Xesús non se dedicou endexamais, para dicilo dalgunha maneira, á súa vida privada. Neste sentido podemos dicir que era un home público, que estaba aí para os demais. Foino xa nalgún momento cando era aínda moi novo. Basta con lembrar o episodio aquel de se quedar no templo, sendo aínda un rapaz e sen que os pais, tan desconcertados, o soubesen. Serao naturalmente sobre todo ó se converter en persoa adulta e responsábel, por ben mozo que aínda fose nesta súa idade adulta. Obviamente, non era unha persoa pública no sentido que se lle dá hoxe en día, por exemplo, ás persoas que se dedican á política, á administración pública ou cousas semellantes.
Non. Xesús era un home público, simplemente porque non vivía illado dos demais, porque non estaba enredado ou obsesionado cos seus asuntos e problemas particulares. El preocupábase por estar atento ós problemas e dificultades dos demais. Buscaba facer felices a todos, dándolles perspectivas e esperanzas de vida e comunicándolles a boa nova de que somos todos irmáns e fillos dun mesmo Pai e destinados ademais a unha resurrección para sempre más alá desta vida.
E ¡claro!, os que necesitaban este tipo de noticias eran as persoas normais e correntes, aqueles que tiñan que loitar e traballar por mantérense a si mesmos e as súas familias... Certamente, non tiñan por que estar atentos ós modos de ser e ós falares de Xesús os que se atopaban satisfeitos nos seus pazos reais ou dispuñan de cartos abondo para non ter que preocuparse demasiado polo seu presente ou polo seu porvir...Velaquí vedes por que Xesús tiña como oíntes, acompañantes, discípulos ou amigos a xente da que chamamos clase “baixa” ou humilde: a pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, prostitutas, etc..
Para todas eles Xesús era un incríbel e inesperado acontecemento. Naturalmente, o seu discurso, a súa chamada era para todos –pois non excluía a ninguén-, pero había xente, os que podemos chamar “poderosos” e autosuficientes, que se excluían a si mesmos, que se consideraban exentos de concederlle importancia algunha a tal acontecemento. A non ser como mera noticia curiosa, como “evento” interesante ou case deportivo, tal como lle pasaba por exemplo ó rei Herodes, que tiña curiosidade (curiosidade nada máis!) por velo, por telo diante de si ou saudalo coma a un personaxe famoso sobre o que a xente, abraiada, non paraba de falar. No imaxinario de Herodes, Xesús viña sendo algo así como un famoso cantante, futbolista ou espelido manipulador das multitudes.
Mais Xesús era unha persoa pública polo que era, polo que dicía, porque tiña cousas importantes para llas dicir á xente con problemas e necesidades, porque se lle notaba ben que canto dicía ou facía procedía dunha fonda e íntima experiencia persoal. Notábase nel ademais que actuaba cunha estraña e desacostumada autoridade, a diferenza dos meros repetidores de normas ou textos sagrados, como adoitaban facer os escribas ou fariseos.
Por iso ós seus discípulos non lles tivo que estrañar nada a pregunta que a eles lles dirixiu un bo día: “Quen di a xente que é o Fillo do Home?”. O Fillo do Home, é dicir, esa persoa que aquí tedes diante de vós, que é coma vós, ser humano coma vós, incardinado plenamente na historia humana e polo tanto na vida concreta dos seus paisanos, veciños, compañeiros e compañeiras da Palestina do seu tempo.
Xesús non é un personaxe público ó estilo do noso tempo, onde por exemplo os políticos analizan e estudan con coidado as enquisas que se publican sobre a estima ou desestima que hai sobre eles. A Xesús non lle interesaba en definitiva o que a xente podía dicir sobre el ou o que a xente sospeitaba que el podería ser para se sentir persoalmente satisfeito. O que si lle interesaba, e moito, era realizar unha transmisión verdadeira, non desvalorizada ou rebaixada, do que el era en realidade e da súa función no mundo.
Por iso, Xesús pasa da pregunta ós seus discípulos polo que sobre el di a xente a preguntarlles xa directamente a eles: “E vós, ¿quen dicides que son eu?”
A resposta de Pedro (“Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”) é tan incríbel que Xesús ten que lle confesar a Pedro que unha resposta así non pode ter outra orixe ca terlle sido suxerida a Pedro por Deus mesmo, polo Deus Pai do que Xesús sabía que el era o seu fillo “benquerido”. Incríbel digo, porque cando Xesús fala de si mesmo como “Fillo do Home”, Pedro responde que el (xunto cos demais condiscípulos) cre firmemente que Xesús, que se autodenomina a si mesmo humildemente “Fillo do Home”, é nada máis e nada menos que “o Fillo de Deus vivo”. Algo que soa incluso a contraste coa expresión utilizada por Xesús que se denominaba a si mesmo “Fillo do Home”.
En realidade, este é o grande e definitivo misterio de Xesús. E Xesús mesmo coidarase de advertirlles ós seus discípulos que non o anden correndo ou dicindo por aí, para evitar malentendidos ou interpretacións de tipo político. Refírome ó gran misterio de que Xesús é ó tempo “Fillo do Home” e “Fillo de Deus”. Desde logo, para poder crer Pedro e para podermos crer nós, moitos séculos despois, nesta gran marabilla realizada por Deus Pai no seu incríbel acercamento á humanidade toda, fai falla unha fe que non pode proceder deste noso pequeno mundo de simples criaturas. Como lle di Xesús a Pedro: “Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos”.
Con razón nos fala Paulo na súa carta ós Romanos sobre a incríbel grandeza da mente e dos plans de Deus: “¡Que fondura é a da riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus! ¡Que inescrutábeis son os seus xuízos e inexplorábeis os seus camiños”.
Este tipo de “boas” noticias -fundamentais, grandes e alegres- son as que estamos chamados, coa palabra e cos feitos, a agradecer íntima e comunitariamente a Deus e a comunicar á humanidade do noso tempo, no noso aquí e no noso agora de hoxe. Pois cremos e sabemos que El é suficientemente grande e poderoso como para facer que a súa boa nova, é dicir, Xesús como Fillo de Deus e como Fillo do Home, poida espallarse tamén no noso tempo e en calquera lugar do mundo.
24 de agosto de 2014