O can de Cernadelo
Cinco casas abertas tiña, daquela, Cernadelo, terra de patacas e augas abondosas, tanto como as visitas do xabarín e, ás veces, as do lobo. Un mal día, morreu xa maior un dos veciños, deixando sen sustento e sen amo un can impoñente, protexido por un colar de coiro e pugas.
Día tras día, o can tornaba daquela casa valeira. Unhas veciñas que ían e viñan a Pontevedra, deixábanlle un saco de pienso para que non morrera de fame e, compadecidas do seu abandono, dábanlle agarimos. Contaban que, cada vez que retornaban a Cernadelo e o can ía ao seu encontro, aquel animal choraba de certo.
Aos poucos, as mulleres foron espaciando as visitas á casa matriz por causa dos achaques ate que, un día, non voltaron máis.
Casas pechadas en Cernadelo; noites desoladas nas que oubea un can.
En salvaxe compaña
Disque o amor move montañas, malia que no Seixo mellor sería dicir que as traspasa. De Cernadelo a Chamadoira, noite si e outra tamén, un mozo alumea o camiño das bestas co fachuco, pensando na rapaza que agarda na palleira.
De súpeto, decátase de que non anda só: por acá e por acolá sínte folguexar e, mesmo, pode imaxinar os ollos acesos da manada.
Mentres avanza acompañado entre uces e penedos estremecidos, desconfía de como saír desta mala partida.
Non houbo tal: os lobos tan só déronlle escolta ao seu devezo e chegou sen mal a Chamadoira.
Anos andados, baixo o trebón da guerra, aquel mozo socialista de Cernadelo aprendeu que, nesas mesmas paraxes do Seixo, o home resultou ser máis fero que o lobo.
Furados
Tal que os montes veciños de Beariz ou Cachafeiro, pola banda de Presqueiras as abas do Seixo están inzadas de pequenas minas de estaño e de wolfram.
Velaí os vellos galpóns da “Estañífera Gallega” e a canle feita por uns ingleses, seica para conducir a auga precisa para os lavadoiros. Tamén, a lembranza das xentes adicadas á roubacha nas escombreiras naqueles anos famentos da posguerra; a presenza dos traficantes de mineral na vila de Cerdedo....
Sen que ninguén a recolla e acariñe, a memoria esvaece.
Patrimonio estragado
Camiños do Seixo rebentados polos artiluxios “todo terreo”.
Muíños da Cavadosa, socavados hai un lustro por unha chea do río do Seixo, hoxendía esnaquizados sen remedio.
Ao seu carón, a serra hidráulica, noutrora intacta, en perigo de desfeita.
Río abaixo, a ponte “romana” deturpada polo formigón e o desleixo de uns e outros.
Vanas promesas do alcalde “vello” e menosprezo mercantilista do alcalde “novo”: ¿na mesta “noche ibicenca” do 4X4 e dos noxentos xogos de guerra, qué futuro para o que foi fermoso e útil noutrora?.
Rebeldes e perseguidos
Disque o mítico canteiro socialista de Presqueiras, Alfredo Iglesias, adoitaba facer xuntanzas clandestinas na campa de Santa Mariña alá polos tempos da Ditadura de Primo de Rivera.
Cando a guerra, outro socialista cerdedense, José Torres, andivo días fuxido polo Seixo; cando baixou á vila para facerlle unha visita á muller, alguén avisou aos falanxistas que o cazaron metido na cambota da cheminé.
Naquel verán do inferno, un republicano perseguido chamado Severino Bugallo, liscou de Cerdedo e deambulou pola Chamadoira, por Limeres e polo monte arriba; alí, entre unhas rochas, deixou agachado o “ferro” antes de marchar para América.
Tempos andados, no devalo dos anos 40, o Seixo debeu ser transitado polas partidas guerrilleiras de “Foucellas” e do “Xanote”, como rota de paso entre as terras de Rivela, na Estrada, os outeiros de Casetas e Cachafeiro no concello de Forcarei, e o concorrido agocho de “Covaladróns”, encanfurnado entre os montes de Pedre e Limeres.
No Seixo, veñen a rebolo as nubens e as historias......