“ …unha man aberta, con dolor entre os dedos. A dolor da soidade, do abandono, da indiferencia.O de todo un pobo desde case sempre.” (John Berger)
E así imos buscándonos para establecer futuro posible ( nos casos aos que así o plantexen e o propoñan). E niso imos no e ao coñecido para ter máis cerca o agardado. Un trance que claramente ha ser afectivo, digo, de amor e de atracción ao propio, neste caso ao entorno, á terra, ao rus e rural, para del en el facer vida e promover existencia de felicidade. Queremos disfrutar da vida do de cerca que é a propia, a xurdida da matria terra, da patria incuestionable e aínda que ben sabemos dos males e dos deterioros que sufrimos, afirmamos que hai esperanza, pois hai posibilidades a través de propostas. Hai obra e haberá feitos que tecer, que organizar, que poñer en orde e integración, para dar corpo e substancia ao sustantivo que nos define que é Galicia e moi en especial, fundamental , o rural ( rus nacional). E así pois aos seus proxectos e aos seus traxectos indo a tempos con tempos, con palabras e pensamentos que emboquen en ilusións e realizacións estimulantes. Tamén gratificadoras e estimuladoras de mellora, avance e re-elaboración de ideas. Velaí os soños necesarios para ver derredor, para vernos, e sacar conclusións. Soños mesmo obrigados.Todas e todos implicados. Velaí a desexada trascendencia de nós e do noso.Velaí o danzar matinal do sol de cada día e non so por San Xoán. Sol que aluma a toda enerxía o valer do que temos. A valía das nosas propostas a través de traballo entregado ( e oxalá que máis pronto que tarde, compartido, cooperativizado no localglobal). Nisto non haberá montaxes. Teremos luz propia. Chamémoslle a expansión das propostas das experiencias.Velaí o futuro unitario , posible,do noso rural.Temos que escapar e non promover malintencionadamente desde absurdas complacencias ou situación privilexiadas de potenciar ou manter a idea ( xa de por si absurda, pero existente) de que os labregos e as labregas son unha clase de inocentes, achantados supervivintes ( últimos indíxenas ou nativos resignados ou rendidos).Unha flor pisada cunha bota nunha beirarrúa non pode ser o poema de escritura que sentencie o mundo rural, a aldea, o lugar da parroquia, ese xermolo irrenunciable de nación e pobo. Ao pasado mándanse promesas, pero son necesarias , as elaboradas no presente, envialas ao futuro para seren de mellor cualidade e posibles de gozo na felicidade de quen somos sendo o queremos ser.Para certas singulariadades as nosas labregas e os nosos labregos aínda son, considéranos, servintes criaturas potenciais. Eles e elas que teñn máis experiencias de vida e viviron máis a historia. Vaites, vaites…como diría Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza.Hai que fuxir das paranoias deste tipo. Non olvidemos que a modestia é unha clase preferente da xenerosidade.Basta de que o noso pobo sexa un protagonista de primeira filla rexeitando ilusións.Non podemos ser indiferentes a este tipo de crueldades.
II
“…se non traballas con liberdade e comunalmente… a luz non será doada”
De primeiras debemos manifestar que a nivel individual, aínda que sen moita conexión, pero de operatividade importante, que anima, en Galiza estanse dando feitos, obras. Tamén desenvólvense proxectos desde iniciativas emprendedoras,ilusionantes, que xa de por elas nos dan mantenza para intuicións de tempos satisfactorios nos espazos diversos, variados ( sen varialos moito e si melloralos ) dos nosos entornos rurais e así comentaremos, significaremos, algunas desas propostas e iniciativas.E dicimos así en clave de esperanza poruqe non se poden sacrificar xeracións á ambición sempre sedenta dos poderosos. Non podemos perder as capacidades de responder diante desta trituradora económica e antisocial dos opresores e dos ricos. O surimento do noso pobo, o das súas capas máis desfavorecidas, non pode mover ese muíño que acaba con tantas e tantas expectativas e ilusións.Para vivir…hai que inventar o sufrimento…?
Pois ben, e segundo o antedito, referido a ideas e propostas, de impulso popular, atenderemos por un lado o traballo no chan, na terra.Facelo productivo e rendible, diversificado, en base de novas produccións ou tamén as vellas que se recuperan en respecto sempre, e valia para todo, coa natureza, co medio e na verdade auténtica, non simplemente publicitaria, do que se trata de comercializar sen perder de vista a proximidade, a veciñanza de vilas e de ciudades, nin o consumidor. Nisto, como en todo o que aquí analicemos e máis,haberá que escapar de personalismos, dos logros singulares non compartidos.
“ E mira ti…como o meu millo ou o centeo do pan…non hai outro e teño un segredo que non comparto ( chúpate!).
