Existen diversas enquisas e comentarios sobre que tipo de persoas semellan sentirse máis felices na súa propia vida, na súa profesión. Chamoume a atención ler concretamente, nalgún destes traballos, que en comparanza con outras profesións ou actividades hai unha boa proporción de sacerdotes que se senten moi felices na súa actividade. E a explicación que alí se dá é a de que a eles lles fai felices axudar os demais. Isto viría darlle a razón ó coñecido dito de que é máis feliz quen dá ca quen recibe.
Que eu saiba, houbo ata este momento, hai xa varios anos, dous Congresos Internacionais sobre o tema da Felicidade. No segundo e último ata agora, que tivo lugar en Madrid, falaron, entre outros, un monxe budista, de orixe francesa, que é considerado como o “home máis feliz do mundo”. Tamén falou nesa reunión unha monxa contemplativa, que vive nun mosteiro de Manresa (en Cataluña). As dúas persoas coincidían en que a felicidade, por moi persoal que sexa, non é un asunto individual, senón comunitario, social, compartido. Non se pode ser feliz pechándose un en si mesmo, na súa propia pel coma quen di, pensando que desa maneira se vería libre un dos perigos que ameazan a felicidade. Polo contrario, para ser feliz hai que saírse máis ben do propio “eu”, do propio egoísmo, e dedicarse a facer ben ós demais, a cantos poden precisar da axuda ou das atencións que un lles podería proporcionar.
A monxa contemplativa, á que aludín, dicía por exemplo: “Calquera que ame e se sente amado é feliz”.
Pois ben, todo isto ten que ver con algo que é moi central na experiencia cristiá, onde tan decisivo é o mandato do “amor”: do amor ó próximo. Por que é e debe ser tan central isto no cristianismo? Pois porque Xesús foi iso: entrega total e absoluta ós seus irmáns, homes e mulleres deste mundo, cos que no seu curto tempo de vida se atopou. Foi desa maneira e non de outra como Deus quixo revelársenos a si mesmo.
O evanxeo de hoxe é un verdadeiro canto a este modo de se comportar. Xesús indica acerca de si mesmo: “Eu son o bo pastor”. O acento hai que poñelo aquí nesas dúas letras que forman a palabra “bo”. Porque ser “bo” pastor significa, segundo o relato de Xoán, non pensar en si mesmo, nos seus propios intereses ou ganancias, senón nas ovellas. Trátase dun pastor que arrisca a súa vida, se é necesario, por salvar a vida das súas ovellas. Non polo interese que elas teñan para el, senón por si mesmas, porque as quere, porque as coñece polo seu nome, porque sabe cómo é cada unha delas e porque está moi ó tanto dos coidados que precisan.
Non é nada estraño neste sentido que o papa Francisco, como ben sabedes, comentase algunha vez que os evanxelizadores deberían ter “olor a ovella”. “A comunidade evanxelizadora –dinos el- métese con obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica distancias, abáixase ata a humillación se é necesario e asume a vida humana, tocando a carne sufrinte de Cristo no pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor a ovella’ e estas escoitan a súa voz”. Un “olor a ovella” que para Francisco vén sendo o mesmo ca “olor a evanxeo”.
Pois ben, no relato de Xoán están moi unidos coñecemento e amor. Non se pode amar sen coñecer e non se pode coñecer sen amar. É un relato precioso este de Xoán. Mais Xoán refire aquí o discurso de Xesús ós fariseos cunha fondura incríbel. Porque o amor que o bo Pastor, é dicir Xesús, ten ás súas ovellas é un amor que ten que ver co coñecemento e co amor cos que o Pai Deus e o seu Fillo Xesús se coñecen e se aman mutuamente: “O Pai coñéceme a min e eu coñezo o Pai”. Este amor ten que ver, polo tanto, coa mesma Trindade de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito, que é o centro mesmo da nosa concepción cristiá de Deus.
Falamos con frecuencia da gran felicidade que pode haber e hai en moitas familias: onde pai e nai se queren mutuamente e queren tamén a seus fillos e estes lles queren pola súa parte a seus pais. Agora ben, Deus non podería ser modelo e fonte deste tipo de amor se el fose en si mesmo unha persoa pechada en si mesma e sen posibilidade de se relacionar con ninguén igual a si mesmo. Por fortuna, Deus non é así. O Deus que se nos revela por medio de Xesús é un Deus misteriosamente un e trino: poderiamos dicir unha verdadeira familia, a familia primordial da que procede toda familia humana e todo amor sobre a terra.
Mais case o máis grande é aínda o seguinte. Todos nós, toda a humanidade, estamos chamados a formar parte desta primeira e felicísima familia divina do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Recórdanolo o mesmo Xoán na Segunda Lectura de hoxe. Dísenos alí: “Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade”. Este “sérmolo de verdade” e moita cousa. Algo que en principio parece imposíbel. Pero isto quere dicir que a humanidade toda, toda a gran familia humana, está chamada a se integrar na familia máis grande e máis feliz que imaxinar podemos: a familia -digámolo así- trinitaria, qué é Deus mesmo.
Un misterio que non nos pode caber na cabeza, mais que debería dirixir toda a nosa vida e a nosa relación con toda clase de persoas coas que nos encontremos neste mundo. Porque o noso destino é moi grande, inconcibíbel. Xoán non deixa de se referir ás perspectivas grandiosas deste destino noso, que foi posibilitado para nós grazas ó Deus que en Xesús se fixo irmán noso: “Meus amigos –segue a insistir Xoán- xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é”.
O tempo pascual é, pois, un tempo para “soñar”, para crer que son e que serán realidade cousas que só semellan pertencer ó mundo dos soños. Mais temos dereito a soñar, porque a grandeza do Deus no que cremos e o seu amor a nós son moito meirandes ca tódolos soños nosos, por altos e grandiosos que sexan.
Quen podería soñar que ese home Xesús que morre entre dous ladróns se ía converter, resucitado, na clave de toda a historia humana e do noso destino? Pois a nosa fe pascual apréndenos e ínstanos a confesar que si, que ese non é un soño, senón a feliz realidade que Deus mesmo fixo para nós. Podemos por iso dicir e cantar con alegría: Aleluia!! É dicir: Loado sexa Deus!!
*Domingo, 26 abril 2015