Por iso, se tivésemos tempo e forzas suficientes para escribir de maneira totalmente fiel o que nos ten ocorrido durante toda a nosa vida ata o intre de despedírmonos dela, as memorias ou lembranzas de cada quen serían seguramente emocionantes e ben distintas tamén as unhas das outras.
O evanxeo semella que nos chama xustamente a non apuntarnos sen máis a levar unha vida tranquila, cómoda e sosegada, allea a calquera problema que se nos poida presentar. Temos que loitar sempre, dunha ou doutra forma e con maior ou menor intensidade, para podérmonos agarrar a algunha táboa de salvación. Porque o mar no que estamos está sempre en movemento e sen movermos os brazos para nos manter na superficie da auga afundímonos en abismos escuros.
Como cristiáns sabemos e cremos que esa táboa de salvación é Xesús (que significa precisamente Salvador). Un Xesús unido para sempre a esa cruz que, desde que el a levou sobre os seus ombreiros e nela se deixou cravar, quedou constituída en lugar de bendición e salvación para toda persoa. Por iso o sinal da cruz é e seguirá sendo distintivo específico dos cristiáns. Non só como adorno que podemos levar no peito, senón como un modo de ser e de comportármonos que non fuxe do sufrimento cando o seguimento de Xesús nolo esixe. É unha condición, tal como nolo di Lucas, para sermos de verdade discípulos dese Xesús que camiña con bo ánimo cara a Xerusalén: “O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu”. Pois é alí, en Xerusalén, onde se vai atopar Xesús coa cruz á que o condenarán os que consideraban a súa existencia como unha ameaza para continuaren en posesión do poder político e relixioso que ostentaban.
Agora ben, ser discípulos de Xesús significa levar adiante, con Xesús, os seus plans de realización no mundo da igualdade e fraternidade entre todos en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Un cristián ten que ser consciente de que esa fraternidade e igualdade non é querida nin tolerada por persoas e estamentos que gozan dunha alta posición económica e social. Por iso se van opor a que tal cousa ocorra. Pois dese modo terían eles que renunciar ás comodidades e vantaxes que o seu propio status lles proporciona.
Mais debemos ter en conta, en calquera caso, algo moi importante. Nin Deus Pai nin o seu fillo Xesús queren a cruz para nós. Deus chamounos e chámanos continuamente, desde o máis íntimo de nós mesmos, á felicidade, a sermos felices todos e cada un. Pois ó desexo de felicidade non somos capaces de renunciar e polo tanto non debemos intentalo sequera. Mais temos ó mesmo tempo que saber que a felicidade non se acada a soas, cada un para si mesmo, senón cos demais, de maneira solidaria cos que estean máis preto ou máis lonxe de nós.
É así xustamente como pode facerse presente a cruz nas nosas vidas. Unha cruz que en definitiva non é contraria á felicidade, senón condición para acadala. Cruz porque a fraternidade real leva consigo renuncias concretas, atención amorosa ás necesidades dos outros e non só das miñas, sufrimento polo rexeitamento que moitas veces teremos que aturar dos que non pensan máis ca en si mesmos e non lles importan ren os outros. Un rexeitamento que pode incluso xurdir, tal como nos recorda Lucas, do noso entorno máis próximo.
Para sermos deste xeito verdadeiros discípulos de Xesús, nin sequera a propia vida debería contar para nós, por grande que sexa o noso desexo de non perdela. Máis dunha vez oímos ou lemos de persoas que arriscaron perder a súa vida (e incluso a perderon) coa esperanza de acadar algo de felicidade para si mesmas, para as súas familias ou incluso para persoas que nin sequera coñecían. Persoas que se tiran ó mar para salvar a alguén en perigo de afogar, emigrantes que nunha feble embarcación intentan chegar a Europa para desde aquí poder atopar traballo e mandar algo de diñeiro ós seus familiares necesitados. Son cruces das que non se pode fuxir se quere un acadar salvación e felicidade para si mesmo ou para os demais.
Unha actitude deste tipo supón renuncia a bastantes cousas. Por iso fálanos hoxe tamén o evanxeo do necesaria que é a “renuncia” para podermos ser discípulos de Xesús. Pola contra, bombardéasenos continuamente desde moitos sitios coas cousas que, segundo se nos insiste, presuntamente necesitamos. E así ímonos enchendo de enredos, instrumentos e outras cousas e cousiñas que moitas veces non valen máis ca para dicir que temos a última cousa nova que hai no mercado.
Mais sabemos, por outro lado, que para poder camiñar e correr con lixeireza canto menos peso levemos tanto mellor nos irá. Sen nada viñemos a este mundo e sen levarmos nada connosco sairemos del. O estraño é que nese curto interregno, que vén sendo o tempo da nosa vida, nos queiramos arrodear de tantas cousas.
En calquera caso, para levarmos con garbo ou alomenos con paciencia as cruces da nosa vida, canto menor peso superfluo levemos connosco tanto máis doado nos resultará seguirmos a ese Xesús que vai sempre diante de nós, desprovisto de todo, portando a súa cruz. Dándonos así, como din os vellos catecismos, “exemplo de vida”. Porque iso si, a vida, por ser don de Deus, témola garantida, ben sexa neste mundo ou no descoñecido mundo que misteriosamente se nos abrirá despois da morte. Pois Xesús non lles falla ós que o seguen, ós que levan tamén a súa propia cruz, a cruz de cadaquén. Unha cruz, pois, que de ningún modo permitirá o Pai Deus que nos esmague totalmente, pois foi tamén o seu Fillo quen nos dixo: “o meu xugo é lixeiro e a miña carga pequena”.
* 4 de setembro de 2016