“Acción Social” exerceu de voceiro da Federación ata o 31 de Maio de 1924 baixo a dirección de José Mª. Cabadas y Villar, secretario da “Sociedad de Agricultores `Defensa y Justicia´” de Millerada e o apoio dos emigrantes da Terra de Montes nos EEUU e na Arxentina que, por certo, editaban outro voceiro denominado “Umia y Lérez”. Logo, desapareceu forzosamente a mans da Ditadura de Primo de Rivera, cando Alfredo Iglesias xa tomara camiño dos EEUU, empurrado pola falla de liberdade imperante.
Polo contido do periódico, sabemos das concurridas celebracións do 1º de Maio de 1923 con xira e mitin na carballeira das Casculliñas en Quintillán, onde o coro feminino de Soutelo entonou con grande éxito nada menos que “La Marsellesa” e “La Internacional”. Baixo os carballos, ergueran as súas bandeiras as sociedades de Forcarei, Soutelo, A Magdalena, Millerada, Dúas Igrexas, Meabía, Pereira e Quintillán, mentres que os agrarios de Presqueiras celebraran o seu mitin na Casa do Pobo do lugar xunto cos de Pardesoa: naquela tribuna roxa, logo da rotunda intervención de Alfredo Iglesias na que solicitou a abolición foral, sonaron outra volta as notas da Internacional, agora a cargo do orfeón infantil de Presqueiras....¿Vivirá aínda algún daqueles rapaciños?.
Finalmente, “Acción Social” recollía nas súas páxinas algúns detalles de modernidade para aquel tempo, como o feito de escribir unha moza de Presqueiras, Dolores Cendán, botando pestes do transfuga Monteagudo, ou a presencia do galego nas colaboracións de Manuel Martínez Díaz e nos poemas “O Galo Negro” e “A Man Segreda” da feitura de Ramón Cabanillas.
En definitiva, “Acción Social” deu conta do dinamismo e a rebeldía dunha cidadanía que naqueles tempos espertaba na Terra de Montes e hoxe semella unha especie en perigo de estinción.
*Boletín Verbo xido, nº3, decembro de 2002.