VISIÓN FEITA A RETRINCOS…A ANACOS…de primeiras…
Daniel…estamos a un mes e 30 anos da túa chegada a Galiza, ao Mosteiro de Bonaval.
Cantas veces morreches…?
Por que aínda non podemos ir xunto túa libremente, a calquera momento e día, e levarche unha florciña campesía, un pensamento…un verso…e pola contra temos que pedir permiso á autoridade eclesiástica…?
Queren matarte outra volta… a terceira…?
Que facemos de ti, que fan…, pois trátase el, Daniel, da personalidade galega máis significativa, completa, da metade do século XX.?
Blanco Amor dixo que non deixemos morrer aos nosos mortos.
E como di a profesora Pilar García Negro:
“ A súa obra representa o anchuroso río de que son tributarias as augas do nacionalismo galego contemporáneo. Nacionalismo que se alimenta tamén doutros nutrintes ideolóxicos…. Máis que é inintelixible en non botando man de todo o deposto e construído por Daniel…a ecuación Castelao-nacionalismo foi e é demasiado patente e elocuente…”
Temos aínda que rescatarte das tantas mortes…?
Para cando a motivación , mediación necesaria, en especial a institucional e gobernativa, para realizar lecturas fondas e participativas de SEMPRE EN GALIZA…?
E así Daniel…que che parece esta pregunta…
“ …houbo, hai… ou non… apropiación indebida ( como dicía Celso Emilio e cantaba Miro Casabella) do teu ser completo e así desas estaremos perdendo o norte…as nosas fontes…secándoas…atuándoas….?”
E ESTAS…?
Que terá Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza que por cada momento e xubileo, dentro e fóra de Galiza, ben deles e delas son quen percuran unha imaxe interesada – ou intencional e monárquicamente parcial – da súa figura?
El que terá o home…?
Pois…( como di Isaac Díaz Pardo):
“ O non saber as cousas non é un pecado grave e cada quen interpretou como mellor lle pareceu, máis algúns actuaron con clarísima intención de utilizar a sona de Castelao arrimándose a ela por puro oportunismo electoral ou do outro. E os que máis utilizaron isto foron os que antes se adicaron a prohibir a Castelao, e o ser tolerantes con esta inmoral utilización é o que ( agora, digo eu) máis nos custa superar”
Boa tarde a todas e a todos neste día de mes patrio..
Falar de Daniel, Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza como nos deixou dito Manuel María, ( e asi procurarei chamalo, Daniel,localmente para sentilo e definilo universal global ), iso, falar del, nunca ha ser para nós, alomenos para calquera dos da Fundación Castelao, un meternos en camisas de once varas.Para nada.Mesmo para nós, Daniel deixounos un fondo pensamento fecundo, multiplicador e ao pé da cada tempo.Tamén unha vida limpa, xa que logo exemplar,xeneroso. Falou e obrou desde e do ben.Irmandade. Un galego completo.O tempo ben nolo di.Velaí a nosa responsabilidade de conservalo, de espallalo, de defendelo a todo facer.
Ben sabemos que para moitos e para moitas ( en especial a algunha Gloria, e non Alba, xa lle vale…) Daniel non é asumible na súa visión completa. Non se lle fai un tratamento integral. Como moito vale de recurso para calquera xustificación nada clara e así co asunto encerellado… quedar como deus ou no seu caso marcar un interrogante constante do que botar man para dispersar. Tamén a Daniel úsase como unha historia ( mesmo caprichosa) das de andar por terras de pouco sostén, alamegadas e cheas de bulleiros.É dicir… para provocar inseguridades.
Repetimos que ese non é o noso caso.Nós non temos problema ningún en dicir o que así pensamos e asemade por método e responsabilidade irmos ao miolo do asunto limpando e saborexando de paso asemade - sen alí quedarnos- a codela, códea, ou tona.Que en Daniel nada sobra e todo ten un aquel.
Daniel Bará concelleiro en Pontevedra así explica un tratamento de Daniel:
“ De Castelao fixéronse valoracións parciais…O goberno galego intentou apropiarse dese dimensión máis artística e etérea de Castelao con ceremonias do tipo Medallas Castelao.Falya un desenvolvemento pleno da obra de Castelao para Galiza e para o mundo.”
