[Enviada o 5 de xaneiro de 2014 á “Voz de Galicia”, mais tampouco publicada].
X. L Barreiro, desde a súa privilexiada “Torre vixía” deste seu xornal, volvía onte presentarnos as súas persoais consideracións sobre o tema político de Galicia como nación. Hai que llo agradecer, aínda que só sexa para poder tomar nota unha vez máis de que moitos en Galicia seguen a pensar seguramente coma el. Basta ver, tal como o fai el, a que partidos lles dan o seu voto os que se achegan ás urnas. Por iso nos di que “La república independiente de Galicia”, título do seu comentario de onte, lle produce admiración e ó tempo risa. Está ben. Cada un é propietario dos seus sentimentos. Como tamén dese sentimento de se sentir namorado “un montón” de Galicia, cousa que a tantos lles parece servir para dispensalos da súa recortada visión de Galicia. Pois ben, o problema político, social e cultural de Galicia é moito máis complexo có que aquí se nos dá a entender. Galicia, se facemos comparanza con Euskadi e Cataluña, ten unha historia de dependencia foránea bastante máis antiga e fonda cá destas nacionalidades. A estrutura política, a cultura e a lingua de Galicia tiveron que aturar durante moito máis tempo o peso dunha intrusión, ben documentada, de poderes e instancias foráneas. Non é, por iso, nada estraño que os galegos sexan máis serodios ca outros no espertar dese seu sono de séculos, desa historia de si mesmos que alleos lles fixeron aprender. Ó revés do que parece pensar o benemérito político e profesor de Forcarei, iso é (e non outra cousa) o que formou no país galego a que el chama “espesa capa de brétema que fai cada vez máis invisíbel o Fogar de Breogán”. .
[Enviada o 5 de xaneiro de 2014 á “Voz de Galicia”, mais tampouco publicada].
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|