[Publicado na “Voz de Galicia” o 6 de outubro de 2014, p. 15].
Estase a falar non pouco sobre a cruz do Castro de Vigo. Sobre se había que derruíla on deixala como está e onde está. Sobre se cómpre cumprir a sentenza de derrubo ou se habería que recorrela, tal como finalmente se fixo. Persoalmente téñolle moita lei á cruz. Refírome a aquela cruz na que foi cravado, por obra e graza das autoridades políticas e relixiosas do seu tempo, alguén que non fixo máis ca estar ó servizo dos máis pobres e marxinados. Ata entón era a cruz símbolo de ignominia e de desprezo. Pero trocou en símbolo de graza, de orgullo, de dignidade e de esperanza para os desherdados e perseguidos do mundo. O malo foi cando esa cruz empezou a se desprender do novo simbolismo adquirido e se foi convertendo, debido ós fraudulentos intereses dos poderosos, en compañeira da núa espada que divide e mata. A cruz cristiá baleirouse así non poucas veces do seu primixenio simbolismo. Quizais por iso a cruz partidista do Castro vigués está espida da imaxe do crucificado. Trocou así en algo ben diferente dos devotos cruceiros rurais que reflicten sinxelamente a dor, a dignidade e a esperanza dos pobres. Pero non se pode dicir que a cruz viguesa careza de simbolismos. A súa historia mostra o contrario. Para os humanos as cousas endexamais son o que son, senón o que facemos, pensamos ou maxinamos con elas. O problema non está na cruz, senón nas deturpadas utilizacións que se fixeron e seguramente se farán dela ó longo da historia.
[Publicado na “Voz de Galicia” o 6 de outubro de 2014, p. 15].
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|