Hoxe son dúas mulleres, tradicionalmente marxinadas ou discriminadas naqueles tempos, aínda que tamén nos de agora, as que van recibir a misericordia de Xesús. Dunha sabemos que era a filla de Xairo, un xudeu devoto e xefe da sinagoga: por algunha enfermidade acababa ela de morrer sendo aínda unha rapaza noviña con só doce anos. Da outra muller, que andaba de médicos dende xa había tempo, non sabemos máis ca que estaba doente e polo tanto nada sobre a súa posición social ou sobre a súa idade.
Hai que facer algún esforzo para se situar dalgunha maneira na cultura relixiosa e social xudía daquel tempo para sabermos valorar na súa xusta medida o que supuña a relación de Xesús coas persoas necesitadas. A filla de Xairo morrera xa, por máis que seu pai, cando se dirixe a Xesús pedíndolle a súa curación, non o sabía aínda. E hai que ter en conta que daquela ós defuntos non se debía un achegar nin moito menos tocalos, porque como cousa impura convertían en impuro tamén ós que facían iso. En canto á outra muller enferma, a súa mesma enfermidade convertíaa tamén en impura, ademais de facer impuros a cantos a tocasen ou ós que ela tocase. De maneira que a pobre estaría nunha situación persoal e social lamentábel.
Pois ben, en ámbolos dous casos Xesús achégase á defunta e á enferma impuras, sen se preocupar ren por quebrantar con iso preceptos ou normas sociais e relixiosas. A nena defunta cóllea directa e persoalmente pola man, pronunciando a frase que os evanxeos nos conservaron no seu son orixinal: “Talitha, qumi”, rapaza, érguete. Á outra muller enferma non a toca directamente, mais déixase tocar por ela nunhas circunstancias nas que a xente o aperta a el por tódolos lados, tal como o constatan os seus discípulos ó el preguntarlles quen o tocara: “Ti ben ves a xente preméndote e aínda preguntas por quen te tocou?”...
Xesús era un home do seu tempo e estaba en consecuencia moi ó tanto, desde cativo, dos inevitábeis condicionamentos culturais, que se convertían en algo normal e natural para cantos participaban desa concreta cultura. Pero el tiña ó mesmo tempo unha experiencia moi fonda e forte de como son as cousas, do que é e como é a realidade, e tamén da nosa dignidade humana en canto derivada da nosa filiación divina pola nosa irmandade con Xesús.
Na súa íntima e especialísima relación co seu Pai Deus, vivida durante o día e dialogada con El en longas horas da noite, Xesús sabía, pois, cales eran as cousas importantes e cales non. En tal sentido, se os costumes sociais chocaban con esas fondas experiencias e saberes, peor para tales costumes.
Xesús sabía e vivía a experiencia de ser Fillo de Deus e de ser ó tempo “fillo do home” nunha inconcibíbel e misteriosa unidade. Este Xesús, don único do Pai Deus á humanidade toda, era polo tanto tamén un de nós, ser humano coma nós, irmán noso. Mais el viña transmitirnos que todos nós, coma el, somos fillos dun mesmo Pai. Somos todos polo tanto irmáns del e así nos sentía e percibía. Para el as prescricións ou prohibicións sociais, rituais, non tiñan, en consecuencia, valor ningún no caso de opoñérense a esta experiencia fundamental súa de se sentir irmán de todos.
A práctica vital de Xesús foi sementar arreo vida e esperanza, devolvese á vida ou non, curase ou non fisicamente a unha persoa concreta. Pois Xesús non curou nin resucitou de feito a todos os que convivían no seu tempo con el. El non viña destruír as leis dunha natureza creada dese modo por Deus mesmo. Tampouco Deus Pai liberou o seu Fillo Xesús das dores e da morte na cruz. Sen contabilizar as diversas curacións realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que se refire ós relatos de resurreccións realizadas por El, é dicir, da volta á vida normal dun defunto ou dunha defunta, non nos contan en realidade os evanxelistas máis ca tres casos: o da filla da viúva de Naín (do que nos fala só Lucas), o de Lázaro (que só nos é presentado por Xoán) e, finalmente, o relato de hoxe da filla de Xairo, descrito por Marcos, Mateo e Lucas, pero non por Xoán.
Por iso, o que sobre todo Xesús nos ofrece, antes e hoxe, é unha vida e unha esperanza, que se basean na fe nel en canto Fillo de Deus e irmán noso. Pois el mesmo identifícase coa Vida mesma e co Amor sen límites. Xesús diranos nalgún momento que o seu Pai Deus non é “un deus de mortos, senón de vivos, porque para el todos viven”. Xesús coñece perfectamente, por así dicilo, esta face oculta da lúa. Aínda que a xente faga riso del, sabe el perfectamente que os que chamamos mortos non o son de verdade. A tódolos defuntos pásalles en certo modo o mesmo que Xesús afirma sobre a nena morta: “A meniña non morreu, está a durmir”.
Esta mensaxe de vida que nos trae Xesús debería ter unha proxección comunitaria e social na vida concreta nosa, neste noso tempo presente. Paulo dánolo a entender hoxe na súa carta ós Corintios. A vida, non só a do alén senón tamén a do aquén, ten que ser para todos e non só para os que dispoñen de riquezas e de poder. Deberiamos escoitar así, nesta clave presente e actual que afecta a tantas persoas, o que Paulo escribe nesa carta: “Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para nos enriquecer coa súa pobreza. Non se trata de que pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa equilibrio [...] Así haberá igualdade”.
* Domingo, 28 de xuño 2015