O caso é que pasei un momento feliz. Traballar na finca dos meus avós dáme paz, lembranzas, e tranquilidade, ao tempo que me permite poñer as ideas en orde.
O feito de coidar (léase agarimar) a terra é un vencello cos nosos devanceiros, coa nosa tribo. Resulta curioso (e inxusto, tamén) que as cousas (os obxectos, as casas, as fincas, o río…) sobrevivan ás persoas, pero évos así (dende a creación).
Esta mesma semana fun mirar coa axuda dun perito os marcos duns montes e prados propiedade dos avós da miña muller, nas aldeas veciñas de Vis de Baixetes e Parada. Non foi doado dar con eles pero finalmente conseguimos saber dos lindes do monte da Lomba, da Reja… e como no conto da herba, resultou moi grato (re)atopar o que era propiedade da familia.
A vida cotiá, refírome ás cousiñas e ás persoas, pasan moi rápido por diante dun e non temos tempo a pensar, a cavilar, a reflexionar. Pero hai que facelo. Hai que procurar un tempo para pensar, cavilar e reflexionar, digo, porque o pensamento, as ideas, as lembranzas, os soños, a memoria (en definitiva), son os que nos permiten vivir con dignidade na estrada da vida.
O que está a ocorrer en Gaza, por exemplo, co xenocidio do pobo palestino, por parte da barbarie e da senrazón do governo de Israel, atenta contra toda dignidade humana.
O empresario palestino, Ghaleb Jaber Ibrahim (Ainabus-Nanablus, Palestina, 1950), presidente da Fundación Araguaney e un dos pioneiros do audiovisual galego, ten dito que o grande problema dos humanos, antes mesmo que as guerras ou que as diferenzas culturais, é a ignorancia.
E a peor ignorancia é a de quen non quere saber.
Eu estouvos totalmente dacordo. Menos mal que o ser humano contén ese portento marabilloso que é a memoria (que tamén inclúe os soños). E a liberación de Palestina, como nos lembra o autor de, Palestina, crónica de una injusticia (Ir Indo, 2002) é un soño lexítimo avalado pola memoria.
Que así sexa.