Este carácter vénnos dado sobre todo pola súa relación coa Eucaristía. Pero, claro, unha relación coa celebración eucarística que non esquece o seu orixinario e fundamental carácter. É dicir, sabemos que para os primeiros cristiáns a celebración eucarística se caracterizaba por compartir amizade, bens e alimentos ó tempo que os participantes nesa celebración lembraban o acontecemento fundamental da vida e morte de Xesús, o Fillo de Deus, que se entregara a si mesmo en comida e bebida para todos. Deste modo, a dimensión que poderiamos chamar espiritual e a material ou corporal estaban, entón polo menos, ben xuntas.
Moito diso segue presente aínda hoxe na nosa celebración comunitaria, concretamente na colecta por medio da cal queremos axudar ós que están en calquera necesidade, nos xestos de dármonos mutuamente a paz, etc. Pero é posíbel que os primeiros cristiáns vivisen e practicasen isto de maneira máis espontánea e natural.
En calquera caso, o que teriamos que poñer hoxe de relevo é que a fe cristiá non pode ser unha fe aérea, abstracta, puramente espiritual ou mística, senón ben atenta ó feito de que Xesús tiña un corpo coma o noso, sentía fame coma calquera persoa e, polo tanto, sabía das necesidades e dos problemas da xente coa que estaba en contacto. Como algunha vez temos xa comentado, os seres humanos precisamos dos bens materiais e dos chamados espirituais. Ámbolos dous tipos de bens quere Xesús proporcionarnos, pois el sabe ben que o Deus que el nos anuncia e manifesta é un Deus de vivos e non de mortos, un Deus que quere para todos unha vida plena tanto nesta vida mortal coma na vindeira.
Agora ben, no relato de hoxe da multiplicación dos pans e dos peixes hai algo que non se debería desatender. Dísenos nel que a xente que alí estaba chegou a resolver máis que satisfactoriamente a súa necesidade de comer poñendo á disposición dos demais o que tiñan. É dicir, os que tiñan algo de pan ou algún peixe non o gardaron para si mesmos, senón que o puxeron á disposición dos que alí estaban, aínda que puidesen sospeitar que ese xesto non chegaría a resolver o problema de tódolos que alí estaban.
Temos que supoñer que aquel rapaz do que se nos di que tiña “cinco bolos de pan de cebada e dous peixes” quedaría abraiado ó ver que a súa renuncia a gardalos para si chegase a producir uns efectos tan inesperados. Mais temos tamén que aprender a ver que o “compartir” cos demais o moito ou pouco que teñamos produce verdadeiros milagres.
A verdade é que é moi certo aquilo que tantas veces se di de que ten máis alegría o que dá có que recibe. A razón disto é que quen recibe, aínda que pareza que non fai máis que recibir, en realidade está dando tamén: dá ou ofrece o seu agradecemento, a súa amizade, o seu apoio a aquel que lle dá sen esperar pola súa parte nada a cambio.
Por iso Deus é bo, ou como dicía Xesús, “só Deus é bo”, porque só el dá de maneira absolutamente xenerosa, porque non ten necesidade algunha de nada noso, nin sequera do noso agradecemento, porque el se basta desde sempre a si mesmo.
Unha vez máis, vexamos o que ocorre con Deus. Porque o que aquí realiza Xesús coa multiplicación dos pans e dos peixes é o que ocorre no interior mesmo de Deus. Xesús apréndenos a compartir os nosos bens, aínda que sexan cativos e limitados, cos demais, e iso vai producir o milagre de sentirse a xente satisfeita polos bens físicos e morais recibidos. Pero Xesús fai iso porque Deus mesmo é “compartir”.
Con isto volvo aludir ó misterio grandioso da Trindade de Deus. Non é que queiramos ou nos atrevamos a desvelar este gran misterio. Pero podemos sospeitar que algo grande hai nel, que é importante para entendermos dalgunha maneira a Xesús e as ensinanzas fundamentais da nosa vida cristiá.
Por que Deus é “tres” e non só “un”? Pois porque se Deus fose só un, non podería compartir con ninguén a súa infinita e grandiosa realidade. Para dicilo dalgunha maneira, Deus (Deus Pai) ten necesidade de compartir, porque isto é algo grandioso. E para compartir, Deus non o pode facer dentro de si mesmo de maneira limitada, porque iso non sería propio de Deus. Por iso o seu Fillo (que se vai encarnar en Xesús) é igual en grandeza e infinitude ó seu Pai, Deus coma o Pai. E o mesmo poderiamos dicir do Espírito Santo, porque o amor que se teñen o Pai e o Fillo é tan grande que este amor se constitúe no que chamamos a terceira persoa da Santísima Trindade, Deus polo tanto tamén coma o Pai e o Fillo. Pero é un compartir tan marabilloso que aínda sendo os tres diferentes non son máis ca un único Deus.
En fin, son profundidades misteriosas da nosa fe, mais que poden axudarnos para ver a importancia e a grandeza da mensaxe de Xesús. Porque Xesús non está aí por exemplo para resolvernos, de maneira técnica e directa, os problemas sociais e económicos que ten o mundo no noso século XXI, pero si está aí para darnos pautas éticas e morais de comportamento para resolvelos. Dinos Xoán, ó final do Evanxeo de hoxe, que a xente, despois de ver o milagre de Xesús, quería facelo rei, pero que el se retirou ó monte só. Para falar alí a soas co seu Pai. A mensaxe e a misión de Xesús era moito máis fonda e eficaz cá que podería realizar converténdose en rei ou presidente de goberno dun determinado país.
No fondo, o que nos vén dicir Xesús sería, pois, que así como Deus non existe sen compartir no interior de si mesmo, así tampouco pode haber vida humana, creada por Deus mesmo, sen que lle deamos amplo espazo ó compartirmos cos demais o pouco ou moito que poidamos ser ou ter.