Para apreciar nalgunha medida o atrevemento de Xesús ó tocar e curar da gafeira (laceira ou lepra) ó enfermo que se achegou a el, hai que ter en conta o contexto cultural e relixioso do xudaísmo. A persoa afectada por esa enfermidade era visto como alguén que fixera algo malo, era un “pecador”. A lepra era o seu sinal. Era, tal como se entendía entón, legalmente “impuro”. Contaxiaba os demais. Por iso nin se podía achegar el mesmo a ninguén nin tampouco os demais se podían achegar a el. En caso contrario, convertíanse tamén eles en pecadores, en “impuros”. Por iso os leprosos tiñan que vivir en sitios abandonados ou desérticos. A comida, que recibían de amigos ou familiares, deixábana estes a unha certa distancia para evitaren calquera perigo de quebrantar a lei e se converter así eles mesmos en impuros e pecadores. Mais Xesús rompe aquí tamén coas normas sociais e relixiosas do seu tempo para anunciar deste modo que por enriba de calquera convención social todos somos irmáns, irmáns del e irmáns entre nós, en canto fillos dun mesmo Pai. Marcos cóntanos que Xesús se “estremeceu”, ou sexa, que se lle conmoveron as entrañas ante este irmán seu que a sociedade e a relixión, da que o mesmo Xesús participaba, excluíra ou marxinara de maneira tan drástica. Se Xesús fose por dicilo así un “fundamentalista” da lei, tería que recriminarlle ó gafo que, en vez de lle pedir a el que o curase, debería berrar, como mandaba a lei,“son impuro, son impuro”, para que ó oíren iso tanto Xesús coma calquera outra persoa se distanciasen e non se puxesen en perigo de convertérense tamén eles en “impuros” e pecadores. Mais Xesús, como digo, lonxe de proceder así, “estende a súa man, –tal como nos conta Marcos– tócao” e cúrao.
O mal xa estaba feito, podemos dicir. Porque, aínda que Xesús se pon “moi serio” (como di tamén Marcos) e lle insiste ó curado que non diga nada, senón que se limite a comunicar ós sacerdotes que está san, o gafo curado non é capaz de aturar a alegría que lle salta no corazón sen comunicarlla a cantos atopa.
A consecuencia é que a Xesús se lle prohibe agora entrar nas vilas e ten polo tanto que quedarse “fóra” –como tamén nos refire Marcos-, “nos arredores apartados”. É dicir, Xesús mesmo, o curador da gafeira, xustamente por ter “tocado” á un gafo, convértese el mesmo agora legalmente tamén en “gafo”, en “pecador”, en excluído ou marxinado social. Pero aínda así ou quizais precisamente por iso, dinos Marcos que a xente “seguía acudindo a el de todas partes”. Como unha vez máis podedes ver, Xesús non fuxe da xente oficial ou socialmente mal vista, senón que se achega a ela. A todos nos quere coma irmáns, porque sabe moi ben que todos fomos convertidos pola graza do Deus Pai en irmáns do seu fillo Xesús. ¿E quen, se non é un perverso ou “desnaturalizado”, non quere e cura, se pode, a seu irmán?
E, falando de gafos ou leprosos, volvo un día máis ó Padre Seixas para así celebrarmos, pouquiño a pouco, un día máis o centenario do seu nacemento. Dicíavos no último domingo que Seixas, cando só tiña 25 anos, pedira ó Pai Xeral dos xesuítas que o destinase a traballar nalgunha institución de leprosos. Pero como non o conseguiu, pediu traballar con outros excluídos sociais, os negros. Mais polo menos puido traballar con obreiros en diversos lugares do mundo, tamén aquí en Vigo. Sempre quixo, coma Xesús, “tocar”, achegarse ós marxinados, para así ofrecerlles e darlles alegría. Incluso sen renunciar, chegado o caso, a un chisco de humor, como agora veredes. Refírovos algúns testemuños.
Primeiro un, tomado do fermoso libriño Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre G. Xurxo, sobre a súa estancia na República Dominicana: “En certa ocasión acudiu a dar a Extrema Unción a un ancián de oitenta anos que estaba a morrer. Na habitación había tres mulleres: a esposa e as dúas concubinas. O Dereito parece que lle esixía botar as dúas concubinas, pero isto parecíalle ofensivo para elas; así que tomou dúas velas, déullelas a cada unha e díxolles: ‘Xa que o axudastes a ben vivir, axudádeo a ben morrer”. “Refuxiaba –dise alí tamén- na súa casa os desertores, fosen do exército que fosen, e os negros que atravesaban a fronteira de Haití. Quedoulle para sempre desa época de Santo Domingo un amor e un agarimo especial polos negros”.
Máis testemuños agora sobre a súa estancia aquí en Vigo: “Logrou en Vigo empalmar fenomenalmente coa colonia negra, mozos negros procedentes do Zaire, o Congo, Guinea, etc. Fixo matrimonios entre eles, bautizos, etc. e saía a comer con eles esas galdrumadas africanas das que volvía encantado. Tiña unha graza especial para empalmar coas xentes máis estrañas: vendedores de prensa ou de xeados, taxistas, etc., sempre xente humilde e marxinada. Foi sempre moi amante dos marxinados e das culturas marxinadas”. “Parábase con tódolos ‘morenos’ que atopaba en Vigo e procuraba buscarlles comida e traballo, parábase cos xitanos, axudou nas horas heroicas ós obreiros de Citroën e do sector naval”.
Como vedes, os gafos ou leprosos cos que Seixas pediu desde moi mozo poder traballar e ós que quería, como Xesús, “tocar”, foron nos tempos de hoxe para Seixas as persoas ou grupos sociais marxinados. El, coma Xesús, trataba a todos como irmáns seus, pero de maneira especial ós máis excluídos dos bens destinados para todos.
Deste modo e grazas a persoas coma Seixas, decatámonos de que é posíbel facer presente tamén nos tempos de hoxe o evanxeo, a boa noticia. E iso debería ser tarefa que todos nós deberiamos asumir con alegría e agradecemento.
*domingo, 15. II. 2015