En Cerdedo, como en moitos outros lugares do Estado español, as necrópoles levaron durante aquel breve período o rótulo de “cementerio municipal” en troques de cemiterios parroquiais, para escándalo de cregos retrógados. Entre eles, mesmo houbo ún, falamos do abade de San Martiño, que, ademáis, fixo todo o posible para impedir a construcción dun novo camposanto fora do entorno da igrexa parroquial. Daquela, o enfrontamento entre o párroco Manuel López Vizcaíno, de ideoloxía carlista, e os integrantes da “Sociedad de Agricultores y Obreros `El Trabajo´” de Figueroa, adherida á CNT, non deixou de carrexar tráxicas repercusións para estes últimos no intre do golpe militar de xullo de 1936.
A presión da Igrexa Católica para perpetuar o seu influxo tanto na vida como na morte das persoas, fixo dificultosa aquela mudanza decidida polas Cortes republicanas, de maneira que cada enterramento civil (ou sexa, sen a presencia de sacerdote no intre da defunción e sen simboloxía relixiosa nin no enterro nin na sepultura) era considerado como un acto cívico que reafirmaba o réxime de liberdades públicas recén instaurado no 14 de Abril de 1931, e daba lugar a verdadeiras manifestacións cidadáns.
Ate hoxe ten chegado a memoria de, cando menos, tres enterramentos civís no Concello de Cerdedo na etapa republicana. O máis discreto, por ser o dun meniño, tivo lugar, precisamente, en San Martiño na persoa dun fillo de Benigno Simal Penelas, membro destacado da “Sociedad `El Trabajo´”. Anos andados, Benigno tivo que marchar a Arxentina fuxindo da barbarie falanxista e alí morreu sen voltar á súa terra. Aínda hai quen lembra, tamén, o enterro en Pedre dun veciño de Vichocuntín, que retornara como tantos outros do Brasil con ideas espiritistas e insistira en que quería enterro sen cura; desta volta, o acto foi multitudinario e contou coa asistencia de varias sociedades da “Federación de Agricultores y Obreros de Cerdedo” cos seus estandartes e coas súas bandeiras.
Mais o que sí resultou un verdadeiro acontecemento e como tal recolléuno o xornal vigués “El Pueblo Gallego” correspondente ao primeiro día de novembro de 1932, foi a procesión cívica alentada polo enterramento laico dun vello republicano de Castro: José Gómez. Alí, no adro da parroquial de Santa Baia, e con presencia de mil e pico cidadáns procedentes de diversos lugares do Concello (tamén de Presqueiras, Caroi, Sabucedo e San Isidro) convocados por un feixe de entidades republicanas, socialistas e agrarias, o destacado militante do PSOE e benquerido mestre de Cerdedo, Francisco Varela Buela, dirixiu a palabra aos asistentes para dar o derradeiro tributo ao finado correlixionario. Daquela, “Don Paco” rematou o seu discurso cun fermoso canto á República e “hizo resaltar la importancia del laicismo del Estado, único medio de ejercer los ciudadanos con libertad de conciencia sus ideales”.
Se cadra, as palabras daquel recoñecido ensinante posteriormente perseguido e represaliado polos franquistas, teñan aínda hoxe moita razón e sentido.
Publicado no Boletín “Verbo Xido2, nº 10, maio 2005