Tal e como o recolle Xesús Alonso Montero na súa recente obra “Aníbal Otero. Linguística e política en España na Guerra Civil e no franquismo” (Ed. Xerais, 2011), a devandita relación comeza, que nós saibamos, coa presenza daquel peripatético e concienciudo linguísta no Concello de Cerdedo no outono de 1935, coa teima de cubrir o cuestionario do Atlas Linguístico da Península Ibérica impulsado polo “Centro de Estudios Históricos”, dependente do Ministerio de Instrucción Pública da IIª República.
Naquela altura, Otero xa levaba máis de un ano percorrendo Galicia de norte a sur, enchendo en cada localidade das 53 que elixiu dous cadernos de feitura oficial, un de fonética e outro de vocabulario.
Daquela, no 23 de outubro do ano en cuestión, o investigador achegouse á case que illada parroquia de San Pedro de Parada para entrevistar a un dos seus 125 habitantes, o señor Severino Vidal Beiro, de 63 anos, labrego e antigo emigrante en Brasil, Cuba e no Concello leonés de Cabrillanes, onde traballara canda outros conveciños cerdedenses nas minas de carbón da conca do Laciana. E naquela exhaustiva enquisa, que hoxe está custodiada con agarimo polo filólogo Antón Santamarina no Instituto da Lingua Galega, o Sr. Severino agasallou a Otero non só cunha chea de verbas e frases propias da contorna, tal que a expresión “corren os surros” empregada noutrora cando chovía a cachón e as augas pluviais limpaban os camiños inzados de estrume, senón que engadiu informacións de relevancia etnográfica tal que as lambetadas propias da zona, caso da vincha, as filloas de sangue e as torradas de manteiga molladas en viño.
Nove meses despois, virá o trebón. Nese intre, Aníbal Otero, que remataba os derradeiros cuestionarios recollidos polo Norte de Portugal, foi detido en Valença do Minho, acusado de espía pola policía portuguesa ignorante do significado das transcricións fonéticas incorporadas nos seus cadernos e devolto ás novas autoridades españolas pola Ponte Internacional de Tui. Condenado á cadea de por vida nun Consello de Guerra, Otero comezará o seu calvario persoal por distintos penais: Tui, Vigo, Illa de San Simón, Burgos e, ao cabo, a Prisión Central de Figueirido, de onde sairá mediado o ano 1941.
Precisamente na Colonia Penitenciaria do antigo Lazareto de San Simón, na que ingresará o 27 de setembro de 1937, terá Aníbal Otero o seu reencontro con xentes da Terra de Montes. Alí, como apunta Antón Santamarina(1), no transcurso do mes de outubro Otero aproveitou o tempo estancado dos penados para encher un sinxelo caderno escolar cun vocabulario do verbo dos canteiros de Presqueiras composto por 414 entradas, acompañadas por dous textos redactados en arghina. Naquel improvisado soporte, Aníbal non deixou constancia de quen fora o seu informante, mais agora sabemos polas listaxes de presos naquel illó fornecidas polo investigador Gonzalo Amoedo, que o único veciño de Presqueiras alí encanfurnado non foi outro que o canteiro Alfredo Iglesias Álvarez, senlleiro cadro do PSOE pontevedrés e antigo tenente de Alcalde do Concello de Forcarei, natural de Alfonsín, lugar de Santa Mariña de Presqueiras.
Alfredo, fora detido o 22 de xullo de 1936 en Codeseda (A Estrada), onde traballaba como contratista no vial de Vilapouca, e vira moi comprometida a súa situación na cadea de Pontevedra tras as acusacións deitadas polo párroco falanxista da Magdalena (Soutelo de Montes) Aquilino López Picón, que, de xeito inaudito, comandara á brava o asalto ao seu domicilio de Alfonsín levado a cabo por un remuíño de gardas civís e membros da Garda Cívica de Forcarei, na procura de probas de cargo. Semellante “razzia”, deu como resultado a incautación dun carné de cando andara, alá polos anos 20, Alfredo emigrado nos EEUU, afiliado á Masons´ Union (Unión de Albaneis) integrada na central sindical International Working & Ove Book, así como un escrito datado en xaneiro do ano 1932 asinado por numerosos veciños da súa parroquia, pedindo a clausura temporal da igrexa de Santa Mariña mentres non se reparara o tellado, pois estaba en mal estado e xa caera enriba dos fregueses en plena Misa.
