Cousa importante. Primeiro Xesús dá de comer á xente. Aténdeos persoalmente con xenerosidade e despídeos con agarimo. Ós discípulos, mentres tanto, ordénalles iren para a outra banda do mar. Só despois irá Xesús ó monte a falar co seu Pai a soas, ó anoitecer. Por máis que Xesús estaba sempre, no seu traballo, no seu trato coa xente, en presenza do Pai, practicando, como modelo tamén para os futuros monxes, aquilo de “Ora et labora”, “Reza e traballa”.
Toda a vida e a mensaxe de Xesús son o resultado do seu trato íntimo, amoroso, confiado, con quen era seu Pai. Pero seu Pai érao para El dun xeito especial, único (neste sentido). Xesús amosouse a todos nós como o verdadeiro Fillo de Deus. De maneira distinta a como somos tamén todos nós, grazas a El, fillos de Deus. Nós, fillos adoptivos. Por iso distinguía el: “O meu Pai e o voso Pai”. Deus Pai era e é pai de Xesús e noso, de maneira diferente, aínda que verdadeira en ámbolos dous casos.
Os Apóstolos van aprendendo paseniñamente a veren así as cousas. Mais Xesús está interesado de maneira especial en Pedro, o que se vai poñer ó temón da nova igrexa que Xesús botará a vogar. Pedro ten que aprender a ter plena confianza en Xesús, un Xesús que é posuidor de todo poder. Un poder igual ó do Pai. Un poder que lle pode a tódalas posibles ameazas, a tódolos mares bravos. O mar foi sempre símbolo e paradigma dos medos, dos abismos perigosos, do descoñecido que ameaza, dos monstros, das tebras que non deixan entrar nelas a luz e a claridade.
A nosa vida no mundo non é sempre un pasear nun xardín de rosas. Dende que empezamos a respirar o aire deste mundo ata que deixemos de facelo, a nosa vida pasa por angustias, pequenos ou grandes fracasos, proxectos que non chegan ó fin desexado, etc. Mais velaí que Xesús, que por algo quere dicir xustamente “Salvador”, vén na nosa axuda, para darnos confianza en todo o que facemos. El está sempre aí para botarnos unha man, como o fixo con Pedro para que non se afundise no mar.
En canto cristiáns, temos que ter esta confianza nun Xesús que é todo el poder e amor. E que practica iso, por máis que exerza este poder e amor de modos inesperados e insospeitados. El ten o seu ritmo, que non ten por que ser o noso. El non conta só co tempo, limitado e curto sempre, senón tamén coa eternidade. Traballa a longo prazo cando non o fai a curto.
Non. El non é unha pantasma. Como o podería ser a Santa Compaña dos nosos avós. O único que fan as pantasmas é producir medo e espanto. Pero nin Deus nin o seu Fillo están aí para asustarnos, angustiarnos ou aterrarnos. Todo o contrario. Xesús non lle presenta razóns concretas a Pedro para que non teña medo a andar sobre as augas. Simplemente fai referencia a si mesmo, presentándose como quen verdadeiramente é. O que ten todo o poder e todo o amor para poñelos á disposición nosa. El conténtase con dicirlle ós discípulos e a un temeroso Pedro: “Tranquilos, que son eu”.
É moi significativo que hoxe, cando Xesús se presenta como poderoso e ó tempo como pacífico contra ameazas de calquera signo, se nos fale na primeira Lectura do Antigo Testamento do marabilloso encontro de Isaías no monte co seu Deus. Tamén aquí Isaías aprende a ver a Deus relacionado non co “rexo furacán”, co “tremor da terra” ou co “gran lume”. Uns fenómenos que se poden comparar coas ondas que se producían co vento forte do mar e que sacudían a pequena barca dos discípulos de Xesús.
Sobre tales fenómenos, dísenos no libro dos Reis que neles, é dicir, no furacán, no tremor de terra ou no gran lume, ”non estaba o Señor”. Si estaba, en troques, o Señor no case imperceptíbel “murmurio dunha airexadiña suave”. Como esa suave brisa ó anoitecer que ás veces nos vén do mar despois do solpor.
Deus é, pois, pacífico. E dicir, facedor e promotor de paz e non quere que nos asustemos ou anguriemos cos acontecementos que ocorren nas nosas vidas. Porque Deus é meirande en poder e en amor que calquera ameaza ou desgraza. Teño agora presente na lembranza aquel dito que lle oín hai moitos anos a un excelente director espiritual: “Todo o que angustia –dicía el- vén do demo”. Veume sempre moi ben.
Con isto o que quería el dicir é, tal como vos acabo de comentar, que Deus non está aí para angustiarnos ou meternos medo. Polo contrario, El está sempre para dar confianza e ánimo: “Tranquilos, que son eu”.
O mundo, tamén e de maneira especial o noso mundo actual, precisa de xentes que dean bo ánimo e “tranquilidade” ás persoas con medos, con dúbidas ou con pouca esperanza. Xesús chámanos a dicirlles coas nosas palabras e cos nosos feitos a todos: Tranquilos, que Xesús segue a ser tamén hoxe salvador e dador de paz, de tranquilidade, de alegría, tal e como nos vén repetindo unha e outra vez Francisco, bispo de Roma e pontífice da Igrexa dos nosos días.
*10 agosto 2014