[Publicado na “Voz de Galicia”, 28 marzo 2014, p. 18. As liñas que sinalo en cursiva foron suprimidas]
Os que nos quedamos no aquén preguntamos e choramos por vós, fillos perdidos nos abismos do alén, do esquecemento e da tranquila paz das cousas inertes. Que fado vos levou alá? Vós e mais nós, os construtores e fanáticos da técnica, ficamos mudos ante a ruptura obscena dos nosos soños. Mundos de fantasía, de agarimos, de ledicia das cousas pequenas que agora se foron entre o lixo do tempo ido. Coma xoguetes rotos. Nun instante, nun abrir e pechar de ollos. Dor, negra coma o fondo do mar, é a miña dor, a nosa. Ou pasastes nun lóstrego instantáneo e eterno, preñado de lume e luz, da vida á Vida? Os que quedamos aquí deambulamos, mudos e feridos, coma somnámbulos, sen llo dicir a ninguén, sen sabermos onde ir xogar a próxima ruleta da vida. Por que vós e non nós? E as incógnitas arremuíñanse arredor noso coma a santa compaña das nosas vellas fantasías. Non somos nada ou somos só unha faísca que lle dá lume e vida a outras? Quizais só vagalumes pousados á beira verde do camiño da vida, que sinalan unha ruta, mais non descobren o seu termo, o seu segredo derradeiro. Déixovos caer aí, no descoñecido e amargo océano onde acougades, a miña bágoa rota, amarga tamén, como lembranza húmida dun sentimento de ser tamén da mesma estirpe vosa. Desta nova e vella liñaxe humana que sofre e loita, soña e dubida, sen saber quen é e onde chegará. Déixovos xa aí a todos, orfos de lousa de pedra nobre, catedralicia ou non, que sinale e aloumiñe a vosa tumba. Quédavos aí só a miña voz, voz sen eco, sen fondo, mais con vós e ata sempre. MANUEL CABADA CASTRO (Vigo).
[Publicado na “Voz de Galicia”, 28 marzo 2014, p. 18. As liñas que sinalo en cursiva foron suprimidas]
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|