*Publicado no “Faro de Vigo”, xoves, 20 de novembro de 2014, p. 57
Por unha feliz coincidencia este ano, no día 20 deste mes de santos, pódense dar mutuas e agarimosas apertas os rebuldeiros nenos e os sisudos filósofos que se dedican a pensar a realidade. O día Mundial da Filosofía celébrase, en efecto, o terceiro xoves de cada mes de novembro e o día Universal do Neno cada día 20 deste mesmo mes, en conmemoración da aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno o 20 de novembro de 1959. Mais as coincidencias, por casuais que sexan, ofrecen tamén ocasión para pensar. É cousa antiga entre os filósofos a afirmación de que a súa disciplina xurde da admiración, do abraio, ante a realidade física, cósmica, natural, social e humana na que estamos, queirámolo ou non, fondamente mergullados. A filosofía intenta descifrar este enigma, entendelo, analizalo e, tamén, criticalo nas súas desviacións humanas. Mais xustamente nisto da admiración emparéntanse os filósofos, é dicir, os amigos da sabedoría, cos nenos. Porque estes, desde que dan vía libre ó seu primeiro berro de entrada no mundo, non son máis ca aprendices agradecidos e abraiados perante o que ocorre arredor deles. Para eles todo, como para ós filósofos, élles novo. E cando as cousas felizmente van ben, admiran, confían e vense agasallados cos sorrisos, bicos e apertas dos que están amorosamente á súa beira. Moito dá que pensar aquilo que máis dunha volta teremos lido ou escoitado de que “se non vos facedes coma nenos non entraredes no reino dos ceos”, é dicir, no reino da realidade e da verdade. Os nenos viven no abrente da súa existencia, nos seus principios. Principios calmos e mainos sobre os que se irá construíndo o seu propio futuro. Por iso, os filósofos non sen razón analizan teimudamente os principios do seu propio labor teórico e da realidade toda que está aí ante os seus propios ollos. Nisto son eles tamén coma nenos, mais conscientes da súa situación e do permanente risco do autoengano. Sen nenos nin hai sociedade nin pode haber futuro. Deberían ser os pensadores, os filósofos, eses videntes de como son as cousas, os que terían que poñer de relevo esa realidade. Precisamos dunha gran coalición de nenos e pensadores que lle saiban ofrecer ó mundo unha esperanza, un camiño, de renovación e de vida. Sen eles a humanidade tórnase esencialmente orfa. Quero dicir, esvaécese na nada. Se os políticos e os creadores de opinión non teñen algo desa aura de nenos e filósofos, ós que hoxe lembramos con agradecemento, tardaremos ben en espertar dese sono inerte que nos atorda.
*Publicado no “Faro de Vigo”, xoves, 20 de novembro de 2014, p. 57
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|