En calquera dos tres ciclos da liturxia da Coresma fálasenos sempre no primeiro domingo (o de hoxe) sobre as tentacións de Xesús. Pois ben, na súa íntima, persoalísima, relación e comunicación co seu Pai Deus no deserto, Xesús veuse tentado, pese a todo, polo espírito malo, polo Satán do que nos fala hoxe Lucas.
O ser humano, todos e cada un de nós, somos un misterio para nós mesmos. Atráennos o poder, o prestixio, a fama. Queremos ser máis cós demais. E a estes pásalles outro tanto. E sabemos que se nos deixamos levar por todo iso, sofren a irmandade, a fraternidade, a igualdade. Xesús debeulle de dar moitas voltas a este duro conflito que se produce no interior de todos nós, tamén no seu propio interior.
Pero no deserto, na soidade consigo mesmo e en íntima compaña co seu Pai Deus, chegou Xesús á irrevogábel conclusión de que a vontade do seu Pai era a de instaurar no mundo un reino de amor e fraternidade. Por iso, o deserto de Xesús será (a diferenza do deserto de Xoán Bautista) unha etapa só pasaxeira, que o levaría axiña a traballar directamente xunto cos seus apóstolos e discípulos a prol da instauración dese reino. Esa é a “boa nova” de Xesús.
Os evanxelistas que nos describen a peripecia de Xesús no deserto, en loita entre o falaz convite de Satán ó poder e á fama e a chamada do Pai á instauración dun reino de fraternidade, fálannos do importante papel que nesa loita xoga o “Espírito Santo”. É ese Espírito divino o que empuxa, forza, leva a Xesús ó deserto, algo así como unha poderosa onda dun mar impetuoso nos leva cara a onde ela quere. É ese Espírito forte de Deus o que clarifica as ideas de Xesús e o que lle dá forzas así para resistir ás tentacións do mal espírito, do tentador, do Satán.
Será ese mesmo Espírito de Deus que o levou ó deserto o que o encamiñará tamén, fóra do deserto, cara ó encontro cos homes e mulleres do seu tempo. Coa xente normal e corrente, coas súas necesidades, sufrindo as penurias que lles impoñen aqueles outros que se deixan levar polo espírito de Satán, é dicir, aqueles poderosos en cargos, en diñeiro, en prestixio social ou político ós que non lles importan ren os demais. A toda esa xente, marxinada ou desprezada polos de arriba, Xesús vailles anunciar a “boa nova”, a “alegre noticia”. Unha boa noticia, que ten como centro a experiencia de sentírense todos irmáns entre si e fillos queridos por Deus Pai.
A Coresma tivo popularmente noutros tempos un sentido algo tristeiro, de renuncia a certas cousas no comer ou de realización de determinadas prácticas penitenciais. De aí o contraste popular entre o Antroido destes festivos días pasados e a austera Coresma na que agora xa estamos. Unha coresma que liturxicamente empezaba ademais con ese convite, na antiga fórmula da imposición da cinza, a que lembrásemos que “somos po e que en po nos imos converter”. Pola contra, a mensaxe da fórmula de imposición da cinza do mércores pasado é agora moito máis alegre e, tamén, sen dúbida, moito máis cristiá por concordar mellor coa mensaxe central de Xesús: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, vólvete cara á grande e alegre noticia.
Cal é esa boa nova? Ben o sabemos. Nada máis e nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, de que Deus está connosco, de que Deus nos quere como a fillos del que somos, e de que calquera outra persoa é irmán meu e destinado, igual ca min, a formar parte dun reino de xustiza, de amor e de paz.
Compráceme por iso a expresión tradicional galega “Antroido” (ou “Entroido”) máis cá de “Carnaval”. Porque “Antroido” se refire directamente á “entrada”, á entrada na Coresma. Non hai polo tanto un “corte” entre o Antroido e a Coresma, tal como se vén representado popularmente nas troulas e festas do Antroido en contraste co austero rito do antigo comezo da Coresma de que non somos máis ca po. O Antroido é só a porta de entrada, alegre e festeira, á ledicia, moito máis fonda e universal, que nos trae Xesús, cando no novo rito se nos pide que nos convertamos ó “Evanxeo”, é dicir, ó “bo” ou “alegre” “anuncio” de Deus en Xesús para todos e cada un de nós.
Precisamente por ser esta “boa nova” unha boa nova para TODOS e non só para algúns, por iso –digo- a nosa alegría ten que ser inclusiva e non “exclusiva”. Ten que incluír nela a cantos poderían sentirse discriminados nas súas vidas, pois eles son tamén irmáns meus. E eles, eses irmáns meus, non deberían ter motivo algún para me acusar a min de que non me comporto con eles como un verdadeiro irmán.
Esta é, pois, a fermosa tarefa que temos diante neste tempo coresmal que acabamos de comezar. Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe con forza, como a Xesús, ó “deserto” da nosa conversión a Deus Pai para así podermos chegar a ver e experimentar a todos como verdadeiros irmáns nosos. Dá a casualidade, ademais, que neste ano 2016 o primeiro domingo de Coresma coincide co segundo domingo de febreiro (que é tradicionalmente o día da Campaña de Mans Unidas contra a fame no mundo). Dunha ou doutra forma estamos todos ó tanto dos moitos que pasan fame no mundo. Se tomamos en serio a nosa común fraternidade, é dicir, o feito de que somos fillos dun mesmo Pai, entón non deberiamos aturar que irmáns nosos pasen fame, pois sen un mínimo de igualdade non é posible que haxa auténtica fraternidade. Polo tanto, deberiamos loitar, utilizando os medios que estean ó noso alcance, para que estas situacións degradantes desaparezan. Convertámonos, pois, en sandadores da humanidade e non en cómplices da inhumanidade.
* 14 de febreiro de 2016