“Moi querido Santos: Respondín ás túas anteriores menos á derradeira do 3 novembro 1968. É que quería dar novas. E as novas chegaron. Xa as sabes. Aprobación total! Os do SEPT (sobor de todo Domingo [Fernández del Riego] e Xaime [Isla Couto]) están convencidos de que a túa visita foi decisiva. Supoño que recibirías o telegrama de noraboa firmado polo SEPT. Vouche contar algo. Cando ti escribiches que había que dar a loita eiquí, Xaime enviou un documentado documento a Quiroga [Fernando Quiroga Palacios] coincidindo coa reunión nacional dos bispos. Era unha peza mestra! Logo chegou a visita a Roma do Cardeal e a visita del ó Cardeal Gut. Esta foi definitiva, mais o camiño estaba xa preparado. E nisto ti tes unha meirande parte: non o esquecemos. Gracias, moitas gracias, Santos! Ó voltar de Roma, o Cardeal chamou a Xaime: quería darlle a boa nova. Viña moi ben impresionado (é curioso, o Cardeal pensaba que Xaime falara en Roma e eras ti o que falaras: Xaime calou). Polo tanto, coido que fixo gran impacto a túa visita a Gut e a Bugnini, cheo de documentos. En fin, a cousa chegou! Agora vouche contar como está aquí o ambiente: a ledicia foi tan grande (deron a nova ó remate da reunión de bispos galegos, o día sete deste mes), que comezaron a chover telegramas de gracias a Quiroga (di que foron moitos centos; soio de Vigo máis de douscentos, etc.). O oito toda a prensa de Galiza deu a nova con meirandes títulos nas primeiras páxinas. En Santiago dixeron unha misa concelebrada onte nas Ánimas como acción de gracias. Predicou o Pai Lousa, moi ben. En Vigo comezamos onte [domingo, 12 de xaneiro] a misa en galego na nosa eirexa, ás doce e cuarto da mañá: predicou Laredo [Xosé Luís Laredo Verdejo] e misou totalmente en galego. Moita xente e moito ambiente. Seguiremos tódolos domingos a esta hora. En Pontevedra os franciscanos puxeron unha ás doce da mañá con meirande éxito. En fin, a Galiza rexurde e o millor é que, deste xeito, a eirexa cumpre unha obriga de fai moitos séculos. Agora hai que levar a cousa con xeito: o que se faga facelo ben [...]. Xaime”.
Vivimos todos de lembranzas e esperanzas. Mais estas últimas continúan construíndose desde aquelas. Cumpría xa que logo exercer hoxe un chisco o oficio de lembrar. Pois son elas as que empuxan, coma o vento, a nosa travesía.
* [“Faro de Vigo”, martes, 8 de xaneiro de 2019]