Nisto un sente acougo e alegría de volver á semente e ver a recuperación das sementes autóctonas, nosas, que sen alardes de falsas bonituras, son efectivas e deben potenciarse para orgullo e obter productos de cualidade e de orixe.Tamén niso a expansión da agricultura ecolóxica e a producción de productos de cualidade e competitivos pola súa denominación e singularidade na base do máis ético na producción.
A gandeiría alternativa e todo o que dela se deriva ( todas e todos sabemos da valoración da carne traballada, vermella e feita, de boi e vaca, sobre todo, o cebo destas reses).Velaí as explotacións do porco celta, as galiñas de Mos e piñeiras e capóns, os polos de curral,os años e cabritos…as posibilidades do cabalo. Todo isto na recuperación dos montes e lugares de pasto e así a planta de especies acordes a nós e non foráneas ( aínda que nunha ordenación do chan poida introducirse unha especie que dea rendabilidade madeireira a curto prazo pero sen facela invasora ). Por outra parte o início do aproveitamento forestal ao redor das centrais de biomasa.
O inmenso mundo dos viños e os seus derivados, as moitas variedades e de calidade, aínda que sen obedecer a unha programación conxunta que os coloque nas súas posibilidades, que os determine e sen tropezar, colisionar unhas cousas coas outras.Non olvidemos tampouco o mundo da apicultura, dos derivados do leite,etc..
Outro aspecto de valor de uso é todo o enorme universo cultural que o noso rural encerra e que é necesario poñer en hoxe, contemporáneo, en valor, en circulación, coa recuperación da lingua, da cultura popular ( que é pobo), as construccións e os espazos habitables e sostibles sen olvidar a introducción obrigada dos avances tecnolóxicos, medios de comunicación, que deben ser atendidos en clave de contemporaneidade. Isto e máis é quen ilustra e constrúe determinación.
Moito máis, para ben noso, poderíamos dicir. Pedimos perdón que non se indiquen todas as moitas iniciativas, tanto agrícolas, como mariñeiras, de mar a terra, de terra a mar, todas as potencialidades e realidades emerxentes, pero si quero incidir na necesidade de tecer obra en sentido compartido e unitario, de tal forma que os proxectos debesen ser asumidos desde o comunal, desde as parroquias en estudos de eficacias, fiñanciamentos, promoción e diversidade integrada no proxecto común.Pero así non quedarse no reduccionismo, no illar espacialmente e si no ampliar e conectar coas vías de comercialización sobre todo de tal maneira que iso de Galicia Calidade sexa unha acción dinámica e participativa e non soamente algo de eco propagandístico que non integre e conecte e si se quede na promoción do persoal ou singular.
Faise pois necesaria unha posta en común coas posibilidades, coas persoas dispostas a isto, e así que as institucións de todo tipo se poñan ao lado, que coñezan e saiban, e así asesoren limpamente en base aos propios emprendedores no rural e non a recado das grandes áreas de mercado. A agricultura e industrias do mundo rural, os proxectos e realizacións, non poden ser apéndices, peza ou doa, do grande mercado, do mundo dos macroproxectos e finanzas ( en nome da falsa globalización).Non poden ser fillos ananos, inocentes, de baixas capacidades, do grande xigante chamado mercado. Necesitamos unha visión radicalmente distinta do progreso humano, que non se mide polo PIB, pola productividade ou pola cantidade de mercaderías vendidas e mercadas. Temos que buscar outra calidade de vida. Unha nova relación coa natureza. O potenciamento do rural como espazo con tempos de seu.
O facer rural ( a vida) ha ser inmediato, cercano, afectivo, tal como un amor e así baseado no saber ( e no sabor) do pequeno ( que é xigante).Recoñecer isto é o comezo e non se pode deixar “ á man de Deus”.O apoio necesario para tecer os proxectos pasa por recoñecelos como son e no que son, melloralos coa intervención de todas e de todos ( Gobernos tamén obrigadamente). Iso para empezar é falar de sentido común.Estamos na necesidade de volver ás pequenas unidades, ás básicas e certas e así recuperar os impulsos da comunión de terra, idea e traballo. Velllaí o apremio de xerar novas formas de existencia con base e contido para formar innovadoras. As grandes superestructuras, os mercados globais, pouca axuda poden dar aos esforzos dos indivíduos. A rexeneración pasa polas pequenas unidades e así, repetimos, polo rural, pola súa potencia emerxente e obrigada, pero sistematizada en acción comunal.As individualidades rompen e axudan pouco, máis que competencias afloran competitividades e iso leva ao illamento, aos prexuizos, a agresividade , ao mal andar e peor actuar.O rural colócanos no territorio xusto da verdadeira identidade.