Pois ben, nesta igrexa dos Apóstolos foi un verdadeiro pioneiro e animador das misas en galego o querido e benemérito P. Xaime Seixas Subirá. Nacera en Santiago en 1915 e faleceu no ano 1994 fóra de Galiza, aínda que o seu corpo foi traído e enterrado aquí en Vigo, arroupado polo agarimo e o fondo aprecio de persoas de tódalas clases sociais. Predicara a Boa Nova de Xesús por diversos países do mundo, coas miras postas sempre sobre todo nas persoas máis necesitadas. El foi tamén quen, por encargo do arcebispo e cardeal de Santiago, celebrou esa primeira misa en galego da que vos falaba.
Dado que hoxe, Día de Galiza, se celebra a festa do Apóstolo Santiago, Padroeiro de Galiza e das Hespañas (como dicía o P. Seixas), coido que é unha boa e axeitada ocasión para revivir e lembrar comunitariamente a homilía que naquela data de 1965 pronunciou o P. Seixas nesta mesma festividade que hoxe nos xunta aquí na igrexa dos Apóstolos de Vigo. Tanto máis canto que neste ano 2015 conflúen os 50 anos da homilía, ou sexa as súas vodas de ouro, e mailos cen anos do nacemento do autor da mesma, o P. Seixas.
Vouvos ler, polo tanto, non sen a comprensíbel emoción pola miña parte, as palabras que daquela pronunciou o propio P. Seixas en Santiago. Prégovos que as escoitedes como se el mesmo estivese aquí dirixíndovolas a vós. Hoxe, polo tanto, fálavos o P. Seixas, non eu:
Non sabedes a ledicia que sinto ó poder festexar convosco o Día do Señor Santiago, Padroeiro de Galiza e das Hespañas.
O que indignamente vos fala, antigo emigrante polo amor de Cristo na Europa e na América, non pode dar a esquecemento hoxe, Día de Galiza, os irmáns galegos espallados polo mundo enteiro: os das tres Américas, os da Europa e outros continentes, que asisten connosco a este grande acto relixioso e, a través da banda magnetofónica, ouzan con agarimo e afervoada lembranza esta santa Misa -a primeira do mundo no noso idioma galego- e esta mensaxe de esperanza transmitida desde a cidade santa de Compostela a carón do sartego do Apóstolo.
Irmáns galegos na Galiza e no mundo enteiro: nesta celebración xacobea do ano Santo de mil novecentos sesenta e cinco, as vosas almas están presentes en Santiago; os vosos ollos viron esta mañá voltexar o botafumeiro; os vosos corazóns ficaron a carón do xácigo do Apóstolo; e, neste intre, as vosas pregarias pola poetisa da Raza, sen esquecer ó noso grande Alfredo Brañas e ó noso escultor Asorey, xúntanse coas nosas nesta Misa rosaliana de tódolos anos.
Hoxe, como hai séculos, os camiños de Santiago énchense de pelengríns que veñen desde lonxanas terras a pregaren a Deus o perdón dos seus pecados.
Hoxe a cidade santa de Compostela volve ser o corazón da Cristiandade, a esperanza dun futuro mellor pra os doentes deste mundo, pra os pequenos que amou Cristo, pra os asoballados polas inxustizas dunha vida que pra moitos aínda é morte, non embargante a palabra do Señor: amádevos os uns ó outros coma Eu vos amei.
O Apóstolo Santiago é hoxe, coma sempre, un exemplo de Ideal e de vida.
De Ideal: Santiago amou a Cristo desde o intre que o coñeceu deica o intre da súa morte por El. Foille leal no triunfo e na persecución, na vida e na morte. É que Cristo é o único Ideal dos homes-homes. Só o home-Deus pode encher as inquedanzas da nosa intelixencia e erguer o entusiasmo dos nosos corazóns.
O Apóstolo Santiago, exemplo de vida: pola consagración de cada día ó Ideal do Señor. Deixa todo o que ten para dedicar as súas meirandes enerxías a loitar pola nova fe, a formar o pobo elixido de Deus, a espallar o Reino de Cristo desde a súa Galilea nativa deica a súa Galiza adoptiva.
E nós, irmáns: ¿Que facemos? ¿Seguimos o exemplo de Santiago na fidelidade ó Ideal de Cristo? ¿Convertemos a vida de cada día ó servizo deste Ideal?
Que hoxe, nesta grande data do noso Padroeiro e da nosa Galiza, pensemos un pouco no que temos que facer desde agora polo Ideal de Cristo.
E para iso, unha derradeira palabra: o verbo pregar é o verbo que máis debe conxugar o home na súa vida cotiá, pois o ser home leva intrinsecamente consigo a continxencia e a dependencia de Deus.
E a pregaria, a oración, é a cousa máis necesaria pra vivir de acordo con esta dependencia de Deus, pra facer sempre a vontade de Deus; nunha palabra: pra vivir e acougar na graza e amizade de Deus.
Eis por iso polo que eu hoxe prego a Deus xunto convosco pola fidelidade á nosa oración, pois se decote pregamos ó Señor seremos tamén a cotío bos imitadores do noso Padroeiro Santiago na fidelidade ó Ideal de Cristo e á vida cristiá de cada día.
Xuntemos, pois, as nosas pregarias coas do Apóstolo, pedíndolle ó Noso Señor Xesús Cristo que abenzoe neste gran día a tódolos homes do mundo: de tódalas razas, de tódalas linguas, de tódolos países, de tódalas relixións e tamén a aqueles que non teñen ou non queren ter relixión ningunha; e, de xeito particular, a aqueles que sofren persecución racial, lingüística ou relixiosa: pra que todos xuntos como irmáns na mutua xustiza e na irmandade do amor poidamos no derradeiro día dos tempos loar a Deus por toda a eternidade. Amén.
Así remataba a homilía do P. Seixas e aquí rematamos tamén nós con el. Feliz Día de Galicia!
* Sábado, 25 de xullo de 2015