Véñenme á lembranza aqueles versos de Curros co gallo do traslado, no ano 1891, dos restos mortais de Rosalía de Castro desde o cemiterio de Adina ó templo de San Domingos de Bonaval de Santiago. O poema empezaba así: “Do mar pola orela / Mireina pasar, / Na fronte unha estrela, / No bico un cantar”. E remataba deste xeito: “¡Ai, dos que levan na fronte unha estrela! / ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!”.
Versos coma estes poderían aplicarse tamén ós Reis Magos de Oriente, seguidores daquela estrela da que nos fala o evanxelista Mateo, que lles daba luz ós reis na súa busca da Verdade e do Ben. Unha busca que neles se ía facer concreta no encontro agarimoso con Xesús, o Emmanuel, o “Deus connosco”. Levaban eles tamén “na fronte unha estrela”. Estrela que os guiaba co seu resplandor. A estrela de Rosalía era o seu amor a Galicia e ás xentes pobres e postergadas do seu país, do noso país. Os Reis Magos son tamén para nós un símbolo bendito de cantos, sexan humildes ou poderosos, se poñen en camiño para ofreceren os seus dons e o seu agarimo ós pobres e necesitados do mundo.
Porque ben sabemos que é neles, nos pobres, onde se atopa Deus e onde quere que aprendamos a atopalo. Pois no Neno Xesús identifícase Deus cos pobres e humildes do mundo enteiro. É alí onde Deus quere ser servido, querido e agasallado. Non noutro lugar. Mirade con que forza o papa Francisco se refería non hai moito ó lugar central que deberían ocupar os pobres no seo da Igrexa: “Quero unha igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos... É necesario que todos nos deixemos evanxelizar por eles. A nova evanxelización é un convite a recoñecer a forza salvadora das súas vidas e a poñelos no centro do camiño da Igrexa. Estamos chamados a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, mais tamén a sermos amigos seus, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”.
Volvendo a vista ós Reis Magos, eles móstrannos no seu comportamento que é precisamente neste servizo ó próximo necesitado, representado na pobreza do Neno Xesús, onde se atopa a verdadeira grandeza de cantos dispoñen de bens e de riquezas. Eles son só verdadeiramente grandes e poderosos cando saben engrandecer e alegrar os que carecen de posibilidades para desenvolver con dignidade a súa vida.
Por outra parte, non pensemos que esta decisión, a dos Reis Magos ou tamén a nosa propia decisión persoal, foi ou é unha decisión puramente persoal. É sempre o Deus que dirixe a historia e os acontecementos todos, aínda que sexa desde o humilde lugar dun presebe, o que de moi diversas maneiras suscita en todos, como tamén nos Reis Magos, bos pensamentos e desexos. El é sempre quen atrae cara ó ben, cara ó humilde servizo dos pobres e necesitados do mundo.
Segundo os versos de Curros, Rosalía, impulsada pola estrela que levaba na fronte, levaba tamén “no bico un cantar”. O canto é expresión de fe nunha causa, a alegría dun modo de pensar, de actuar e de traballar que ensancha o espírito e lle dá vigor ó camiñar de quen lanza ó vento o seu canto. Sobre os Reis Magos dinos Mateo que, tralo seu encontro con Herodes, a estrela se lles volveu aparecer e que, ó ollala de novo, “sentiron unha grande alegría”. Tamén deles podemos dicir que levaban “no bico un cantar”.
Cos seus relatos de Nadal, os redactores destes acontecementos salvíficos sobre o Neno Xesús, están a ofrecernos, nunha linguaxe mitolóxica, unha mensaxe concreta que suscita e provoca alegría e esperanza. Temos aí diante un Deus salvador, un Deus Pai que se fai irmán de todos en Xesús. A fraternidade entre todos queda deste xeito instaurada no mundo como realidade ou como esperanzador proxecto e fermosa tarefa a realizar.
Este anuncio ou este destino da humanidade son todo o contrario do comportamento dun Herodes preocupado pola posibilidade de que o anunciado “rei dos xudeus” o vaia desbancar do seu posto real, da súa privilexiada posición de poder. Porque cando un fai depender a súa vida do seu poder, da súa forza e da súa violencia, entón verase inevitabelmente tentado a recorrer a toda clase de trampas e artimañas para se manter no seu posto fronte a calquera que o poida desbancar del.
O tempo de Nadal é un tempo forte que convida a nos converter a novas categorías. É, ademais, un tempo litúrxico que contén unha mensaxe dirixida non só ós cristiáns, senón á humanidade enteira. Porque o verdadeiro templo de Xesús é o mundo enteiro e non o limitado interior das nosas igrexas, nas que podemos contemplar as variadas representacións do seu nacemento. Á fin e ó cabo, pagáns eran tamén os Reis Magos que camiñaron cara ó encontro do Neno Xesús para agasallalo cos seus regalos. Por iso, o xudeu Paulo, reconvertido en cristián, alude expresamente, na segunda Lectura, e con grande abraio, o gran “misterio” de que tamén “os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo”.
Este Deus universal e concreto, aberto a todas e a cada unha das persoas, de calquera espazo cultural, de calquera país, de calquera relixión ou de calquera tempo histórico, é o que os seguidores de Xesús teñen ou temos que ofrecer con humildade, agradecemento e alegría a todos, se é que un pretende ser fiel ó seu Mestre.
Día de Reis é tradicionalmente un día de regalos e ilusións para moitos, sobre todo para os máis pequenos. Deberiamos desexar que tódolos días da nosa curta ou longa vida sexan, nalgunha medida, “Día de Reis” para cantos se atopen nalgún momento das súas vidas con nós, converténdonos deste xeito en verdadeiros e esperados reis para tantos empobrecidos (de mil maneiras) como existen no mundo.
* 6 xaneiro 2015