E así seguimos coas preguntas para tratar de expoñer unha visión política de Daniel;
Que falarmos de Daniel?
Por que os contidos sobre iso son os que son… así a mantenta determinados ?
Quen os deciden?
Que intereses esconden?
E así as preguntas ( e máis preguntas) pois Daniel sempre é centro de debates ( algúns xa pola súa temática, no canto de dicilos cansinos, imos chamalos “ tópicos” ou “ clasicos”).
E Daniel , amigas e amigos, para falarmos del precisa dunha análise poliédrica que converxa integradora na súa persoa constructora de pobo, moi especialmente, o do galego.Moi pouco de Daniel se poderá considerar tanxencial ao que aquí imos tratar na nosa visión política del.
Con Daniel - así no seu tratar- no exercício do pensamento que se precisa, tamén á par iremos descubrindo un algo máis a esencia de nós mesmos e en especial se somos galegas e galegos.Non basta o anuncio aquel de que chova…e vivamos como galegos...corazón con corazón…e outras faladurías…
Teñamos presente que falar por Daniel no canto de Daniel pode levarnos, lévanos, a unhas conclusións que ben poden ser manipuladoras ou alomenos non ben intencionadas e parciais.Non hai palabras, nin discursos, neutros.
Mellor pois, e así nos parece que é do que vai esta intervención, no canto de falar por Daniel…falemos de Daniel.
E así teñamos en conta as palabras de Blanco Amor ( cando a morte de Daniel):
“Denantes de Castelao un podía amar a Galiza de moitos xeitos. Despois de il, da súa obra e en especial da súa vida, as fronteiras dese amor ficaron coutadas.O que salga delas xa non pode chamar-se amante da súa Terra…Ha de se chamar…traidor…”
2. FALEMOS UN ALGO MÁIS DE DANIEL E DISO IMOS VER DE DAR UNHA VISIÓN POLÍTICA DEL...SÚA… COMPRENSIVA.
De entrada decir que na nosa idea…DANIEL FOI UN POLÍTICO.
E así…por cuestión de tempo, para dar ilustración á información e á declaración antedita…uns pequenos apuntes referenciais:
Isaac Díaz Pardo, cando a morte de Daniel que o Consello de Galiza lles encarga a Seoane, Blanco Amor e Suárez Picallo, que fagan tres tratados: un do Daniel Artista, outro do Daniel Escritor e o outro de Dasniel Político, cóntanos:
“… que Suárez Picallo non o fiso, ou mellor dito non o entregou.Mágoa diso, explica Isaac, pois se o fixer e estivese espallado, as cousas irían mellor e Castelao non serviría, como está a servir, de elemento de división entre os galegos, en lugar de servir de unión como el quería, agrupando a todos… e querer sacar a Castelao agora dese fanal de glorificación artística e literaria no que o meteron…non é facil…. E así en ben veces acaban consagrando ao artista,( ou monárquicamente ao literato ao poeta),á costa do político …e presentar a Castelao sen chegar ás consecuencias fundamentais do seu pensamento e do seu significado….é como contruír unha obra moi perfecta para que por ela poidan pasar sen perigo tódolos inimigos, neste caso os de Castelao…”
E segue…
“ Castelao dicía no seu cartel “ PARA QUE A NOSA TERRA SEXA NOSA…VOTA O ESTATUTO . (Agora temos Estatuto, pero a NOSA TERRA CADA VEZ É MENOS NOSA).”
Vemos a maniobra para a obra case que perfecta pola que circulan sen perigos os inimigos de outrora e arestora de Daniel…?
Así…para ir facendo boca na soleira da nosa visión política, seguindo ao profesor X.Carlos Garrido, diremos que:
“ Daniel insiste na inutilidade dun saber que non se pon en práctica e así defende a práctica como fonte de saber.Trátase dunha teoría que se aprende e verifica na práctica”
O propio Daniel explícanos:
“ Eu procurei adeprender máis na vida que nos libros, máis na psicología dos homes e moitedumes que na historia política dos pobos”
E así, ao fío do antedito e completándoo, Carles Py Suñer ( deputado de Ezquerra Rep e alcalde de Barcelona) apunta referido a Daniel:
“ Entre os nacionalistas galegos ( tomemos nota…nacionalista) sobranceaba a personalidade de Castelao….e cando se ergueu para falar da Constitución…a miña atención e a miña simpatía ficaron apreixadas polas súas verbas. Aquilo era algo novo…Castelao non matinaba arbitrariamente sobre conceitos teóricos, dicía simplemente cousas sinxelas, reais e fondas.Falaba da xente de Galiza, dos labregos, dos pescadores, dos emigrantes, contando os seus traballos e sufrimentos e a loita de cada día na súa pobreza…”
Velaí a valoración da suma dos pequeniños.A afirmación do propio e o do vital, dicimos nós acordes con Daniel.A súa actitude crítica.A busca da verdade.A construcción da universalidade desde a pluralidade.A irmandade.A conciencia de cada quen ( as limitacións para buscar a construcción).
