“Advento” significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana toda.
Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”. A esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai Todopoderoso –tal como dicimos no Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.
Porque esta nosa esperanza renovada na manifestación humana de Deus no Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre con nós, onda nós.
O Deus do Advento non é polo tanto só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro.
Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como nolo comenta o apóstolo Paulo cando nos di: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde sempre polo tanto o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.
Pero é que ademais o acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que puxo, como se nos di no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós” ocorreu hai xa máis de dous mil anos. Fíxose el dende aquela un de nós, un coma nós. Desde entón e para sempre Deus veu onda nós e emparentou, por dicilo así, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis humildes, necesitados e marxinados.
De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós a cotío, en cada intre concreto da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas coas que un día e outro nos atopamos sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembremos aquel dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou aquel outro: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.
Por iso, cando a igrexa nos convida neste tempo de Advento a esperar, faino sabendo que é o Deus que desde sempre está xa con nós o que nos dá as forzas e a graza para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana e absolutamente infinita.
Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. Deus é sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.
Por iso, para nós, Deus está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en todo intre repletas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para podermos estar así en disposición de recibilo.
De maneira especial neste tempo de Advento deberiamos repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: “Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.
Este desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda e do seu consolo é o lema que debería presidir todo o tempo de Advento que hoxe comezamos.
Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento ardente e concreta vida práctica en todos. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo “advento” queda curto, en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.
Por outra parte, a liturxia deste Domingo I de Advento relaciona axeitadamente a próxima vinda de Xesús no Nadal coa súa vinda ó final dos tempos e da historia. Concretamente, ó se referir Xesús, segundo nos conta Lucas, a esta derradeira vinda súa dísenos alí que é entón cando deberiamos poñernos de pé e erguer ben a cabeza “porque chega o día da nosa liberación”.
Mais esta liberación empeza xa na festa do próximo Nadal, á que desde hoxe nos iremos preparando. Tódalas vindas de Xesús son liberadoras, porque todas nos traen sempre boas noticias, boas novas. Todo o Evanxeo é “boa nova”. Por que? Porque nos ofrece futuro, un futuro aberto e esperanzado. Non podería un recibir noticia peor cá que lle anunciase a un que “non ten futuro”, que non hai nada que facer nin que esperar... No evanxeo de Xesús non hai nada que se poida parecer a este tipo de desalentadoras noticias.
Deámoslle, pois, hoxe grazas a este Deus que vén, que está sempre a vir. Porque nos ofrece futuro, porque nos dá esperanza.
Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de practicar este espírito de agradecida “esperanza”, típico do Advento, é xustamente levar á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e real entre todos en canto irmáns que somos dese Xesús que no Nadal se vai converter para sempre en irmán noso.
* 29 de novembro de 2015