É algo así como cando, por exemplo, os pais dan vida ós seus fillos. Eles, á maneira de Deus, co amor que mutuamente se teñen, colaboran na creación dun mundo humano, vivo e activo. Pois que son os fillos, por pequerrechos que sexan, senón un impulso de vida, de actividade que se vai multiplicando cada vez máis? Os propios pais son os primeiros sorprendidos pola súa incríbel vitalidade.
Mais as cousas do mundo, incluídos nós mesmos, son moi diferentes, malia procedermos todos dunha mesma orixe. En realidade é unha diferenza que reflicte tamén dalgunha maneira a diferenza das tres persoas divinas do único Deus.
Pois ben, a parábola de Xesús dos diferentes talentos que Deus esparexe entre as persoas humanas hai que situala no contexto destas diferenzas. Cada un recibe de Deus, a través da propia bioloxía e do particular contexto social, dons distintos dos demais.
Mais o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque, como ben sabemos, Deus non precisa dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Si, en cambio, os precisan os que, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación con nós. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns.
Para nós non debería haber meirande alegría cá de poder ter ocasión de traballar polo ben dos demais, pois son irmáns nosos. Xesús non deixa ben ós preguiceiros, que non se preocupan por converterse en axuda e apoio dos que están ó seu lado. O mundo funcionaría sen dúbida moito mellor se cada un pensase máis nos outros ca en si mesmo. Esta é a verdadeira actividade que se nos pide que exerzamos cos talentos recibidos. Porque só nos foron dados para facelos frutificar e aumentar poñéndoos ó servizo dos demais.
Escribíame unha vez un bo amigo tras publicar o seu primeiro libriño nos comezos da súa actividade docente universitaria: “Renunciei ós dereitos de autor e todo o que recade irá parar a unha ONG coa que colaboro, que se dedica a proxectos de xustiza social (especialmente na súa vertente educativa) en América Latina, África, Asia e tamén en zonas pobres do noso país... A partir de agora, tódolos meus libros, sexan literarios ou académicos, irán (en todo ou en parte) dedicados a diversas ONG ou Fundacións... Cada día fago o esforzo consciente de seguir tendo claro que a miña vocación é a que é. Non é ser un ‘profesional da ensinanza’, senón unha persoa que constrúe mundo desde a tarima dunha universidade. Descubrín que ese é o meu lugar, e non outro, e esfórzome niso. Aínda que a miña familia non acabou de entender iso de rexeitar os dereitos de autor, porque me din que cobro menos ca un asistente doméstico, eu tomei esa decisión e desde a vocación académica e intelectual”.
Isto vén sendo, engado xa eu agora, unha das moitas maneiras de cumprirmos nos tempos de hoxe o mandado evanxélico de pór os propios talentos ó servizo dos máis necesitados. É o mesmo que facía aquela “muller forte” dos tempos antigos, ben loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e pola súa xenerosidade cos necesitados: “Bota as mans á roca e os seus dedos manexan o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo”.
Mais non quero rematar este cativo comentario das lecturas deste domingo sen facer lembranza dun acontecemento ocorrido xustamente hoxe hai 25 anos, no día 16 deste mes de santos do ano 1989, porque coido que está en liña co que acabo de comentar. Esta data vén sendo como unha especie de vodas de prata dunhas vidas entregadas ós máis desfavorecidos. Pois eles convertéronse en certo modo en voceiros dos marxinados sociais. Pois ben, nese día foron asasinados pola represión militar, podemos dicir martirizados, tendo en conta que a palabra de orixe grega “mártir” significa ser “testemuña”, dous bos amigos meus xesuítas en Centroamérica. En total foron martirizados no abrente deste día seis xesuítas e mais dúas mulleres que traballaban con eles. Os que eu coñecía de ter convivido con eles eran Ignacio Ellacuría e Segundo Montes, o primeiro orixinario do País Vasco e o segundo de Valladolid. Tanto o primeiro como o segundo puxeron, como se nos pide no evanxeo, os seus “talentos” ó servizo da construción do reino de Xesús. Non agacharon eses dons seus nun burato, senón que os puxeron ó servizo da igualdade e fraternidade. Con Ignacio Ellacuría convivín durante case dous anos en terras austríacas de Innsbruck desde o mes de outono de 1960 ata o verán de 1962. Levábame dous cursos nos estudos de teoloxía, mais eramos veciños de piso con porta de entrada ás nosas respectivas habitacións fronte a fronte. El estivera xa antes en Centroamérica. Serio e ó tempo amábel, teimoso en levar a cabo canto emprendía. Cando volveu para alá ó final dos seus estudos, a súa teima era empregar os talentos e calidades que Deus lle dera en axudar ás que el chamaba “maiorías populares”, para que acadasen unha vida digna, non sometida ó capricho e a violencia dos poderosos. Pouco antes de ser eliminado, puiden aínda saudalo ó seu paso por Madrid de volta ó lugar do martirio.
Con Segundo Montes convivira xa antes de volver vernos en Innsbruck. Aquí cursamos xuntos tres anos de teoloxía e recibimos tamén a ordenación sacerdotal no mesmo día. Debido a isto, foi moita a relación de amizade que tiven con el. Cando el foi asasinado xunto cos seus compañeiros era el o superior ou responsábel daquela pequena comunidade xesuítica.
En fin, se os exemplos vivos valen máis cás palabras que o vento leva, sírvanos hoxe a súa ben merecida lembranza para animármonos pola nosa parte a poñer os nosos distintos talentos ó servizo da boa nova, é dicir, da fraternidade e felicidade de todos.
*Domingo, 16 de santos de 2014