Xesús aparece así entre nós como a palabra de Deus Pai ó mundo. Como a Palabra coa que Deus se dirixe á humanidade e á creación toda. O sinal de que Deus nos quere é precisamente o feito mesmo de que nos dirixe a palabra, unha Palabra que é El mesmo e non só o que nos di. Do mesmo xeito cós que nos saúdan e nos dirixen a palabra amosan así que nos aprecian, que se preocupan por nós e que nos queren. Do contrario, pasarían ó lado noso sen dirixirnos a palabra, como fan os que non se falan, os que non se queren, os que non se levan ben.
Mais Deus Pai diríxenos a súa palabra, sementándoa no mundo e en nós. Xesús é así a Palabra de Deus e a semente, o formento, que Deus coloca agarimosamente no mundo, na humanidade para irnos facendo cada vez máis divinos. É así como Deus Pai fai nacer ó seu Fillo Xesús no mundo coma un máis entre nós, converténdose deste xeito en compañeiro e irmán noso. Nace pobre e humilde, como calquera planta ou árbore que ó principio son sempre pequerrechas. Xesús faise así irmán de tódolos demais, de todos nós, convive con todos, sofre con todos e coma todos, traballa, loita, sufre inxustizas e morre inxustamente sentenciado. El non ergue a súa man, o seu poder infinito, contra ninguén. El dá simplemente testemuño coa súa vida e co seu modo de proceder do amor que Deus Pai e El mesmo teñen ó mundo e a tódolos homes e mulleres de tódalas razas, culturas e relixións.
Así é Deus e así é o seu ritmo vital na súa manifestación en Xesús. Deus non ten présa. Tampouco é vingativo ou está á espreita para, como quen di, castigarnos á traizón. Ese é tamén o ritmo que lles deu a tódalas cousas que El fixo.
Os apóstolos preguntábanlle algunhas veces a Xesús por que lles falaba en parábolas e non lles dicía as cousas más abertamente e sen rodeos. Nós mesmos, máis dunha vez, podemos pensar de maneira parecida. Pero cando Xesús acode ás semellanzas do sementador, das plantas que se forman desde unha semente moi pequena, ou á pouca cantidade de formento que é capaz, con todo, de transformar unha cantidade moito maior de masa de fariña de millo ou de trigo, ou cando fai uso doutras parábolas semellantes, en realidade este modo de falar e de proceder de Xesús é o único apropiado para transmitirnos a fonda mensaxe que Xesús nos trae do Pai. O evanxelista Mateo dinos no Evanxeo de hoxe que Xesús “nada lle falaba á xente que non fose por medio de parábolas”. Por que?
Pois porque o estilo de Deus nas cousas que El fixo mantense sempre o mesmo. Plantas, animais, homes e mulleres, tódalas cousas que existen, levan sempre o mesmo estilo de Deus. Algo así como cada arquitecto, pintor ou novelista ten o seu propio estilo, o seu propio xeito de construír, de pintar ou de escribir. Se queremos polo tanto entendérmonos a nós mesmos, temos que aprender a mirar tamén as cousas que hai arredor noso. Porque toda canto existe, a natureza toda (e nós con ela) leva, onde queira que sexa, o mesmo estilo de Deus, tan variado e tan semellante, tan fermoso e tan sorprendente.
Por iso é tan importante a conservación da natureza, o respecto a todo canto existe. Se destruímos a natureza ou abusamos dela, iremos perdendo capacidade de entendermos a Deus e de comprendérmonos a nós mesmos.
As parábolas de hoxe, a do xoio que medra co bo trigo, a do gran de mostaza que se converte nunha planta grande, ou a do formento que se transforma coa masa en pan, coinciden as tres nunha mesma cousa, nunha mesma mensaxe fundamental de Xesús: a vida humana e cristiá é un proceso. Todas e todos ímonos cambiando e transformando ó longo das nosas vidas. E, non o esquezamos, tamén a nosa morte non é senón un momento máis desta nosa transformación. Transformarémonos entón en algo novo, aínda que sigamos sendo aquilo mesmo que somos.
Por iso as plantas e toda a natureza apréndennos tanto. Apréndennos a decatarnos de que, se por exemplo o pequerrecho gran da mostaza podrece e desaparece como tal, non morre para sempre, senón que se converte nun arbusto no que ata os paxaros poder facer nel o seu niño. E poderiamos entón preguntar: ¿seriamos capaces de comprender algo do que significa a resurrección, a vida despois da nosa morte, se non tivésemos diante para velo, observalo e admiralo, o que ocorre con calquera semente dunha planta ou dunha árbore que enterramos nunha leira?
Ese é, volvo repetir, o estilo de Deus en todo o que fai. Sorprendente e estraño, si, pero grandioso e esperanzador. Porque, como din tamén os nosos irmáns musulmáns, Deus é grande. Máis grande có que podemos pensar del.
¿Que é pouco ou pequeno o noso formento cristián en comparanza coa gran masa da humanidade enteira, que polo menos semella non ocuparse gran cousa de Deus? Así parece. Con todo ¿non é tamén moi cativa a cantidade de formento en relación coa masa de millo ou de trigo que ha de transformar e facer medrar para que se coza un bo pan?
Recordo cando de pequeno ía eu buscar na casa dunha veciña unha cunca de barro con formento para que a miña nai o mesturase logo na artesa coa masa de millo. Tras mesturala, facía una cruz na masa que se ía cocer, e todo quedaba así preparado para que pouco despois co calor do forno se transformase en pan quente e saboroso.
Se, como nos di Xesús, somos formento dunha masa a transformar, revistámonos todos tamén de fe, de espera e de esperanza, de amor e de paciencia, para así asemellarnos tamén no noso ritmo persoal ó ritmo tranquilo e misterioso, pero eficaz, que Deus mesmo puxo en tódalas cousas da natureza. Pois é El mesmo quen pon diante de nós este ritmo da natureza como parábola e exemplo de como El se comporta e de como nos deberiamos tamén comportar nós.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Abrámonos ó Espírito de Deus Pai, amoroso e paciente con tódalas súas criaturas, pregándolle: Escóitanos, Pai.
Para que a Igrexa toda saiba verse e comprenderse a si mesma como pequena semente, coma pequena masa de formento, ó servizo da humanidade e do mundo enteiro, roguemos ó Señor. TODOS: Escóitanos, Pai.
Para que endexamais sexamos fanáticos ou nos consideremos os mellores, desprezando ou condenando o ritmo vital e persoal dos demais, roguemos ó Señor. TODOS: Escóitanos, Pai.
Para que saibamos ter ollos fondos e corazón limpo para respectar os planos e o ritmo de Deus na salvación do mundo. TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.