* [Publicado no “Faro de Vigo”, venres, 8 de xaneiro de 2016, p. 49]
Xusto co finar do vello ano 2015, no mesmo día 31 de Nadal, ti, Carmiña, deixáchesnos tamén. El non pasaba dos doce meses, pero os anos sonche así. Todos morren ben mozos e todos á mesma idade. Ti tiñas en cambio bastantes meses máis, aqueles que caben nos 77 anos que levaches con garbo e alegría ata que o cancro te visitou hai uns cinco anos. Ti chamábalo así, cancro, sen medos nin traxedias, aínda que fose un visitante inoportuno. Mais a ti os problemas que máis che doían non eran os teus senón os dos demais. Ti eras leve coma unha bolboreta, mais levabas un non sei que dentro de ti que te convertía en afouta, xenerosa e decidida cando se trataba de defender cousas e causas xustas, fosen de lonxe ou de preto. Sempre sen ofender. Fixeches o esforzo de falares en galego sempre, aínda que o ámbito cidadán no que vivías non che era moi propicio. Proba disto último, aínda que destas cousas ti só xa te puideches decatar desde arriba, foi o feito para min rechamante de que ó ollar nas necrolóxicas do 2 de xaneiro deste benemérito xornal vigués unicamente a túa estaba escrita na lingua que ti falabas. E non che eran poucos os recadros necrolóxicos: vinte e dous en total. Aínda algúns días antes de non poderes xa falar porque a enfermidade te apertaba, explicáchesme unha caída túa que te levaría xa ó Meixoeiro para non volveres xa máis de alí, dicíndome con voz xa moi feble : “esvarei”... Fiel, Carmiña, sempre á nosa lingua ata o final por traballoso que este sexa. Bravo! Estiveches sempre moi comprometida con diversas iniciativas relixiosas e sociais que se desenvolvían ou tiñan como centro a parroquia dos dominicos do Cristo da Vitoria (Coia). Nesa artística e monumental igrexa celebramos o teu funeral. Estabas alí moi presente, nas emocións, nas palabras, nos cantos dos teus grupos de amigas e amigos. Alí me decatei do moito que te querían. Foi un acontecemento alegre e esperanzado, porque o teu espírito latexaba, vivía entre nós. Nun momento houbo alguén que avantou decidido cara ó altar e berrou desde el con voz forte: Viva Carmiña! A resposta dos que alí estabamos non podía ser máis ca outro “viva!” vibrante. Tal como cho conto. Só quero engadir que existen felizmente, coma a miña benquerida cuñada Carmiña, moitas outras persoas no mundo que, sen seren coñecidas nin admiradas máis ca nos seus círculos próximos, contribúen decisivamente a que neste mundo habite aínda a esperanza. Grazas a todas elas!
* [Publicado no “Faro de Vigo”, venres, 8 de xaneiro de 2016, p. 49]
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|