Enténdese por violencia de xénero aquela exercida dun sexo a outro ( digamos en especial a violencia contra a muller, víctima feminina). E niso teremos en conta tres aspectos importantes: a violencia física ( coas pegadas claras no corpo) , a psicolóxica ( insultos, humillacións, desprezos, ameazas, que levan a que a muller mesmo se sinta culpable do que di que lle pasa á súa parella) e neste aspecto psicolóxico tamén destacaremos a violencia económica ( cartos contados) e a social ( no que á muller se lle anula toda relación fóra dela). O terceiro aspecto dirémoslle violencia sexual ( a muller pon o seu corpo cando a el lle peta).E así, no antedito, e na maioría dos casos, a muller víctima desas violencias non denuncia. Séntese atemorizada por vivir cun violento e así cala. pois ata ten vergoña de que se saiba o que lle pasa ( e sofre).
Velaí o mal que andan as cousas ( mesmo a peores) e non se adoptan medidas determinantes. Todo maiormente se vai en discursos, campañas de pasa e non queda, a verníz superficial, laciños e cartaces. Escaparate para pasar o día. Por riba mírase para o lado que non é e asubíase ( non se sabe que melodía, pero ao parecer valen case todas).E moitas veces as agresións a mulleres , miremos os listados desgrazadamente, acaban en morte e o teléfono social , voz de todas e de todos, non soou, non deu aviso de SOS. Non é de esperanza siquer. Pois o contexto de agresión e violencia foi medrando.Pasou da tensión á agresión e mesmo logo deu nun tempo de arrepentimento, de pedir perdón pola agresión ( nena…non volverá pasar, xúrocho), pero…as horas de mel dan paso outra vez ás de vinagre e desgrazadamente tamén as de sangue.Conséntese dalgunha maneira a forza e a superioridade do outro xénero ( a do machiño).Mírase, repetimos, para outro lado e xa se irá amañando a cousa ( e ela… soa).E despois proclamaremos pobriña ( e non actuamos), ai miña xoia, diremos mesmo con bágoas e unha mandiña de flores lilas. Sabendo non dicimos nada. Calamos como petos. E xa vai ben que ao mellor collemos e pedimos que se faga o que nós non facemos. E así a muller, si…a muller. ten que pagar cara , ben cara… a súa liberdade. Pagala…( para ao mellor seguir viva).
Faremos con este novembro o xermolo necesario e potente do ano novo de todos os seus días tamén de muller…? Todas e todos…seremos elas…? Cos ollos abertos… veremos
Publicado en Faro de Vigo. 25 de novembro de 2013