Trátase hoxe de símiles ou parábolas, en directa conexión cos feitos mesmos, que levan unha gran carga significativa, orientadora, en relación coas nosas maneiras de proceder e actuar. Aínda que non soubésemos formalmente da autoría destes textos do evanxeo, poderiamos xa sospeitar de quen procederían. Son e tiñan que ser de Lucas. Porque Lucas adoita insistir unha e outra vez en presentarnos a Xesús como desprendido dos bens materiais, animándonos así a entrar nesa gran novidade de vivir efectivamente a fraternidade, construíndoa na crenza e no sentimento de sabérmonos fillos dun mesmo pai Deus, pai especialísimo de Xesús e pai tamén noso.
Por iso é, efectivamente, o evanxeo de Lucas o único onde podemos atopar estas parábolas relacionadas co modo, politicamente incorrecto, de como deberiamos comportarnos nun banquete. Unha escena que resulta ser moi válida para que nela se poida reflectir en principio o modo de pensar e de proceder dun cristián, é dicir, dun seguidor da mensaxe básica e fundamental de Xesús.
Como vemos, Xesús non rexeita relacionarse con ninguén, aínda que poida tratarse de alguén sobre o que el sabe de antemán que non conxenia co seu comportamento nin coas súas ensinanzas. É o que ocorre no caso de quen esta vez o convida, sendo como é un “xefe dos fariseos”, que está polo tanto á espreita dalgún erro doutrinal ou comportamental por parte de Xesús. Decátase un así de que a semente que Xesús vai deixando caer nos corazóns da xente non está preseleccionada para caer sempre en boa e acolledora terra, senón que pode caer tamén en pedra ou nunha silveira.
O caso é que este convite lle vai valer a Xesús como magnífica ocasión para expresar de maneira moi plástica o modo como, pola nosa parte, nos deberiamos comportar na nosa relación con Deus e cos demais.
En primeiro lugar, teriamos que pensar que para Xesús a súa e a nosa relación cos demais ten que fluír directamente da súa e da nosa relación con Deus. Xesús sabe que toda a súa dignidade e grandeza vén de arriba, do Pai Deus. El non é nada sen o Pai. E ese Deus Pai é o que descende cara a nós en Xesús, facéndose nel un de nós, creando igualdade, fraternidade, e non “superioridades” ou as correspondentes “inferioridades”. Pois estas últimas relacións que rompen coa igualdade non son máis ca perversións do que é algo básico e fundamental na auténtica mensaxe cristiá. O que nos comunica, pois, Xesús, á vista do habilidoso comportamento dos convidados e comensais para se colocaren estratexicamente nos postos supostamente máis dignos e apetecíbeis, non é máis cá tradución visíbel da relación de Xesús co Pai e deste con el, así como tamén a tradución e expresión concreta da relación de Xesús con nós e da nosa relación con el.
Hai polo tanto aquí, nestes comentarios de Xesús sobre a escena do banquete, profundidades teolóxicas relacionadas co máis fundamental do acontecemento orixinario cristián, consistente na encarnación de Deus en Xesús. Non se trata polo tanto (no dito de Xesús de que “cando alguén te convide a unha voda non te poñas no primeiro posto”), non se trata –digo- dunha norma ou consello máis, moral ou simplemente táctico, de entre os variados que calquera entendido en asuntos éticos ou educativos podería formular para acadar unha vida digna e humanamente apreciada por todos. Pois así, dese prudente modo, podemos evitar vérmonos expostos a fracasos ou desenganos, procedentes da nosa fachenda en relacionármonos cos demais...
Non. Xesús apunta co seu sabio consello a algo que está no fondo mesmo da nosa relación con Deus e, polo tanto, cos demais. É dicir, se Deus se achegou a nós e se igualou con nós, non podemos nós pola nosa parte pretender ser superiores ou máis dignos cós que viven a carón noso.
Por esta razón, o segundo consello, o que lle dá Xesús directamente ó xefe dos fariseos que o convidou, está estreitamente relacionado co primeiro, afondando aínda máis decididamente nel. Aquí, neste segundo consello, é cando a mensaxe de Xesús se converte en limpamente “anti-cultural” ou “politicamente incorrecto”. Pois abonda con preguntarnos a nós mesmos se algunha vez na vida fixemos algo que polo menos se lle asemelle ó que nel se di: “Ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos”, senón “convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso...”. Cantas veces fixemos isto na nosa vida? Posiblemente nunca. Mais do que aquí verdadeiramente se trata non é de realizar, literalmente e sen máis, o que na norma ou no consello de Xesús se nos di, para fachendear a continuación ante os demais sobre a nosa xenerosidade ou altruísmo. Do que sobre todo se trata é de intentarmos ir cambiando a nosa actitude en relación cos que están máis precisados de axuda ca nós, sen esperar deles recompensa algunha.
Estamos hoxe ben informados do que está a pasar con tantas persoas e familias que foxen de lugares de conflitos e guerras cara a zonas que consideran máis seguras, como por exemplo a nosa Europa. E tamén sabemos das enormes dificultades coas que se encontran esas persoas cando solicitan axuda e protección onda nós. Pois ben, cando o papa Francisco fala sobre estes temas, en relación por exemplo cos problemas dos refuxiados, sabemos ben que non se morde a lingua. Debemos supoñer que el está ben informado sobre que o cristianismo non é una serie de bonitas teorías ou crenzas nas que debemos teoricamente crer, senón un modo de proceder na vida polo que fronte ás excesivas preocupacións particularistas deberiamos estar abertos ós problemas dos demais. Abertos no sentido de que esteamos dispostos a lles abrir a nosa casa, a nosa mesa, etc., no mesmo sentido do consello de Xesús: “Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos...”.
Non deberiamos esquecer, con todo, que a este consello de Xesús seguen un par de breves mais fermosas palabras. Son estas: “e serás ditoso”. Fermosas digo, porque a veces pensamos que xa está ben que Deus nos estea pedindo sempre renuncias, sacrificios e cousas así, cando a verdade é que foi Deus mesmo quen puxo nos nosos corazóns ese insaciábel desexo de dita e de felicidade. E se nos deu ese desexo é porque quere que sexamos felices e que busquemos a felicidade. Mais a felicidade non se acada, polo menos tal como nolo di Xesús no relato de Lucas, a golpe de egoísmos e de pecharse un nos propios intereses, apartando así a nosa vista das necesidades dos demais. Xa o formula ben, ademais, o coñecido dito popular: “é mais feliz quen dá ca quen recibe”. E se non cremos nisto, fagamos polo menos algunha vez a proba para ver que pasa.
* 28 de agosto de 2016