Con todo, non me quero referir agora a isto, senón a algo quizais máis sutil, case imperceptíbel. Lendo algúns textos escritos en excelente castelán (faltaría máis!), algúns deles presuntamente incluso orientadores da opinión dos lectores, non resulta nada estraño atoparse con palabras perfecta e unicamente galegas (como “trapallada” e outras semellantes) que se mesturan inocentemente no elegante discurso castelán do seu autor sen aparente mala conciencia. Ou moi errado ando eu, ou eses usos non parecen ser máis ca erros ou lapsus freudianos dunha lingua reprimida no seu normal e debido uso. Paréceme, á parte diso, que esa vergonzante mestura de palabras galegas, conscientemente utilizadas como tales no discurso castelán, non fai máis ca intentar asegurar o posto dependente e servizal do galego para honra e gloria da lingua do poder e, consecuentemente, daqueles estamentos sociais que a utilizan como manifestación e expresión do seu asumido prestixio ou do seu presunto alto status económico e social. Mais os galegos temos dereito a sermos nós mesmos e a que a nosa lingua non se converta en simple e simpático comodín doutra. MANUEL CABADA CASTRO. Vigo.
[Publicado no “Faro de Vigo”, domingo 16 marzo 2014, p. 81].