* [Publicado no “Faro de Vigo”, venres, 24 outono 2014, p. 57].
Hai xa algúns anos publicouse en Galiza un libro no que un capítulo leva como título “O ladrón das palabras”, unha alegoría da situación de linguas dependentes ou subordinadas coma o galego. Chamoume a atención porque coido que dá no albo. Ese ladrón estranxeiro do que alí se fala que, cun coitelo ó cinto e un dente de ouro, se foi apoderando das palabras dun país que non era o seu fai referencia naturalmente á historia, aínda viva e presente, do país galego e da súa lingua. Por outra banda, só hai poucos días os xornais deron a nova, que en realidade tiña pouco de nova, de que o galego continúa co freo ou coa marcha atrás posta no seu desenvolvemento en relación co castelán. Non deixa de ser curiosa e sorprendente, porén, a diversidade no modo de apreciar este tipo de inxustas situacións lingüísticas e culturais se as comparamos con outras, igualmente inxustas, que están tamén de actualidade. Prodúcenos efectivamente noxo, e con razón, o conto de nunca acabar dos presuntos roubos ou atracos con guante branco que determinadas altas personalidades do mundo político ou económico presuntamente teñen perpetrado en detrimento dos lexítimos dereitos dos demais. É tamén moi comprensíbel a repulsa que, hai xa algo máis, se produciu tamén respecto de certas persoas que chegaron a apoderarse de nenos acabados de nacer para dárllelos fraudulentamente a outros pais. Roubos de diñeiro ou de persoas a costa dos perdedores silenciosos ou silenciados. Mais tamén as palabras dun país en posesión da súa propia lingua e cultura, é dicir, as palabras nas que se contén e se expresa o específico modo de vivir e de entender o mundo de todo un pobo poden ser obxecto de depredación e espoliación. Os entendidos falan, posibelmente con non pouco eufemismo, de fenómenos históricos ou sociais de “substitución” lingüística. Mais este tipo de expresións, na súa asepsia avaliadora, semellan, queréndoo ou non, deixar non pouco de lado a relevancia e gravidade moral e humana de tal comportamento. Vén sendo algo así, aínda que naturalmente a distinto nivel, como cando un asasino sostén que non “asasinou” a ninguén, senón que só o “executou”... Hai, pois, roubos de corpos mais tamén de almas, de medios de subsistencia corporal mais tamén de aires ou atmosferas lingüísticas e culturais sen as que non pode vivir o espírito humano. Algo disto teriamos que pensar e meditar cantos nos encontramos neste sen par recuncho do mundo, se queremos continuar a ser aínda nós mesmos.
* [Publicado no “Faro de Vigo”, venres, 24 outono 2014, p. 57].
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|