A pesar de todo, pensamos que existir, vivir, soñar, amar e moitas cousas máis que somos e que facemos é o máis natural do mundo. Así o cremos, mais esquecemos dese modo que o noso ser, a nosa vida e todo canto con ela está unido non son cousa nosa. Toda a realidade ten que vir de algo alén dela, de alguén que sexa plenitude de vida e de poder. A iso do que todo en definitiva procede chamámolo nós Deus. É el quen decide, no seu misterio infinito e inabarcábel, facer que existan cousas e persoas coma nós ademais del. Sen se sentir obrigado a tomar esa decisión, porque sendo el quen é non pode precisar de ninguén. Pola revelación de Xesús sabemos ademais que el é plenitude infinita de Pai, Fillo e Espírito. El teno todo, pois, en si mesmo e de si mesmo.
Por que logo decidiu que nós existísemos, por que nos creou? Misterio fondo e infinito, como infinito é o mesmo Deus. Baseados aquí tamén na revelación de Xesús, poderiamos dicir así e todo que nos creou porque nos quere, porque nos ama, porque el –tal como nos di Xoán- é amor. Non porque teña amor, senón porque é amor. Ou dito doutra maneira -e así conectamos xa co evanxeo de Lucas de hoxe- porque el non é “cobizoso”, porque Deus non ten nada que ver coa “cobiza”. Deus é pura xenerosidade, meirande cá calquera outra que poidamos imaxinar ou pensar.
Pois ben, este mesmo Deus Pai que xenerosamente nos crea é o que, moito máis xenerosamente aínda, nos dá o seu propio Fillo e o converte en irmán noso, participando en todo da nosa humanidade, do noso nacer, das angueiras do noso vivir e do noso morrer. Que máis nos pode dar? Pois se el nos dá o seu Fillo, dásenos tamén el mesmo a nós con el, porque o seu Fillo é coma el. “Quen me ve a min ve o Pai”, diralle Xesús a Filipe, un dos seus apóstolos.
Por iso, se algo é Xesús, é ser tamén, por ser imaxe do Pai, pura xenerosidade, pura entrega a nós, á xente que conviviu con el, creando liberdade, amor e xustiza por onde queira que andou. E cando se vai, cando deixa de ser un máis entre nós, dános, dóanos, o seu Espírito, o mesmo espírito de Xesús, ese Espírito que xa nunca máis se ausentará deste mundo. Ese Espírito que move a súa Igrexa e as conciencias das persoas todas cara a unha meirande xenerosidade con todos, cos pobres e necesitados do mundo enteiro. É ese mesmo Espírito o que move o papa Francisco a anunciar e practicar a xenerosidade e misericordia cos necesitados por onde queira que vai e que move tamén a tantas outras persoas anónimas do mundo enteiro a preocupárense e ocupárense dos demais.
Ese mesmo espírito de xenerosidade é o que se nos mostra no evanxeo de Lucas de hoxe cando el pon en boca de Xesús esa advertencia programática: “Atención: gardádevos da cobiza”... Porque só se somos xenerosos con todos, e sobre todo cos máis necesitados, nos asemellaremos a ese Xesús, que é a presenza viva no mundo da xenerosidade do Deus Pai de todos.
A cobiza desenfreada é a que leva ó mundo ós desaxustes sociais e ás guerras. Son moitos os analistas que sosteñen que é a cobiza do gran capital, dos grandes poderes e fortunas, a que está na base da gran crise económica que afecta de tantas maneiras sobre todo ás persoas de menos recursos. A cobiza non quere oír falar de xenerosidade, de fraternidade, de igualdade. O que quere é ter sempre máis a costa de quen sexa e como sexa. Quere ateigar de bens e riquezas os seus propios hórreos ou celeiros e, se non caben neles, derruílos para construír outros máis capaces e seguros. A cobiza amorea para si, péchase sobre si mesma, só pensa en si e dise a si mesma, como moi plasticamente nos comenta Lucas: “Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e ¡a vivir!”. A cobiza non comparte. É todo o contrario dese Deus do que diciamos que é, todo el, xenerosidade e fraternidade. Por iso dinos Paulo (na segunda Lectura) que a cobiza “é unha idolatría”. Porque o Deus que o cobizoso adora é el mesmo, os seus bens. Bens que en realidade non deixan de ser en definitiva efémeros, porque non son capaces de “salvar” a vida humana, é dicir, os nosos insaciábeis desexos de vivir. Pois ben sabemos que a gadaña da morte non fai excepción con ninguén.
Abrirnos á xenerosidade e á fraternidade igualitaria, fuxindo da cobiza, é algo moi importante tanto para o noso modo cristián de pensar como de actuar. E se nos comportamos así, daremos tamén cumprimento ó que o mesmo Paulo nos di na mesma carta ós Colosenses: “Alí (é dicir, na nosa vida consecuentemente cristiá) xa non hai máis nin grego nin xudeu, nin circuncisión nin pagán, bárbaro, escita, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en tódalas cousas”. Só fraternidade.
O que debemos, pois, facer, se é que queremos realmente vivir, é non gardar a nosa vida para nós mesmos. Da mesma maneira que Deus non quixo gardar a súa vida para si mesmo, senón que a sementou tamén no mundo e en nós. E se non queremos clausurarnos en nós mesmos, teremos que facer que os demais vivan tamén, aínda que iso supoña poñernos en perigo de perdermos a nosa propia vida. Aínda que, en realidade, perdela, o que se di perdela, nunca ocorrerá, pois darásenos, devolverásenos, ben acugulada de bens, alomenos no alén da nosa existencia terrea.
Sobre estes temas pensaron e oraron moito nas súas vidas os grandes santos. Dun deles celebramos hoxe a súa festividade. Trátase do vasco Santo Ignacio de Loiola, que morreu tal día coma hoxe no ano 1556. Dentro de só corenta anos (non quedan xa moitos anos) celebraranse solemnemente os cincocentos anos da súa morte. Os xesuítas debémoslle o que somos a el en canto fundador da Compañía de Xesús e en canto mestre da oración e da busca da vontade de Deus nas nosas vidas. A súa entrega a Deus e á formación cristiá das persoas en moitas nacións do mundo foi preocupación fundamental súa. Esperamos que o Deus de Xesús continuará a encher de graza e de bendicións a humanidade por medio dos “compañeiros de Xesús” que el queira chamar á súa “Compañía”.