Os mesmos evanxelistas fálannos de que foron moitos e diversos os modos de se facer presente o Xesús resucitado ós apóstolos e ós demais discípulos.
En todas estas experiencias pascuais, cargadas de alegría e de esperanza para os seguidores de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse algo que vén sendo común denominador de todas elas. Todas son experiencias fondas e transformadoras que conmoven e afectan ós que concreta e particularmente as experimentan, pero que teñen, máis alá diso, un carácter comunitario e universal. Quero dicir, que teñen unha finalidade non só individual e particular, senón xeral. Realízanse en función de todo o pequeno grupo cristián de entón, de cantos viñemos despois e de tódolos que virán ó mundo detrás de nós.
A resurrección de Xesús é neste sentido unha nova que afecta a toda a humanidade, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu dar vida para sempre, máis alá da morte, a toda a humanidade. Os cristián estamos así chamados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Iso é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren persoalmente a experiencia de Xesús resucitado. Dese modo actúan as mulleres que foron moi cedo onda o sepulcro do Señor. Realizan axiña o camiño de volta para anunciarlles ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo semellante fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as aparicións, as experiencias, do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos recibimos tamén outras persoas, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera a todos.
Por iso tódolos que fomos destinatarios desta gran nova temos que anunciala, coa nosa palabra e cos nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en día ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser esta nova da resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso. Tiña que ser algo así esa nova xustamente por proceder de Deus, que é sempre meirande ca canto poidamos maxinar sobre El.
No comezo do evanxeo de hoxe fálanos Lucas de que os discípulos de Emaús fixeron axiña o camiño de volta tras descubriren abraiados que aquel descoñecido que se lles xuntara a eles no camiño era o propio Xesús. Tiñan que comunicárllelo canto antes ós demais apóstolos e discípulos. Eles marcharan, abatidos e desconsolados trala paixón e crucifixión do seu Mestre, cara á súa aldea natal para continuaren alí coa súa vida normal anterior ó encontro con Xesús. Pero nada máis teren experimentado a Xesús resucitado no seu camiño cara a Emaús non o pensan dúas veces. En vez deitarse e descansar tranquilamente da camiñada feita, tal como pouco antes llo aconsellaran eles mesmos ó seu misterioso acompañante (pois era xa noite ou case de noite), o que fan, tal como nolo conta o evanxelista Lucas, é “levantarse axiña e volver a Xerusalén”. Para qué? Para comunicárllelo, o máis cedo posíbel, ós demais compañeiros. As experiencias de Xesús non se poden gardar agachadas no propio recuncho interior. Hai que comunicalas para que outros poidan tamén alegrarse con novas tan inimaxinábeis. Tal como comenta Lucas, “eles contaron, ós once apóstolos, o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan”.
Dinos tamén Lucas no evanxeo de hoxe que xustamente cando os discípulos de Emaús facían partícipes ós seus compañeiros do que lles acontecera no camiño, o mesmo Xesús se lles fixo presente a todos eles conxuntamente, quentando así aínda máis os seus corazóns e fortalecendo a súa aínda feble fe na resurrección. Xesús apórtalles tranquilidade e consolo ós seus corazóns angustiados e temerosos ofrecéndolles a súa paz: “A paz sexa convosco!”. Esvaécenselles así as néboas das súas dúbidas e dos seus medos. Como vedes, todo é graza, forte e bondadosa iniciativa de Deus Pai que se manifesta en Xesús a eles e a nós. Deus é sempre o que dá inicio á súa obra en nós e o que a sostén e mantén. Nós só temos que estar incondicionalmente abertos a que el faga de nós e con nós o que el queira.
O Deus de Xesús é sempre o que quere estar e conversar con nós. Antes de que a nós sequera se nos poida ocorrer que tal cousa é posíbel. Por iso é Xesús tamén aquí o que se auto-convida, o que toma a iniciativa, para que traian algo de comer e así departir amigabelmente con eles: “Tedes por aí algo que comer?”. A nosa conversa con el é sempre algo posterior, consecuente, e que está sostido e posibilitado pola iniciativa de Deus. Cando un neno, en presenza de seus pais, lle dá as grazas a un descoñecido amigo da familia que lle ofrece e entrega un pequeno regalo, está a recoñecer coa súa palabra “grazas” que foi ese descoñecido amigo, a graza do seu descoñecido amigo, a que iniciou tan fermosa e agarimosa acción con el, con ese pequeno que non pode esixir por si mesmo nada.
Por iso a nosa dominical eucaristía, que é unha comunitaria lembranza da morte e resurrección de Xesús, ten tamén a estrutura dun banquete, dun xantar, no que Xesús non só se fai presente entre nós como quen nos convida á mesa, senón incluso como aquilo mesmo que comemos e bebemos. Tan fondo é o seu desexo de estar intimamente connosco.
En realidade é ese íntimo encontro do Xesús resucitado con nós o que verdadeiramente nos resucita, o que nos une ó corpo e á vida de Cristo e dese modo nos converte xa neste mundo, dalgunha maneira, en resucitados.