Esta mensaxe súa non era doada de aprender, porque afondaba ata as raíces mesmas da mensaxe de Xesús. E estas raíces estaban no feito mesmo da súa persoa, con anterioridade ás cousas que el dicía. Xesús non era só unha persoa que dicía cousas fermosas sobre a fraternidade e o amor, que daba bos consellos ou criticaba as estruturas sociais e relixiosas do seu tempo. O máis importante era el mesmo en persoa, o que el dicía sobre si mesmo.
Porque Xesús, como ben se decataban os seus oíntes, falaba ademais con autoridade, coa autoridade de quen se sabía a si mesmo como “mandado” por seu Pai Deus para ofrecer vida divina ó mundo enteiro, ás persoas todas, das que el mesmo se consideraba irmán e amigo. Por medio del amosaba así Deus Pai ó mundo o seu amor e a súa entrega para facernos así a todos partícipes da súa propia divindade. Non poderiamos imaxinar un destino máis grandioso para a humanidade ca este que nos ofrece Deus Pai en Xesús: entrar, por así dicilo, no circuíto mesmo da dimensión divina.
E ¿que mellor maneira para nós de entrarmos nesa dimensión divina có feito mesmo de que Deus se deixase en Xesús comer por nós, entregándose totalmente a nós para nos encher así de vida, de plenitude, de felicidade?
Mais, como ocorrería se a un lle dixesen que lle tocou o premio máximo da lotería, que non acabaría de crelo, algo así parece que lles ocorreu tamén a “moitos” dos discípulos e oíntes de Xesús, segundo se nos di no evanxeo de hoxe: “¿Quen pode admitir tal cousa?”, comentaba un bo grupo deles.
Deus fai sempre as cousas á súa maneira, é dicir, de xeito grandioso e inimaxinábel. Ese é o contido central da mensaxe de Xesús en canto persoa que se ofrece totalmente a nós. El ponse totalmente á nosa disposición, impulsando e provocando con esta actitude súa que os verdadeiros discípulos seus procedan pola súa parte cos demais de modo semellante.
A nosa entrega ós demais ten que ser tamén polo tanto total, xenerosa, aberta. De tal maneira que todos poidan ver en nós persoas que non se pechan en si mesmas, nos seus particulares problemas e necesidades. Só así poderemos facer presente a Deus no mundo con aquela xenerosidade e entrega que se nos manifestou en Xesús.
Ofrecer e dar vida ós demais da mellor maneira que poidamos. Isto equivale en certo modo –falando metaforicamente- a deixarse comer polos demais.
Hai no evanxeo de hoxe unhas palabras de Pedro, en representación dos demais apóstolos que, neste contexto de Xesús anunciándose como “pan de vida”, me parecen moi expresivas e significativas. Á vista de que a mensaxe de Xesús non acababa de convencer a un bo número de discípulos, que en consecuencia deixaron xa de escoitalo e de seguilo, Xesús pregúntalles ós doce apóstolos se eles tamén o van deixar. É entón cando Pedro responde decontado e co seu habitual ímpeto: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”.
É dicir, Pedro, que coma calquera de nós e coma toda persoa humana o que quere é vivir, vivir sempre, ter unha vida eterna, preséntasenos para nós como aquel que fai a verdadeira e xusta elección. El aposta pola vida e, polo tanto, por Xesús. El sabe que Xesús ofrece vida verdadeira, vida plena, vida que non acaba. El sabe que Xesús ten “palabras de vida eterna”.
Isto responde ó que no fondo desexa Pedro e supoño que tamén, coma min, todos vós. Non cabe polo tanto outra elección.
Que Deus Pai, do que nos conta aquí Xesús, que ninguén pode vir a el, é dicir, a Xesús, “se non llo concede o Pai”, nos dea todos a graza de optarmos sempre por Xesús e dese xeito a graza tamén de optarmos por entregármonos, coma Xesús, ós demais, irmáns de Xesús e irmáns nosos.
Como vedes, esta mensaxe cristiá de fraternidade, igualdade e amor, que deben rexer as nosas relacións cos demais, ten que se estender a calquera circunstancia da nosa vida. Aínda que poida parecer, e con razón, que a carta de hoxe ós Efesios non está moi en liña con todo isto. Pois, tal como oístes, dise nela por exemplo que as mulleres han de estar “sometidas” ós seus maridos e, na mesma liña, que o marido é a “cabeza” da muller. Hoxe en día este modo de falar é dificilmente admisíbel tanto por cristiáns como por non cristiáns.
Os entendidos nestes temas bíblicos comentan que este tipo de expresións que aparecen nesa carta proceden da filosofía moral daquel tempo, asumida concretamente polo estoicismo e polos propios rabinos xudeus. Trátase polo tanto dun condicionamento cultural ligado a aquela época, que non debe ser considerado como parte integrante da revelación de Xesús.
En calquera caso, este tipo de expresións están en boa medida superadas xa na mesma carta cando nela se lles di ós maridos cousas coma estas: “Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa”. Ou tamén: “Os maridos deben amar as súas mulleres coma os seus propios corpos”. Ou incluso se nos di alí: “Serán os dous (home e muller) un só corpo”.
En definitiva nesta carta vénsenos dicir, se prescindimos das anteriores expresións de orixe circunstancial ou cultural do “sometemento” da muller, que o amor entre home e muller é a concreción a nivel simplemente humano da relación amorosa que ten Cristo coa Igrexa e con toda a humanidade. Unha relación que, como xa dixemos, non é máis cá expresión do amor de Deus ó mundo, á humanidade toda.
Neste sentido, o amor humano queda revestido na mensaxe cristiá dunha dignidade en certo modo divina.
* Domingo, 23 de agosto 2015