira a ese Centro desde que tiven o disgusto de escoitar algunhas intervencións por radio do presidente. Polo apelido, do que agora non me acordo, non sei se se tratará dun individuo, un señor, que coñecín un pouco, que fora de rapaz pastor de ovellas nos montes de Castrelo. Que linguaxe se fala por alí? O galego do demo se escoita por ningunha banda. Non entraran por alí nin sequera os volumes de Galaxia. Con esta igual lle mande dúas ou tres follas de “Xa que son académico” a ver se ten a quen espetarllas por alí”.
Con respecto a Galaxia, mantén unha grande amistade con Fernández del Riego. Este promételle levar a diante a publicación dos Enredos. Ao longo do epistolario vemos como Ken Keirades se vai sentindo cada vez máis decepcionado con este asunto. Comeza a sospeitar que o seu libro non é do gusto dos galaxiáns e que só queren entretelo e deixar que pase o tempo sen faceren nada. Del Riego levara a Madrid o orixinal dos Enredos para pasar a censura, pero García Barros non recibe noticias claras ao respecto.
O problema da publicación deste libro está presente en moitas das cartas e é un dos motivos de maior decepción e disgusto para García Barros:
“Escribiume D. Paco dicíndome que estivera en Madrid, que levara o orixinal dos meus Enredos e que tivera que voltar con el por necesitarse tres copias, detalle que non comprendo como el ignorase” (setembro 59).
“Non volvín a ter máis noticia dos meus Enredos. Quizais D. Paco os teña alí a unha banda por ter máis que facer” (decembro 59).
“D. Paco non me di nada desde que me dixo que trouxera o orixinal para facer as copias. Xa hai tempo diso. O que máis me inqueda é ver que os meses vanse indo tras os días e os anos tras os meses que, aínda que se van para todos, aos que estamos máis adiante teñen que preocuparnos un pouco máis. […] D. Paco tan atarefado anda ou debe andar decote que coido que non lle quedará moito tempo para preocuparse do asunto. Eu escribinlle […] e non me dixo nada. […] Agora xa non me atrevo a escribirlle por non molestalo”. (xaneiro 60)
“Escribiume D. Paco dicíndome que xa tratara da impresión do libro, pero que no entretanto o custe da imprenta aumentara case o dobre e que por agora, de inmediato, non se poderá facer nada e que el xa vería, etc. etc. Se se trata da impresión, sinal de que pasou xa a censura; e iso de que pasase a censura é cousa que non podo crer” (xullo 60)
Cando García Barros perde aquí as esperanzas e se sente enganado; entón xórdelle a oportunidade de envíar o texto a Buenos Aires, a través de Rodolfo Prada, coa esperanza de que llo editen en “Follas Novas”. Nas cartas a Ben-Cho-Shey vemos como a preocupación e a frustración de Ken Keirades:
“O orixinal do meu libro saír saeu para Bos Aires. Pero o conto é que aínda non tiven de alá a primeira noticia a pesar de habelas pedido por avión, sen que ninguén me dixera aínda nada. O que teño xa é o prólogo, unha marabilla de D. Ramón” (febreiro 61).
E nun texto de abril do 61:
“Pero o que me trae a mal traer é o non haber tido aínda a primeira noticia da chegada a Bos Aires do orixinal do meu libro. Escribinlle daquela a “Follas Novas” e a alguén máis sen ter resposta. Volvín a escribirlle por avión, como xa fixera daquela, e nada, nada. Escribinlle a del Riego a ver se sabía algunha cousa. Non me contestou tampouco”
Ken Keirades tiña motivos abondos para sentirse decepcionado. Con todo, a súa actitude continúa a ser a dun loitador, crítico cos que renuncian e abandonan os seus ideais. Escribe en febreiro do 61: “anúnciase un libro de Risco, o cal en vez de Reboraina, podería chamarse da Reviraina”. O que está claro é que García Barros nunca se “revirou”.
