A nós, que vivimos bastantes séculos despois de Cristo, pásanos algo semellante ó que lle aconteceu ó apóstolo Tomé. Desexariamos, como el tamén o desexaba, ter probas e experiencias directas e tanxíbeis de que Xesús seguía e segue a vivir trala súa morte na cruz.
Mais se os discípulos creron porque, como se nos di, “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse, non na nosa “visión”, senón na nosa “fe”. Trátase dunha fe que ten os seus alicerces no testemuño dos primeiros discípulos de Xesús. En calquera caso, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos esa “visión”, que si tiveron as primeiras testemuñas de Xesús, podemos en cambio sentir en nós a alegría das palabras que dalgunha maneira dirixe Xesús tamén a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
O episodio de hoxe relacionado co apóstolo Tomé cóntao só Xoán entre os evanxelistas. Pero é que, ademais, o mesmo Xoán nos di que houbo “moitos outros signos” que fixo Xesús entre os seus discípulos, despois de resucitado, que el mesmo non nos conta. De modo que eses moitos signos que para un xornalista dos nosos días terían un enorme interese, a Xoán non lle parece doer moito non contalos.
Xoán e con el os discípulos de Xesús saben ben que o importante e decisivo é o encontro con Xesús. Co Xesús de antes e de despois da resurrección. E para encontrármonos con Xesús e adherírmonos a el abonda un par de experiencias fondas e íntimas con el. Os evanxelistas non son xornalistas, senón transmisores dalgunhas desas fondas experiencias que tiveron con Xesús.
Por iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participaron inmediata e directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé. Tomé lémbrame un pouco, aínda que sexa como digo só un pouco, a parábola conmovedora de Xesús sobre o fillo pródigo (ou, segundo algunha vez comentei, sobre o “Pai bondadoso”). Xesús fálanos nesa parábola da bondade a toda proba de Deus, de seu Pai e Pai noso tamén. Cando volve seu fillo despois de moito estalo esperando seu pai, este apértao con agarimo sen rifarlle nin botarlle en cara a súa mala conduta. Do mesmo xeito, é agora Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el é verdadeiramente o Xesús co que convivira, e non unha pantasma.
Os encontros con Deus están sempre cheos de paz, de alegría, de perdón xeneroso e de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán recrea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus discípulos, cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.
O primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos discípulos. “Paz convosco”. Tamén no seu encontro posterior oito días despois, xa con Tomé entre eles, repetirá Xesús o mesmo saúdo: “Paz convosco”. Xesús aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida e como tal ten el que mostrarse. Dálles, ademais, o mellor que lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir, o mesmo Espírito que moveu, consolou e guiou a Xesús durante toda a súa vida.
Foi así como se foi formando a súa Igrexa ata nós, aínda que isto ocorrese a través de moitas deficiencias históricas. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do papa Francisco non deixan de chamarnos tanto a atención. Por que? Porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se comportaba Xesús coa xente do seu tempo.
¿Qué lle pasou a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa ante os seus compañeiros a outra completamente distinta na que se derruba ante o Xesús que lle permite a Tomé que realice con el as probas que xulgue máis axeitadas para crer na súa resurrección?
A resposta a esta pregunta coido que é importante porque nos afecta tamén a nós, que podemos atoparnos máis dunha vez en loita interna entre a nosa crenza tradicional na resurrección e as dúbidas que se nos presentan en relación con ela.
Coido que canto máis teñamos en conta a infinita grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinables. Tanto en poder como en bondade. El non é unha cousa máis ou unha persoa máis coa que nos encontramos na vida, por moito que as poidamos estimar ou apreciar. El é absolutamente infinito en todo. De aquí provén o gran misterio das cousas feitas por el, da materia, da vida, do noso interior e de mil outras cousas máis que nos admiran. É misterioso o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, o resucitar.
Tomé fixo a experiencia de Xesús resucitado, e con esa experiencia fixo tamén a experiencia de que el tamén vai poder resucitar. E isto enche a súa alma de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que Tomé tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen agora por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza, que se lle presenta directamente diante del: a presenza dun Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañablemente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningunha outra persoa da que Xesús se houbese de ocupar.
Por iso, Tomé non podía dicir outra cousa máis có que dixo: “Meu Señor e meu Deus!!”. Con isto está dito todo.