Unha maneira moi distinta de bautismo foi a do bautismo de Xesús. Se nós eramos daquela infantes e cativos, el era xa unha persoa adulta, que se estaba abrindo paso na vida. No seu caso foi un acto moi consciente. Xesús sentíase atraído, como tantos outros, pola figura, polo comportamento, polas palabras do Bautista que chamaba á conversión e a se ocupar de facer o ben. Moito do atractivo do Bautista proviña de que aquilo que el predicaba ou proclamaba o levaba tamén á práctica na súa vida. O Bautista era unha persoa consecuente e sentía no seu interior o ardor da experiencia de Deus.
Pola súa parte, Xesús percibía en si mesmo unha experiencia incomparábel, fonda e misteriosa, de saberse e sentirse como fillo benquerido de Deus, de Deus Pai. Unha experiencia moi especial, única, da que polo tanto pouco ou nada podemos nós dicir desde a nosa propia cativeza. Mais, ó mesmo tempo, Xesús era fillo do seu pobo, un máis daqueles que se achegaban a escoitar o Bautista para se deixar interpelar por el. Podemos dicir que Xesús estaba tan unido ó seu Pai Deus coma ó seu pobo, á súa relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus costumes. Pero dentro del ardía un lume devorador, un lume humano-divino que el quería estender a todos, para que a todos lles proporcionase luz e calor. Era ese lume interior de se sentir fillo especialísimo de Deus e irmán de tódolos humanos. Era a luz e a calor que el quería estender entre tódalas persoas e que vén sendo a cerna mesma de todo sentimento cristián: o de sentírmonos irmáns de todos en canto fillos dun mesmo Pai.
Esta unión de Xesús con Deus Pai e con toda a humanidade foi a que fixo que o seu achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa propia actividade, que se vai distinguir claramente da do Bautista. Xesús cumpre, ó ser bautizado polo Bautista, cun rito relixioso, pero non para se quedar pegado a el, petrificado coma quen di, inmóbil e satisfeito xa consigo mesmo. Non. Xesús, a través deste rito, vaise converter nunha persoa definitivamente libre para se deixar levar, polo Espírito e polo Pai, a onde queiran levalo durante o resto da súa vida.
O propio Bautista apunta a este contraste entre o que el era ou facía e o que era ou ía facer Xesús, cando, antes de bautizar a Xesús, anuncia ós alí presentes que el, o Bautista, “bautiza con auga”, pero que, en cambio, Xesús, “bautizará no Espírito Santo”.
Pobre Espírito Santo, poderiamos aquí engadir, do que tan poucas veces oímos falar e que é non obstante aquel no que Xesús nos bautizou e nos bautiza a cotío para nos facer mellores cristiáns, se é que lle deixamos facer en nós tal cousa!
Dentro do misterio que é e seguirá sendo sempre a Santísima Trindade, din os teólogos que o Espírito Santo é o “amor” co que se aman Pai e Fillo. Un amor tan grande, tan infinito, que é el mesmo igual ó Pai e ó Fillo, e que é tan persoa coma o son o Pai e o Fillo. Palabras e conceptos humanos, que para máis dun poderían carecer de calquera sentido, pero que para un cristián consciente da súa fe deberían rebordar de oculta grandeza e provocarlle auténtica felicidade. Aquela felicidade de se saber mergullado, é dicir, bautizado, no Espírito mesmo de Deus.
Un Espírito que, coma o vento ou o aire que respiramos (pois diso vén o nome de “espírito”), está cheo de liberdade, de versatilidade. Coma aquel vento forte do día de Pentecoste, cando os discípulos de Xesús comezaron a falar, coma se estivesen borrachos, en linguas estrañas mais intelixíbeis para os que as escoitaban. Ou coma as aves do ceo que voan libremente por onde lles peta, sen atender a estradas polas que tivesen que viaxar ou a camiños sabidos ou acostumados polos que tivesen que continuar circulando.
Non será quizais por iso polo que se adoita representar o Espírito Santo como unha pomba? Esas criaturas de Deus que contemplamos a cotío e que semellan reflectir liberdade e bondade... En calquera caso, o evanxeo de Marcos de hoxe, dinos que, nada máis ser bautizado Xesús polo Bautista, “baixou sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo”.
Pois ben, se o Bautista lles di ós seus oíntes (e neles estamos tamén nós representados) que Xesús, á diferenza do que fai o Bautista, nos bautizará “no Espírito Santo”, iso quere dicir que, por medio de Xesús e grazas a El, estamos todos chamados á liberdade, á alegría, ó amor, á bondade e a tantas outras boas e fermosas realidades que adoitamos designar co nome de “dons” do Espírito Santo. Pois será este mesmo Xesús, que empezou a súa andaina no día de Nadal, o que ó final da súa estancia connosco nos vai mandar este Espírito e estes chamados “dons” seus.
Por iso Paulo podía dicir na súa carta ós Gálatas: “Ti xa non es escravo, senón fillo”. O Espírito de Deus é quen nos libera de toda “escravitude” ou angustia e nos fai libres coma pombas. Exactamente como ocorreu no acontecemento do bautismo de Xesús. Dinos, efectivamente, o evanxelista Marcos que, ó tempo que o Espírito Santo descendía coma unha pomba sobre Xesús, se deixou oír unha voz que dicía: “Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto”. É dicir, a conciencia que adquire Xesús de ser fillo de Deus Pai (e non “escravo” del) é o don fundamental dese Espírito Santo que baixou sobre el e que está a baixar en todo intre sobre cada un de nós para crear en nós conciencia e sentimentos filiais en relación co noso Pai Deus.
É así precisamente como o Bautismo de Xesús nos afecta fondamente non só a el senón tamén a todos nós, irmáns seus e fillos adoptivos, mais verdadeiros, de Deus Pai. Esta é a grande ledicia que nos trae a todos a agarimosa pomba, símbolo da liberdade e da verdade do Espírito de Deus.
* 10 de xaneiro de 2016