[“Faro de Vigo”, martes 28 xaneiro 2014, p. 57].
O “che” deste título inclúe tanto ese noso exclusivo “che” de cortesía ou solidariedade coma o normal (de uso tamén noutras linguas) co que eu simplemente “che” falo “a ti”. Son desta terra nosa, túa (alomenos por adopción) e miña, aínda que eu por varias razóns teña pasado case toda a vida fóra dela. Fáloche, polo tanto, porque te estimo e teño confianza contigo, aínda que ti penses quizais que só che quero facer abalar nas túas posicións. Fáloche en galego a cotío para axudarche a quereres falalo, aínda que dese xeito me teña que violentar en certo grao a min mesmo. Pois máis cómodo seguramente me sería deixarme levar sen máis pola corrente, polas ondas que intentan arrastrarnos a todos cara ó pensamento único, cara á lingua universal, aquela dos que máis poden e nos queren someter ós seus ditados políticos ou económicos. Fáloche en galego, aínda que falarche así o poidas interpretar como intromisión, como espada que divide, como berro a destempo. Mais non che é máis –podes crermo- ca manifestarche e confesarche o doloroso que é iso de ter que sentirme “estranxeiro na miña patria”, arremedando o dito pola nosa Rosalía. Fáloche tamén para contarche que tamén eu tiven que aprender fóra do meu país outra lingua, outras linguas. Respecteinas e useinas porque era o único modo de sentirme coma un deles. E fíxenme así de verdade amigo deles. Un país e unha cultura non poden aturar a longo prazo que as súas xentes vivan permanentemente divididas entre a súa propia lingua e cultura e a cultura e lingua que lles viñeron de fóra sen que ninguén as chamase ou solicitase. ¿Por que continuamos tan pechados ó que está a ocorrer no irmán país catalán? ¿Non será que eles poderían ter chegado xa a un punto de non retorno, no que prefiran ser quizais de momento algo máis pobres, mais sendo máis eles mesmos? ¿Quen son, se iso é así, os verdadeiros culpábeis destes ameazantes divorcios políticos? Fáloche aquí no país galego en lingua galega, porque a falaches, a aprendiches ou a entendes, aínda que non a fales agora ou non a queiras falar porque pensas alá no fondo que te van considerar parvo, de aldea ou radical. Si, sería bo que fósemos radicais de verdade. Porque sermos radicais e atendermos ás raiceiras de onde xorde a vida, coidalas e defendelas. Se é que queremos realmente vivir e continuar sendo o que fomos e somos. ¿E quen pode deixar de querelo?.
[“Faro de Vigo”, martes 28 xaneiro 2014, p. 57].
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|