Daquela, obra e graza da mala entraña do cura Aquilino de infausta memoria na zona, no sumario do Consello de Guerra o carné sindical mudou en carné “masónico” e o inofensivo escrito nunha instigación en toda regra a clausurar as igrexas e a erradicar a relixión no que noutrora fora solar dos Churruchaos.
En definitiva, Alfredo Iglesias zafará por pouco da morte mercé o testemuño favorable doutro crego, o benquerido abade da súa parroquia e canteiro vocacional Manuel Fraíz Garrido (alcumado “O Morrón”, debido ao seu devezo polo arghina), e dalgún veciño solidario caso de quen ocupara a alcaldía de Forcarei durante boa parte da República, o avogado Sabino Mariño Pereira. O veredicto daquel xuízo-farsa foi, porén, reclusión a perpetuidade, condena que o canteiro de Presqueiras comezou a cumprir na Colonia Penal de San Simón a partir do mes de febreiro de 1937. Alfredo Iglesias estivo naquel esfameado e húmido presidio ata mediados de outubro do mesmo ano, polo que con toda seguridade coincidiu un tempiño con Aníbal Otero; o xusto para servirlle de guieiro nos segredos do latín dos canteiros. Despois, Alfredo continuou o seu adoecido roteiro penitenciario: o Cuartel de San Cristóbal, perto de Pamplona; o sinistro Penal do Dueso, en Santoña; un batallón de traballadores en Villablino e de novo Santoña, de onde sairá en liberdade vixiada en agosto de 1943 á idade de 60 anos, sen traballo e case na miseria2. Non merecería tan sequera un recordo e unha homenaxe pola nova Corporación municipal de Forcarei?. Facemos votos por que así sexa.
Aínda habería un terceiro e último acto do itinerante vencello de Aníbal coa Terra de Montes: en marzo de 1941, perante a súa estancia no Cuartel de Artillería de Figueirido agora transmutado en penal, recolleu en tres cadernos un Vocabulario gallego comparado, froito das súas enquisas entre compañeiros de prisión orixinarios de 43 localidades galegas, entre elas Cerdedo. Da quincena de veciños do Concello que daquela aínda penaban en distintas cadeas, descoñecemos cal deles informou a Aníbal Otero de expresións tal que “alto coma un laral”, ou adxectivos coma reberte para definir rapaces travesos, randas e fedellos. Son palabras que hoxe están case que tan esquecidas pola veciñanza, coma a “memoria dos vencidos” cerdedenses por parte dos actuais mandatarios municipais; recuperalas, ten un significado compartido e xusticeiro: enfeitar a nosa lingua ao tempo que dedicarlles un librepensamento aos que arelaron liberdade e riqueza compartida para as súas vidas e, só por iso, foron represaliados de maneira implacable.
* Publicado en A Xanela, Revista Cultural das Mariñas, nº 31, Betanzos, primavera 2011.
(1) Santamarina, A. “Contribución de Aníbal Otero a un vocabulario do "verbo" dos canteiros de
Pontevedra”, en Boullón Agrelo, A. I. (coord.) “As tebras alumeadas: estudos filolóxicos
ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo”, Santiago, 2005.
(2) Ver Causa 525/1936, Tribunal Militar IV, Terra. Algúns autores, en ausencia de fontes rigorosas,
esquecen de xeito interesado o seu periplo carcerario e atribúen a Alfredo Iglesias un imaxinario exilio
nos EEUU tras o golpe militar; ver Barreiro, X. L. “Facendo historia sen fontes: os canteiros da Terra de
Montes”, en Revista Cotaredo, nº 4, Forcarei, 2001.