“ Pois dicir Nós, vivilo… non será dicir non aos outros…pola contra…Nós con vós…sempre máis nós”
Daniel apaña saber e ideas, pero non o colle todo, senón aquilo que ao seu ver lle é útil.Sempre desde si, desde unha situación propia e cadrando coa universalidade.Recollía o indicado ao seu proxecto para o seu trayecto.Galiza.Vía o froito na semente.
Recordemos, por ex., como no ver das nacionalidades Daniel apelou, recorreu, a Stalin, pois a teoría deste referida ao problema nacional concordaba cos proxectos e sentimentos da Galiza dos galeguistas.
A Daniel , ao noso ver, non resulta doado, así mecanicamente, encaixalo en ningún lugar explícito en base do etiquetado partidista vixente.
Pero atendendo a demandas e conclusións desta intervención, tal visión política de Daniel, e para contextualizarnos e reflexionar para ir tecendo co de cadaquén de nós, diremos:
a) Por unha banda…O profesor Beramendi fálanos referido a Daniel de
que a teoría está subordinada a uns resultados prácticos.E Daniel usouna
para valorala.
b) Pola outra un filósofo dicía que unha teoría é como unha caixa de
ferramentas onde cada quen busca alí o que precisa.O importante é valerse
dela.Daniel botaba man delas tendo en conta a emancipación do pobo do
galego.O seu pensamento matricial.
c) Pola outra tendo sempre en conta a particularidade, o contexto concreto,
Galiza.
d) Dado que se admite que a humanidade está formada, dividida, por
nacións.Que cada nación é singular, con poder político, que constrúe
identidade e realízase en si e así se aforteze.
e) Dado que Daniel, botando man de Risco, asume que Galiza é unha
totalidade destotalizada, un espazo completo e absoluto, un mundo.
f)Tendo nós en conta que Daniel si foi político, que non actuou
simplemente por compromiso ético, que para Daniel dedicarse á política
non foi un tempo, algo accidental ou circunstancial.
g) Non concordando coa idea de que Daniel foi un artista metido a político,
como o dicir de García Sabell:
“ a adicación de Castelao a Galicia é un valor ético que se realiza a traveso da arte”( que non concordamos tampouco)
e para iso seguindo ao profesor X.Carlos Garrido apuntamos:
“…o paso do eu ao nós…explica o desenvolvemento dunha determinada conciencia moral que en Castelao está presente como ofício máis que como catecismo. A participación en política non responde , pois, a ningún compromiso ético xa que Castelao non actúa ao dictado de determinadas táboas da lei, non obedece a decálogos a xeito de libro de instruccións…É precisamente ao revés, pois grazas á participación en política de Castelao este ten a oportunidade de construír a súa moralidade…”
( así mesmo o SEMPRE EN GALIZA, confésao Daniel, está feito para xustificar a súa vida: “ semella todo el unha confesión, declara, máis que un guieiro político”)
E Daniel non levaba a patria na sola dos zapatos ( coma outros
cosmopolitas) e así dicía que:
“ hai nacionalismos lexítimos e ilexítimos segundo se afinquen nun anceio de liberdade ou por afáns absorbentes”
h) Teñamos claro que a dignidade é o concepto nuclear do pensamento
moral de Daniel na construcción da liberdade e da xustiza.
E con iso e moito máis que se puider decir, iremos sacando secuencias da, nosa visión política de Daniel.
Non temos dúbidas, que así xa o afirmamos, que Daniel na súa vida e obra determinou o ser fundamentalmente un político.Un político que exerceu por amor e servizo ao seu pobo.Un político galego no e para o seu pobo, o pobo do galego.
