[Publicado o domingo, 8 de xuño 2014 en “La Voz de Galicia”, p. 21]
Desde os garaxes subterráneos da Universidade Autónoma de Madrid as anduriñas estannos a instruír e ensinar nestes días ós humanos co seu comportamento. Non co solemne discurso dos sisudos catedráticos que o fan desde pulcras aulas algo máis arriba delas. Onda o niño está colocada unha webcam que fai posíbel esa marabillosa ensinanza a distancia que se desenvolve día e noite. Neste momento xa se poden contemplar as crías recibindo alimento dos seus pais. Vivín durante moitos anos preto desas andoriñas e lémbrome de telo pasado mal unha vez cando, mesmo ó lado do meu vehículo, un deshumanizado, moi respectuoso iso si coa chapa do seu impoluto coche, desfacía sen compaixón coma se de arañeiras se tratase o niño que as andoriñas construíran pacientemente enriba do seu bólido. A técnica e os novos hábitats humanos fixeron desaparecer cubertos e cortes da noso rural galego onde podía criar a próxima e familiar anduriña. Alí aprendiamos de rapaces os segredos da vida e da natureza mellor ca na escola. Hoxe parece que a técnica nos quere devolver o que, sen sospeitalo sequera, nos roubara. Menos mal. Había a lenda de que a cor vermella do peito das anduriñas se debía a teren intentado arrincar as espiñas que lle espetaran na cabeza a un famoso xudeu que morreu nunha cruz. Non me estraña. Seguramente foron as mesmas anduriñas que anos antes presenciaran o nacemento dese axustizado desde o niño que construíran con amor no teito da vella corte de aldea onde el naceu. Parabéns ós planificadores e realizadores desa cátedra animal que nos aprende a sermos máis humanos!
[Publicado o domingo, 8 de xuño 2014 en “La Voz de Galicia”, p. 21]
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|