A festividade do anterior domingo, a do Bautismo do Señor, viña ser algo así como o paso do Antigo Testamento ó Novo, actuando en certo modo Xoán Bautista como intermediario entre os dous Testamentos. O propio Bautista nos dicía que o que agora importa é sermos bautizados por Xesús “no Espírito Santo”, instaurándose así unha nova relación filial con Deus como Pai noso. Agora xa non somos “servos”, senón fillos.
Pois ben, a vida e o comportamento de Xesús son os que nos van ir aprendendo a esta nova relación filial con Deus. Xesús, niso que chamamos a súa “vida pública”, vai empezar a chamar e convidar a xente normal e corrente (traballadores, pescadores, etc.) á participación na súa experiencia filial co seu Pai Deus e á amorosa relación fraternal entre todos. Está aí xa en xermolo o que será a primeira comunidade cristiá.
O relato que hoxe nos presenta o evanxeo de Xoán é para min, na súa sinxeleza e emotividade, unha verdadeira marabilla. Un Xesús para eles descoñecido, se non fose pola indicación que lles fai o Bautista, pasa preto de Xoán Bautista e de dous dos seus discípulos. Parece que Xesús ía camiñando só. Isto de camiñar só é naturalmente un dicir, porque seguro que o seu corazón e a súa mente non deixarían de estar en íntima relación co seu Pai Deus e con tódolos seus irmáns, os homes e as mulleres da súa terra, que era tamén o seu mundo. O encargo do seu Pai a Xesús era o de comunicarlles a todos a “boa nova” coa que se inauguraba o Novo Testamento: a fraternidade universal de todas e todos no noso común sermos fillos e fillas de Deus.
Pero para isto Xesús precisaba de persoas que se comprometesen neste labor de faceren a experiencia do amor que Deus nos ten como Pai e de comunicarlla ós demais. Estas persoas son as que chamamos os apóstolos e discípulos do Señor. A nosa igrexa de Vigo, polo seu título dos “Apóstolos”, que presiden coa súa imaxe as celebracións eucarísticas, quere ser explicitamente continuadora desa experiencia viva dos primeiros apóstolos. En realidade, aquilo que lles indicara o Bautista ós seus dous discípulos, dicíndolles “Velaquí o Año de Deus”, resoa e está aínda presente no que se proclama antes da comuñón: “Este é o Año de Deus que quita o pecado mundo...”.
Esta indicación do Bautista, xeneroso e desprendido de calquera interese particular en relación coa súa clientela de seguidores, cambiou para sempre a vida dos seus dous discípulos. Pois deixaron de ser discípulos seus para se converteren en discípulos daquel que os ía bautizar “no Espírito Santo” (con todo o que xa sabemos que isto significa).
Ó se decatar Xesús de que viñan tras del os que neste mesmo día se converterían en discípulos seus, limitarase en principio a lles preguntar: “¿Que buscades?”.
Isto de “buscar” a Xesús ou de buscar a Deus é, desde logo, un tema abondo complicado, no que non me podo deter como me gustaría. Pero douvos polo menos dúas referencias de tipo histórico. San Bernardo, o reformador cisterciense do século XII, dicía en relación con esta busca de Deus o seguinte: “Ninguén pode buscarte se antes no ten encontrou”. E cinco séculos despois, no século XVII, o científico e filósofo-teólogo francés Pascal poñía en boca de Xesús algo semellante: “Ti non me buscarías se non me tiveses encontrado”.
Con estas referencias o que quero dicir é que, cando Xesús lles pregunta ós seus novos aprendices de discípulos “Qué buscades?”, sabe moi ben que eles, por medio do Bautista e pola propia experiencia que posuían de Deus, xa se tiñan atopado no fondo do seu corazón con el, aínda que non soubesen perfectamente de que se trataba. Non podemos esquecer que sen a graza de Deus, sen que Deus dalgún modo nos convide ou chame, nin sequera poderiamos ter desexos de achegármonos a el, é dicir, de “buscalo”. Se pensásemos doutra maneira, seriamos semellantes a aqueles pelaxianos ou semipelaxianos, contra os que tivo que loitar xa o primeiro cristianismo.
Xesús convídaos, pois, a que veñan e vexan a súa vivenda, o seu “pisiño” coma quen di. Sería quizais unha pequena cabana, unha choza ou chabola. Para máis non daban os escasos haberes dos que Xesús podería dispor polos traballiños que realizaba. Foi alí, na súa conversa con Xesús, onde fixeron eles a súa fundamental experiencia de Deus, do Deus de Xesús: a experiencia dun Deus que salva, libera e dá vida para sempre.
Eu tendo a pensar que neste primeiro encontro non lles falaría Xesús directamente sobre si mesmo, senón que se interesaría ante todo pola vida deles, poñéndose á súa disposición. As preguntas de Xesús poderían ser algo así como estas: de quen sodes?, en que traballades?, como vos vai?, tendes algún problema? ou algo semellante. Pois o auténtico sentido da amizade, do amor, do compañeirismo amósase en que un non se preocupa polos propios problemas, senón polos problemas dos demais, daqueles que se achegan con confianza a un.
Non é nada estraño que desde este momento e para sempre quedasen eles seducidos pola persoa de Xesús. Tanto que, dentro da moderación e escaso barroquismo do relato, non se deixa de indicar significativamente nel que iso ocorreu “contra as catro da tarde”. E ademais un deles, Andrés, irá axiña contarllo ó seu irmán Pedro para lle dar a gran nova: “Encontramos o Mesías”. E Pedro, que chega onda Xesús presentándose como “Simón, o fillo de Xoán”, sairá de alí transformado tamén nunha nova persoa, aquela sobre a que Xesús poderá construír a súa igrexa. Por iso o seu nome é dende agora fundamento, alicerce, pedra, ou sexa, Pedro.
Para rematar xa. Só poderemos garantir, pola nosa parte, termos experimentado encontros semellantes ós que tiveron con Xesús estes discípulos de Xoán Bautista, se tras tales encontros nos sentimos impelidos cara a tarefas que teñan que ver co exercicio da fraternidade e do servizo ás persoas. Pois a experiencia de Xesús só pode producir efectos deste tipo.