Conforme pasan os anos, vaise sentindo cada vez máis esquecido por todos. Así deixa constancia nas cartas en numerosas ocasións:
“Neste medio de isolamento en que vivo, para saber noticias de calquera que me aprace sabelas, teño que escribirlle, pois cheguei ao extremo de que por min ninguén pregunta a non ser que eu fale antes”. (outubro 62).
Manifesta a rabia contra aqueles que o perseguiron e que lle fixeron a vida imposible, e faino cunha fortaleza e claridade de pensamento salientable para os seus 85 anos:
“Eu non son capaz de rezar polos “verdugos do meu espírito” coma Rosalía; eu botaríaos de cabeza ao inferno, non sentindo outra cousa que o terme que atopar alí con eles” (outubro 61)
Efectivamente, Ken Keirades, igual que Rosalía, demostrou ser rexo e rebelde perante as maiores dificultades.
A casa, a labranza, a familia
García Barros foi un labrego: érao antes da Guerra, cando compaxinaba o seu traballo como mestre, a súa actividade literaria e os traballos da labranza; e seguiu a selo despois, cando o novo réxime lle negou todo dereito a desenvolver a súa profesión e o confinou na súa casa, sen máis recursos económicos que os derivados do traballo na agricultura.
Ken Keirades fala moito nas cartas das angueiras da terra e, moi especialmente, dos coidados da viña. Faino con satisfacción porque lle gusta ese traballo e porque é capaz, á súa idade, de levalo a cabo. De feito, envíalle a Ben-Cho-Shey as fotos da súa casa e da súa biblioteca, moi orgulloso, pois sente o orgullo de ver como se foron construíndo ou mellorando grazas ao seu esforzo e dedicación.
Preocúpalle moito a situación en que quedarán as fillas cando el morra e é por iso polo que intenta, sen éxito, recuperar os dereitos á xubilación correspondentes aos seus anos de traballo como mestre. Sente que con el se está comentendo unha terrible inxustiza, pois coñece outros casos de persoas, represaliadas coma el e afastadas do maxisterio, ás que si lles foron recoñecidos eses dereitos. Pídelle axuda a Fernández Oxea, na súa calidade de Inspector de Ensino Primario, pero as xestións do amigo non arranxan nada. Laméntase tristemente nas cartas:
“Pero a min, coma aos outros, botáronme da escola, pola forza, en contra desde logo da miña vontade e atropelando todo dereito. E ningúen, digo eu, pode ser responsable do que fai obrigado por unha forza maior. E se tocan a reparar inxustizas, eu tería dereito, polo menos, a pedir, a reclamar, que se me indultara dos anos eses que me faltan para poder ser xubilado como é debido. Coido que o Estado non pode, non debe deixar morrer de fame a funcionarios seus” (agosto 58)
“Recibín a súa derradeira, que non me causou ningunha sorpresa. De calquera xeito, nin por min nin por vostede se perdeu. Como ser, é un pouco triste o verse vítima dunha inxustiza” (outubro 58)
“De xeito que eu son un cidadán con obrigacións contributivas ás cargas do Estado, pero sin dereito a nada con respecto ao mesmo. E, polo que vexo, terei que resignarme. Que lle parece a Vde.? (abril 65).
García Barros e Xosé Ramón Fernández Oxea mantiveron unha longa relación epistolar, moi cordial e afectuosa. Finalmente, coñecéronse. En maio de 1969, cando xa Ken Keirades contaba máis de 90 anos, Ben-Cho-Shey visitouno na súa casa de Pousada. Nun artigo que escribiu para El Progreso con motivo da morte de Ken Keirades, en 1972, recordaba o seguinte:
“Xa cumpridos os seus noventa anos funo visitar ao seu retiro estradense e atopeino coas tesouras de podar n aman limpando as árbores frutais da súa horta. Unha treboada leváralle o palleiro e fixéralle estrozos na froita. Nembargantes, conservaba o seu bo humor e o seu nunca desmentido inxenio.
[…]
A morte foino atopar naquela súa finca onde nacera e na que achou acougo nos derradeiros anos da súa atafegada e axitada vida, rodeado da estima, da consideración e da admiración dos seus conveciños. O grande loitador devolveulle á terra o que dela recibirá”.