Descoñezo, na miña ignorancia, se iso se pode deber á pobreza dos axeitados recursos lingüísticos da meirande parte da xente, á inconsciente e abusiva repetición de cómodos vocábulos que andan por aí e, coma os virus, se multiplican sen sequera nos darmos conta, ou ó que sexa...
É verdade que son os falantes os que constrúen ou renovan ó seu antollo o seu falar. Porén, os falantes somos todos. Xa que logo, tamén cantos loitan pola súa conservación, purificación e perfección no ámbito ou seo da mesma lingua.
Con isto non quero nin podo erixirme en “privilexiado” (!) ente utilizador da miña (nosa) lingua. Son só un máis dos que, en cativa medida, nos ocupamos e interesamos polo belo e axeitado uso da nosa secular e enxebre lingua nestes tempos de agora e na perspectiva de vindeiras e inacabábeis primaveras que outros, pola súa parte, continuarán a construír.-
[“Faro de Vigo”, 9 de outubro de 2020]