A forza deste xesto de insubmisión está en dar a batalla social, en explicarlle á cidadanía quen son os responsábeis destas políticas e en exixir a derrogación da resolución que asinou o goberno do PP no Estado español–con efectivos como a ex-conselleira de Sanidade Pilar Farjas– e conseguir que a Xunta de Galiza non a aplique no seu territorio. Velaquí o que lle doe a Feijoo. Porque hai outras comunidades que xa anunciaron que non ían aplicala mentres el ameaza coas ordes do estado e acata submiso normas contrarias aos intereses de galegas e galegos. O espírito de Riotorto pretende que a poboación tome consciencia desta situación e que recoñeza nesta medida máis unha actuación contra a universalidade e a gratuidade da Sanidade. Mais o espírito de Riotorto avisa de que os concellos do BNG remexerán debaixo das pedras para que veciños e veciñas non sufran máis, mesmo negándose a asumir o teito de gasto para poder desenvolver políticas transformadoras, facilitar vivendas ás persoas desafiuzadas e pór en marcha políticas de emprego.
Porque é unha mesma política a que están a denunciar os concellos de Pontevedra e de Riotorto ou Rianxo (ou tantos outros...) co seu rexeitamento a seren monicreques manipulados desde outras instancias que ditan o que se pode e o que non se pode facer. É esperpéntico que concellos coas contas saneadas non poidan investir en alternativas transformadoras, por estaren obrigados a non superaren un teito de gasto imposto, segundo as directrices europeas, desde o goberno do Estado español a través de medidas pactadas polo PP e polo PSOE. O caso é máis dramático por seren algunhas grandes cidades gobernadas polo PP as causantes dunha débeda que corresponde nunha medida insignificante aos concellos, mesmo contándomos eses grandes espazos de dilapidación que son Madrid ou Valencia.
Por iso, o espírito de Riotorto está tanto na decisión do Concello de Pontevedra de superar o teito de gasto para favorecer investimentos sociais como na idea de Riotorto de asumir o repagamento dos fármacos para doentes graves ou crónicos. Porque o que se denuncia nun e noutro caso é a inxustiza que se comete castigando a poboación e o que se exixe é unha mudanza nas políticas que está a executar o PP. A rebelión cívica de que estamos a falar ofrece un abano de posibilidades de se concretar, todas elas lexítimas por responderen ao mesmo proxecto de insubmisión: facer fronte ás decisións austericidias e conseguir que a veciñanza sexa cada vez máis consciente da existencia de políticas alternativas contra a fraude que estamos a padecer.
E todo isto acontece nunha nación especialmente castigada, nun territorio con concellos xa fortemente discriminados por non se teren en conta criterios específicos como a dispersión da poboación e o seu avellentamento e onde existe un rexeitamento frontal á reforma local que impón o PP estatal e Feijoo acata a pesar de coñecer a oposición unánime da FEGAMP e a ruína que suporá para a cidadanía galega. Neste mes de novembro, queiran ou non, na Galiza sobrevoa o espírito de Riotorto, evocando o traballo dos seus ferreiros, para transmitir que a insubmisión vai continuar, desde dentro e desde fóra das institucións. Pálpase nas ganas da xente, na ilusión por construír algo novo e diferente e por mudar o rumbo dunhas políticas inhumanas e antisociais. Por diante temos as importantes citas do 8 e do 17 de novembro. Todo o mundo á rúa. Eis o que nos move.