[Publicado en “Faro de Vigo”, domingo 15 decembro 2013, p. 73]
Nietzsche continúa a ter adeptos. Del é a coñecida obra “A alegre ciencia” (título que mellor se traduciría así ca co tradicional de “A gaia ciencia”). O alemán pretendía así proclamar un novo evanxeo, o da alegría dun vivir exaltado e creador, fronte a un evanxeo cristián que el entendía como triste e pusilánime. Agora, preto de século e medio despois e nun sentido directamente oposto ó de Nietzsche, o representante de máis alto rango do cristianismo acaba de facer pública unha solemne e programática Exhortación a toda a Igrexa (e de maneira implícita a toda a humanidade) co título de “A alegría do evanxeo”. Francisco, aínda que compresiblemente o nome do seu opoñente alemán non apareza nela, vén dicirnos que non quere unha igrexa triste e desmoralizada. Nunca máis. Para Francisco esta mensaxe supón o comezo dunha “nova etapa evanxelizadora”. Andando o tempo, seguramente se irá confirmando a enorme relevancia desta ben formulada e programática proclamación. Non se trata de que ideas ou conceptos como os que nela desenvolve Francisco sexan algo absolutamente novo. Mais si o é a centralidade que acadan no discurso dun pontífice. Porque se trata de definir e perfilar as características fundamentais de quen pretende presentarse ante os demais como un evanxelizador, un comunicador do evanxeo, é dicir, da boa, agradable e alegre noticia. En consecuencia, a Francisco non lle gustan evanxelizadores “con cara de funeral”. A Igrexa non debería presentarse como algo repelente, senón atractiva. Non debería aspirar a “encherse de inimigos” nin a dar motivo, falando de comportamentos concretos, a que se vexa o confesionario como unha especie de “sala de torturas”. Pois o evanxeo é algo que non se pode reducir a ser considerado simplemente como “un catálogo de pecados e erros”. Todo el sería, máis ben, un convite á liberdade, á liberación, á vida. “Nunca nos declaremos mortos, pase o que pase”. Por iso non deberían os que se consideran crentes converterse en “seres resentidos, queixosos, sen vida”... ¿Podería esperarse que con estes impulsos procedentes das instancias máis altas da Igrexa, a concepción nietzscheana do cristianismo iniciaría definitivamente a súa retirada? Sería bo. E non tanto (aínda que tamén) polo ben da Igrexa mesma, senón polo ben da humanidade, que precisa de persoas que anuncien, con visos de verdade, a felicidade e a alegría. MANUEL CABADA CASTRO. Vigo.
[Publicado en “Faro de Vigo”, domingo 15 decembro 2013, p. 73]
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|