Desde “El ojo público” do xornal que ó parecer máis lectores ten en Galicia fíxosenos hai poucos días unha proposta que parece soar ben: Por su bien, dejemos ya el gallego en paz. Pois quen non quere o “ben” e maila “paz”? O malo é nembargantes que ó galego, despois do seu uso normal a tódolos niveis nos séculos medievais, lle empezaron a facer a guerra xentes que viñan de fóra de Galicia. Guerra levada a cabo non precisamente con soldados e espadas, senón sobre todo con outros instrumentos políticos, económicos, etc. non menos eficaces ata a época actual. Por certo, resúltame algo estraño, tendo en conta esa “paz” do uso tranquilo do galego na época medieval, o que alí se comenta de que “nunca antes en la historia de Galicia” estivo a nosa lingua tan “protexida” e “presente” coma hoxe. Pois ben, nesa mencionada guerra estamos aínda. De modo que non acabo de entender como se pode pedir que se deixe en paz o galego cando ó galego non lle queda máis remedio que se resistir, da mellor maneira que lle sexa posible, á ben constatada invasión dunha lingua foránea. Por iso non podo comprender tampouco como “para o seu ben” ó galego lle pode convir que o deixen en paz. Entendería, si, moi ben se se dixese, polo contrario, que ó castelán lle conviría (e moito) esa paz, porque está claro que a esa lingua lle viría de marabilla atoparse xa por fin sen resistencia algunha. Entón, o galego gozaría finalmente da imperturbábel paz dos cemiterios, mentres que o castelán se podería gabar dun triunfo histórico. Pola miña parte, podería facer tamén outra proposta, algo distinta. Se fose verdade o que alí se di de que os nacionalistas e as súas diversas terminais, coa súa defensa do galego, só tratan de servírense do galego para gañar espazo electoral, por que non fai o mesmo o partido maioritario para, restándolles así electores ós nacionalistas, sumalos ós seus? Seguro que iso nos viría moi “ben” a tódolos galegos. Porque diso se trata. Ou non?
[Enviada ós xornais “La Voz de Galicia” e “Faro de Vigo”, mais non publicada]