Coñecemos alguén máis que fixer un libro de teoría política sobre Galiza semellante ao SEMPRE EN GALIZA?
“ Ese libro, di Isaac Díaz Pardo, onde Castelao nos convoca a coñecer a nosa historia onde fican as causas dos nosos males e onde podemos atopar as claves das nosas esperanzas…?
Castelao integraba todas as súas actividades e competencias para un obxectivo, unha intención, vivencial, a actividade política, a vida política,pois os problemas de Galiza non se amañaban desde a arte explícitamente, nin desde a literatura, por iso tratou de vivir como totalidade exercendo de político.
Velaí un percorrido simple que xustifica o anterior:
Desde o Barbeiro Municipal, as Irmandades da Fala, a Asamblea de Lugo ( recordemos a declaración de Galiza nación), o álbum Nós, Cousas, deputado na República, o Partido Galeguista, o Seminario de Estudos Galegos, a RAG, a defensa do Estatuto,a Fronte Popular, a Secretaría Política do PG, o exílio a Cáceres, ( Bóveda a Cádiz) , a participación na guerra civil, a propaganda,Galicia Mártir, Atila en Galicia, Milicianos, Ministro do Goberno da República no exílio ( París), Sempre en Galiza, o Consello de Galiza,…
Isto faise e vívise desde a neutralidade, desde a superficialidade, desde a non idea de algo…desde o que se pareza sen ser…?
A emigración, o agrarismo, a loita por sermos nós ( conciencia nacional), que decir da intervención de Castelao? Foi política?
No Sempre en Galiza el dicía:
“…os labregos non son obreiros, nin son patróns.Chámanlles propietarios; pero a súa propiedade non pasa de ser unha simpe ferramenta de traballo”
E dicía tamén:
“ En Galicia non se pide…emígrase…”
Porque Daniel afirmaba:
“ Endexamáis demos azos ao pobo sen estarmos ateigados de esperanzas…A nosa Terra é nosa.Nada máis que nosa.Porque somos os únicos capaces de darlle luz á súa noite, pan as súas demandas, dignidades á súa vida.Porque somos os únicos capaces de enxugar as súas bagoas de dolor…”
E aínda hai quen seguen a ver a Daniel un artista…un escritor…un poeta…un ocorrente…un chistoso…vaites…vaites…
E el como daría escrito Sempre en Galiza ¡ - exclama a profesor Pilar García Negro…( si dicimos nós…el ao que o negan de seguido e manipulan…ese libro non debeu ser el o autor…ou como moito…un chiripa…)
E pregúntase a profesora:
-Que inspiración divina o alumaría…?
Que ben fixo en poñernos á vista, se sabemos ler, os debuxos de
guerra, de negros e de cegos.Cegos collidos das mans …que se cae un… alá van todos…
Nós, nesta visión política de Daniel, incompleta xa que logo polos coutos do tempo,afirmamos con rotundidade que Daniel foi esencial e cualitativamente, por riba de todo, en todo, un nacionalista galego pleno e completo, vivencial absoluto.Foi un galego políticamente comprometido.
O profesor Xusto G Beramendi afirma:
“ …os dous ingredientes ideológicos presentes en Castelao foron: o nacionalismo galego e o que, a falla doutro termo máis preciso, podemos chamar populismo de esquerdas.O primeiro…a afirmar que Galicia é unha nación, a considerar que dentro do Estado coexisten Castela, Cataluña, Euzkadi e Galicia)…”
Castelao, político completo, confía na soberanía de Galiza, soberanía nacional, que soamente agarda ( e agora serían horas) por unha rexa vontade colectiva para facerse respectar.
Velaí un texto político dun galego político pleno:
A nosa Terra é nosa.
De quen máis podía ser?
Dos que a aldraxan?
Dos que lle negan a fala e o pensamento?
Dos que a encadean?
Dos que a rouban?
Dos que asesinan aos seus fillos máis queridos?
Dos que a ensumiron na ignorancia?
Dos que a queren vender como escrava?
Dos que lle negan o dereito a ser libre?
Ese galego de nación chámase Daniel de Rianxo…Castelao de Galicia.
Moitas grazas.
david otero a un mes e trinta anos da traída ( non acordada así) dos restos de Castelao a Galiza.