Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a meirande expresión da relación de Deus con nós é o feito de que El se fixo humano en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
Pois ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús e tamén polo tanto de como Deus é. Os que viñemos ó mundo despois deles, temos tamén a posibilidade de relacionármonos de maneira especial con Xesús e, a través del e nel, co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
Porque na eucaristía entramos en contacto especial con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais:
A primeira é cando escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o agradábel que nos resulta a todos cando alguén nos dirixe amigabelmente a palabra. E tamén como nos doe cando algún coñecido noso pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra amorosa de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos que recibimos dos demais, a través da palabra súa que se nos fai presente nos relatos evanxélicos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos fai vivir con plenitude.
A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros semanais na igrexa é a comuñón eucarística. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, somos conscientes de que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel impulso vital e vitalizador. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
Concretamente, na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta ós Corintios os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e dun sangue que, tal como lles di Xesús, “se entregan por vós”. Nas nosas eucaristías é iso o que comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como nos pide o mesmo Xesús, desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte fagamos nós o mesmo con todos. Esa era tamén a intención, convertida en pedra, da escultura da “Derradeira Cea” que temos aquí diante, realizada por Xoán Piñeiro Nogueira, nado preto de aquí, en Cangas, ó outro lado desta nosa fermosa ría de Vigo: facernos artisticamente presente a derradeira mensaxe de Xesús.
Esta festividade ten que ser, pois, para nós unha nova e especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a nós e se deixa comer por nós para que así poidamos participar nós da súa forza e da súa vida.
Hoxe en día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles fagamos a esas recomendacións, o problema principal, a posibilidade de vivirmos sempre, non nola resolven.
En calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os nosos produtos, a nosa propia dietética. Que consiste, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador de vida, dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
Unha forte crenza na vida, por outra parte, que ten que se amosar no noso interese pola vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que convivimos e que poden precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual, proporcionando amor, acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles poidamos ofrecer. Por iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo polo menos da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
Todo isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos pans e dos peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que se tratar dun acontecemento bastante especial ou rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo e Marcos falan del incluso dúas veces). Da escena da multiplicación dos pans e dos peixes podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa felicidade, material e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode ser que só uns poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que pasalo moi mal para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen ó seu coidado.
Todo isto temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os pobres e necesitados. De maneira que comulguemos así non só co corpo eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen en tantas partes do mundo e que nos fan presente a ese Xesús, fillo benquerido de Deus, que decidiu identificarse con eles.
Por iso a esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día da Caridade, como ocorre hoxe. Queiramos, pois, os demais como o Deus de Xesús quere a todos e de maneira especial ós seus fillos e irmáns nosos máis necesitados.
* (29 maio 2016)