O estraño, digo, en relación con esta resposta, unha resposta máis divina ca humana, é que Pedro pase tan rapidamente de ser considerado fiel e atento auscultador da inspiración divina a el do Deus Pai de Xesús a ser censurado e rebaixado polo seu mestre nada menos que á condición de Satanás. Pois ben sabemos que Satanás vén sendo o símbolo mesmo do mal, da perfidia ou do engano.
¿Como se pode pasar tan de présa do máis alto ó máis baixo na consideración dunha mesma persoa? Ademais, o que xulga aquí sobre a actitude de Pedro é o propio Xesús, sobre o que Pedro tan correctamente dixera que era “o Fillo de Deus vivo”. Está claro que para Xesús se están xogando aquí asuntos moi importantes. Vexamos.
O feito é que Pedro, ó que non se lle pode negar certamente grandes doses de amor a Xesús, debeu de quedar totalmente bloqueado co negro futuro que lles anunciaba Xesús acerca de si mesmo. Xesús, que para Pedro e os demais apóstolos significaba o máximo de grandeza, de bondade e de plenitude moral ía ser tratado pola cúpula mesma dos dirixentes relixiosos, segundo o anuncio de Xesús, coma un malfeitor ata o punto de rematar sendo eliminado ignominiosamente do mundo dos viventes. É verdade que Xesús anunciaba tamén que “ó terceiro día había resucitar”. Mais isto último non lles dicía practicamente nada ós discípulos que o escoitaban. Pois o significado concreto desta resurrección viña ser algo situado máis alá de calquera experiencia concreta. En definitiva, o que Pedro percibía era o fracaso de Xesús, o triunfo da maldade sobre a bondade e a xustiza. ¿Como podía Xesús -que tanto poder tiña mostrado xa contra toda clase de doenzas, enfermidades e incluso contra a morte mesma- permitir que a súa propia persoa chegase a se converter en vítima das meirandes inxustizas e vilezas? Non, iso non podía ocorrer e así llo fai saber, sen contemplacións, Pedro a Xesús.
Con todo, esta humana sabedoría de Pedro non está aquí ó nivel da súa primeira resposta, na que, inspirado por Deus Pai, confesaba que Xesús era “Fillo de Deus vivo”. Pedro suspende aquí, para utilizar conceptos escolares, en sabedoría divina. El pensa e fala aquí a un nivel puramente humano. “Non te deixas guiar por Deus –amoéstalle o seu mestre- senón polos homes”.
Xesús vese obrigado por iso, neste momento, a sentar cátedra para comentarlles ós seus discípulos unha serie de paradoxos fundamentais da súa mensaxe, que se converterán no eixo ou estrutura fundamental da vida cristiá. E ó dicir isto,“vida cristiá”, non deberiamos esquecer a primeira palabra: “vida”. Porque se hai algo básico na mensaxe de Xesús é xustamente, contra non poucos malentendidos históricos, o de “vida”. El afirmou sempre con contundencia que el é a “vida”, que el vén darnos vida e vida abonda, que seu pai Deus non quere saber nada de mortos, porque “para el todos están vivos”, etc. etc. De modo que se hai algo, neste sentido, que un cristián nunca debería practicar ou mostrar é unha vida lánguida, apagada, insulsa ou anódina.
Xustamente por iso, porque a “vida” cristiá ha ser moi vital, plena, afoutada e animosa, non lle deberiamos ter medo a renuncias que haxa que practicar ou a cruces que nos carguen sobre os ombreiros cando elas estean en relación co noso compromiso co evanxeo, esa boa nova que intentamos practicar e anunciar. Comportármonos doutro xeito significaría, aínda que non o pareza, térmoslle medo a vivir, a vivir plenamente, aínda que pensemos que si, que queremos vivir. Xesús dínolo de maneira paradoxal con esta formulación súa, cargada de misterio e de aparente contradición: “quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”.
Certamente para asumir un mesmo estas palabras e deixar que xermolen de verdade na vida propia, precísanse altas doses de fe e ter ademais moi en conta que para un cristián a vida non remata aquí senón que se prolonga no alén que se nos promete. Testemuñas deste modo de vivir e de morrer hainas abondo na historia do cristianismo e de tantas outras persoas que, aínda que non se considerasen a si mesmas como cristiás, portaban secretamente, sen sabelo elas mesmas, o lume interior e vital de Xesús. Non se buscaban a si mesmos, senón que axudaban decididamente ós demais. O que podemos saber hoxe en día, por exemplo, sobre persoas que, no seu coidado dos enfermos atacados polo virus do ébola, expoñen a súa vida intentando salvar a dos demais, pode ser unha pequena mostra de que o espírito de Xesús segue a estar presente nos nosos días.
Vivir a fondo a fe cristiá debería levarnos a adoptar actitudes que estean en consonancia coas palabras de Xesús, esixentes si, mais cargadas de plenitude e de futuro. Pois a vida é moito máis ca simplemente pasalo ben, a non ser que neste “pasalo ben” se inclúan a cantos non o pasan ben e precisan por iso do noso corazón e das nosas mans para que poidan pasalo algo mellor.
Na súa carta de hoxe ós Romanos pídenos Paulo que “non nos axustemos o mundo presente”. É dicir, que non nos deixemos levar polas proclamas do consumismo (como tamén nos advirte nos nosos días o papa Francisco), da comodidade ou do desinterese egoísta polos problemas e dificultades dos demais. Si, debemos rexeitar ser uns “vividores”. Pero si temos que ser entusiastas da vida, da vida de todos, aínda que iso supoña termos que levar sobre nós as nosas propias cruces ou as que Deus queira que levemos tamén dos demais. Difícil, pero fermosa tarefa a nosa.
31 de agosto de 2014