Pois ben, a espera, misteriosa e humana, de María da próxima vinda ó mundo do seu filliño Xesús, que ela nos traería, é sen dúbida un caso único e inenarrábel da nosa historia da salvación. Unha mociña pobre, absolutamente entregada a Deus, que aporta á historia da humanidade o máximo valor que a humanidade podería concibir e desexar: a persoa de Xesús, o Deus connosco, o “Emmanuel”. Deus entra así na historia humana por medio de María, é dicir, por medio de alguén que pertence á nosa estirpe, ou sexa, por medio de nós, que non somos máis ca seres humanos. Algo inimaxinábel! Claro que para iso houbo de ser facer Deus pequerrecho. Un neno, que ó principio non faría outra cousa máis que demandar e desexar alimento e agarimo, coma calquera neno ou nena.
Estamos á espera dese Neno, preparándonos para acollelo. A liturxia, as Lecturas, as palabras sagradas, lévannos cada domingo por lugares distintos. Hoxe semella todo en principio, a lo menos para min, algo disperso, sen un claro eixo estruturador. Apúntase aquí e alá a temas importantes: á alegría, á morriña cristiá de Paulo, ó amor e á sensibilidade que cómpre ter, á xustiza, etc. Todo algo revolto. Dándolle voltas ó maxín, pódese con todo encontrar algunha idea máis xeral ou estruturante e, ademais, moi contundente na mensaxe de fondo.
Refírome a iso do que se nos fala na 1ª Lectura, a do libro de Baruc, e tamén no Evanxeo, onde Lucas fai referencia, no contexto de Xoán Bautista, a outro moi importante profeta do Antigo Testamento, nada menos que Isaías.
O primeiro proclama a necesidade de acabar cos atrancos que se lle poñen diante ó pobo de Deus para que poida experimentar de verdade a chegada e a presenza de Deus nas súas vidas: “Mandou o Señor que se rebaixasen os montes altos e os vellos outeiros e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas, para que Israel camiñe con paso seguro, guiado pola gloria de Deus”. Pola súa parte, Xoán Bautista, que moito tempo despois actúa desde o deserto, é dicir, desde a soidade e desde a súa non-conivencia cos poderosos deste mundo, vai atraer cara a si as xentes máis diversas da rexión para lles dicir algo semellante: “Preparade os camiños do Señor, reparade os seus vieiros. Toda barranqueira se cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar e os fragosos hanse achanzar. E todos verán a salvación de Deus”.
Son naturalmente comparanzas, símiles, alegorías, pero que abranguen seguramente máis ca moitas palabras cumpridas e exactas.
Cinguíndonos o caso do Advento. Que nos están a dicir esas imaxes ou que nos quere dicir a liturxia con elas? Os profetas non falaban en xeral, senón facendo referencia a cousas moi concretas do seu tempo. Mais tanto Baruc como Isaías ou tamén o Bautista, en canto inmediato preparador e anunciador da vinda de Xesús, pertencían aínda en definitiva ó Antigo Testamento. Un profeta de hoxe (e habelos hainos, grazas a Deus, tamén hoxe en día) debería expresarse dunha maneira máis decidida e concreta. Pois hai xa máis de dous milleiros de anos que Xesús veu a este mundo e semella que vai sendo hora de que tomemos algo máis en serio a súa mensaxe.
Pois ben. Nos escritos do Novo Testamento temos algo así coma unha minuta do que todo profeta debería profetizar ou anunciar con forza hoxe en día. Os atrancos que se opoñen á aparición ou á presenza de Deus entre nós, dos que nos falan os profetas antigos pero que son aludidos directamente tamén por un autor do Novo Testamento como Lucas, seguen sendo hoxe os mesmos. Mais, dado o tempo transcorrido desde a aparición de Xesús na historia humana, podemos dicir que urxe a demolición de calquera tipo de atranco. Xesús destruíu en principio ou indirectamente tódolos atrancos (“montes” e “outeiros”) que se nos poderían poñer diante nosa, tanto relixiosos como humanos. Pois coa aparición de Xesús entre nós sabemos ben que Deus se converteu no noso Pai, máis exactamente, no noso “papaíño” ou, se queremos, na nosa “naiciña”, e que os demais se converteron polo tanto en irmáns meus. Que outros atrancos fundamentais nos poderían impedir que actuemos na vida con liberdade, con confianza, con amor?
En consecuencia, temos que loitar como cristiáns contra eses montes e outeiros artificiais do poder e da inxustiza que se teñen convertido no noso tempo en verdadeiros e aparentemente inamovíbeis atrancos para a fraternidade que Xesús veu traer á terra. Non fai falla ser moi concretos, pois todos estamos máis ou menos ó tanto do que está a ocorrer no mundo, nos países europeos, en España, en Galicia: paro, desafiuzamentos, forte descenso da natalidade, mocidade bloqueada nas súas posibilidades de desenvolvemento humano, etc. Se nós como cristiáns nos lavamos silenciosamente as mans ante estas e semellantes inxustizas ou apoiamos a xentes e colectivos que provocan ou consenten tales situacións, entón certamente non nos podemos considerar seguidores coherentes de Xesús. Dese Xesús que se enfrontou ós poderosos do seu tempo, tanto relixiosos como políticos, e que por esa razón rematou como rematou. Xesús resucitou, si. Mais poderiamos dicir que non tería resucitado ou que Deus Pai non o tería resucitado se non se tivese el comportado tal como fixo. O mundo, a humanidade, ten, pois, un Salvador porque Xesús foi quen foi e actuou como actuou.
Por iso, neste tempo de Advento, unha boa preparación para a vinda de Xesús no Nadal podería ser reflexionar ou meditar en particular e comunitariamente sobre se no noso modo de pensar e de vivir temos algo dos folgos e azos de Xesús para loitar tamén contra o que el loitou durante toda a súa vida. Contra eses montes e outeiros humanos, máis ben inhumanos e creadores de discriminación, que impiden que as persoas vivan libremente, iguais entre si coma irmáns, felices e esperanzados.
* domingo, 6. XII. 2015