Pensaba eu que tal privilexio sería cousa de cidades con máis habitantes ca Vigo, como Madrid. Pois non. Madrid ocupa o antepenúltimo lugar en produción de ruído. Nesta disputada liga de ruídos e decibelios, a chamada cidade olívica (quen o diría, levando como leva ela consigo un fermoso adxectivo de resonancias vexetais!) ocupa neste intre polo contrario o primeiro posto. Mellor sería que ese posto o ocupase o Celta de Vigo pola súa boa categoría futbolística e non que fose o ruído quen erga o brazo triunfante.
Posibelmente sexa o ruído un inconsciente berro de desespero dos galegos non afeitos a vivirmos artificiosamente amoreados trala súbita desfeita da tradicional vida rural nun mesmo distante e inhóspito lugar, no que a paisaxe deixou xa de ser próximo e inmediato compañeiro de cada quen. Son moitos os séculos e xeracións que levamos vivindo en pequenos lugares ou parroquias, ben asentados na paisaxe case coma niños de pombos ou rulas, agarimados de noite pola lene música do silencio e de día polo canto lonxano do lento andar dun carro do país.
En vez de continuarmos irmandando paisaxe e hábitat humano, en íntima e esponsalicia convivencia, fíxose o que se fixo e á vista está. Agora non hai enxeño mecánico tan descomunal que sexa quen de anchear de vez unhas rúas que oprimen a residentes ou viandantes case como fai o bocadillo co friame que leva dentro agachado. Pois para “humanizar” as rúas ou beirarrúas das cidades habería antes que “vexetalizalas” a fondo e non permitir que as máquinas que temos construído para andarmos comodamente nelas actúen libremente como ruidosos altofalantes ou botafumeiros laicos, que coa súa ameazante contaminación fan enfermar ouvidos, pulmóns e corazóns, fornecendo hospitais e centros médicos de precioso e axeitado material para poderen así eles sobrevivir e medrar.
Por que continuamos logo aínda a encartar penosamente as perniñas no interior dunha máquina produtora de gases daniños para achegármonos a unha pequena tenda a só case un tiro de pedra, se dispoñemos todos e gratis do ben ecolóxico coche de San Fernando?
* [“Atlántico”, mércores, 1 de febreiro de 2017, p. 19]